O primeiro capítulo estréase esta mesma noite (21 horas) en academia.gal e en Youtube. Cada martes, ata o vindeiro 28 de novembro, presentarase un novo episodio. A serie poderá verse ademais en Nós TV, Movistar Plus e R.
A secretaria da institución, Margarita Ledo, presentou esta mañá en rolda de prensa esta proposta de cinema documental realizada por Nós TV canda a guionista, Ana Viqueira; a poeta Rosalía Fernández Rial, condutora dos catro capítulos; e o edil Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade do Concello da Coruña.
“A Real Academia Galega dálle con esta serie continuidade, noutro soporte e con diferentes linguaxes, ao que xa reivindicamos na exposición do centenario das Irmandades (2016), Saúde e Terra, irmá(n)s!, que contaba cunha sección propia sobre as irmandiñas”, contextualiza. “Buscamos un xiro discursivo na xenealoxía do galeguismo e do nacionalismo, dende o albor da modernidade, coa visibilización da igualdade de xénero como constitutiva da nación, e facémolo singularizando determinadas mulleres que destacaron en eidos tan significativos como a independencia económica e o mecenado, o corpo, a educación ou a acción pública. Elas son verdadeiros modelos de todo o que caracteriza a utopía dun tempo que o fascismo quebrou: o respecto entre os pobos, os dereitos das cidadás, a organización política como expresión individual e social”, engade a catedrática emérita de Comunicación Audiovisual.
“Non se pode entender a historia do noso pobo sen mulleres fundamentais”, expresa na mesma liña o concelleiro Gonzalo Castro, quen salienta o papel “historicamente moi relevante” que estas sempre tiveron na cidade da Coruña, á que están vinculadas catro das cinco protagonistas dunha serie que “ten moito de restauración da nosa memoria”.
A narración de Irmás na Fala enlíñase a través das biografías de cinco figuras destacadas do movemento: Micaela Chao Maciñeira, a “irmá pioneira”; a modista María Miramontes, mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego; a mestra Elvira Bao, seguramente a primeira irmá que pronunciou mitins; Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña e primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade; e a nadadora Emilia Docet, a chamada Miss España galeguista, participante no Mitin das Arengas da praza da Quintana canda figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo.
A través das súas biografías Irmás na Fala permite realizar “un exercicio de atoparse a unha mesma na cultura á que pertence, nesa parte da historia que o tempo quixo borrar”, valora Rosalía Fernández Rial. “Hoxe presentamos esta serie grazas a elas, e grazas tamén a todas as investigadoras, maiormente mulleres feministas, que pescudan na súa xenealoxía”, valora a guionista Ana Viqueira.
Pioneiras do feminismo
A serie conta coa participación da historiadora Encarna Otero, o historiador Xosé Alfeirán, as académicas correspondentes Ana Romero Masiá e Goretti Sanmartín; a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo; os filólogos Emilio Xosé Ínsua e Dolores Vilavedra; o deseñador Pepe Barro; a actriz Iria Pinheiro Santos, creadora da obra Miss Docet; e Felipe Ruíz de Miguel, sobriño neto de María Miramontes e o seu home, o editor de Nós e rexedor republicano de Santiago de Compostela Ánxel Casal.
Micaela Chao Maciñeira foi compañeira do home que liderou a creación das Irmandades, Antón Villar Ponte; e Elvira Bao e Amparo López Jeán tamén tiveron compañeiros de vida comprometidos co galeguismo, mais o seu papel e o doutras compañeiras nas Irmandades da Fala foi autónomo e activo, por máis que fosen “as obreiras invisibilizadas”, en palabras de Emilio Xosé Ínsua, dunha organización que se declarou a favor da emancipación feminina dende os primeiros compases. “Que un movemento que nace no 1916 proclame na súa primeira xuntanza xeral que a muller e o home teñen que ser iguais en dereitos dá a medida do seu compromiso, en teoría, coa causa da igualdade das mulleres. O nacemento da Sección Feminina dentro da Irmandade Coruñesa respondía a ese clima”, expón o investigador no capítulo 1, que ten como protagonista a Micaela Chao Maciñeira.
“Ao tempo que elas conquistan os seus dereitos, fan avanzar o conxunto das Irmandades”, reflexiona Encarna Otero, quen lembra que as irmandiñas tamén desempeñaron un papel político a nivel estatal e internacional: “Na resposta que lle dan ao manifesto da Asociación Nacional de Mujeres Españolas, as mulleres galegas reivindican que Galicia existe, póñena ao mesmo nivel cás outras nacionalidades, e propoñen un modelo federal do que logo se vai falar no Partido Galeguista”.
Vindeiros capítulos
O martes 14 de novembro estrearase o segundo episodio, centrado en Elvira Bao e María Miramontes, dúas figuras centrais na galeguización da educación que defendían as Irmandades da Fala, que trataron de poñer en marcha as Escolas de Insiño Galego. O 21 de novembro lanzarase un novo episodio sobre Amparo López Jeán e Emilia Docet e o derradeiro capítulo, que poderá verse a partir do 28 de novembro, abordará o legado das irmandiñas.