“Entre a vida e a obra de Manuel María non hai contradicións, e iso non é tan fácil”

"Pregúntame o que queiras, pero non me fagas falar no nome de Manuel María", insiste Saleta Goy. Dela, a súa compañeira na vida durante case medio século, o poeta de Outeiro de Rei deixou escrito que é "chama apaixonada e transparente, levidade de neve, torrente e forza", entre outros moitos versos cheos de beleza. Pero a Saleta os que máis lle gustan non son os de amor, senón aqueles nos que aparece sen ser nomeada expresamente, a través do cotián, da vida. E tamén un dedicado á Casa de Hortas, o fogar no que o poeta naceu e medrou, engade nesta conversa arredor da obra e da vida compartida con Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 - A Coruña, 2004) que transcorre no seu outro fogar, a casa do barrio de Monte Alto ao que se mudaron ao se xubilaren.

Saleta Goy, na casa do barrio de Monte Alto á que se mudou con Manuel María ao se xubilaren. Ao fondo, un retrato do poeta.Foto: RAG


A Casa de Hortas é hoxe casa-museo e sede da Fundación Manuel María, da que Saleta é presidenta. Desde que abriu as portas en setembro de 2013, non lle falta público, mais este ano, no que a Real Academia Galega lle dedica ao escritor o Día das Letras Galegas, a afluencia está a medrar de forma notable. Claro que o obxectivo principal da Fundación, nestes doce meses e sempre, é que a obra de Manuel María se relea, e que sexa lida tamén por primeira vez pola xente máis nova. "E despois, que fagan crítica, que digan se lles gusta ou non lles gusta. O importante é que cultiven o espírito crítico", conclúe. Unha calidade, a visión crítica do mundo, moi presente na traxectoria do escritor. Tanto na obra como na vida, porque entre unha e outra "non hai contradicións", salienta Saleta, compañeira tamén na loita cultural e política, torrente e forza.

Empecemos polo principio, no Lugo de 1956, cando vostede e Manuel María se coñeceron. Foi nun dos cafés aos que adoitaba acudir á tertulia.
Si, cando nos coñecemos eu estaba cunha amiga, unha irmá do pintor Grandío. El estaba noutra mesa e comezamos a charlar. Cando marchamos para a casa el acompañoume… e despois empezamos a nos cartear, e así comezou a nosa relación. Eu sempre explico que me namorei antes das cartas ca do poeta (ri)! Esas cartas algo tiñan, eran moi bonitas. Puxémonos de acordo para rompelas.

Espero que non sexa certo.
É, é. Na túa vida non ten que furgar ninguén. O que importa é a obra, penso eu. Entón as intimidades…

Cando vostede o coñeceu xa tiña varios poemarios nas librarías e era recoñecido como o primeiro poeta novo que escribiu en galego na posguerra. Malia o tempo no que lle tocou medrar, el xa tivera un primeiro contacto coas letras galegas sendo neno e medrou tendo acceso a moitos libros, non si?
El tivo un mestre moi bo en Rábade. Sempre lles falaba aos rapaces en castelán, pero os sábados dedicábanos a leren poesía galega, e seu pai tiña ademais na casa Cantares Gallegos e algún libro máis das nosas letras. Manuel leu ademais moitos clásicos co seu tío cura, con quen viviu en Lugo.

Sendo ben novo tamén tivo quen lle aprendera a arte dos versos, Paderna.
Paderna acabou sendo barbeiro na súa propia barbería, pero naqueles anos traballaba na Casa de Hortas. Aprendeulle a el e a outro rapaz a falar en verso, era un poeta popular. Despois Manuel homenaxeouno en moitas ocasións na súa obra.

El adoitaba dicir que primeiro escribía para a súa tribo e despois para Galicia enteira. Quen eran a súa tribo?
A súa tribo era Outeiro de Rei. Tiña necesidade da súa terra, da horta da súa casa. Cando chegabamos alí e abría a porta do coche, antes de ir ver a nai e os irmáns facía unha cousa: ía antes ca nada á horta, tiña unha necesidade enorme de ver a terra.

Dedicoulle varios poemas a esa Casa de Horta, pero tamén escribiu para toda a Terra Chá, que leva o nome dun dos seus poemarios. Darío Xoán Cabana dixo deste libro que sen el non sería poeta.
Ben, Darío é moito de extremos. Como non ía ser poeta! (ri).

É un xeito de recoñecer a importancia que Manuel María tivo para a xeración de poetas que o sucedeu. El tamén recoñeceu influencias, unha delas en 'Terra Chá' e compartida cos 'Eidos' de Novoneyra.
O Manuel e Uxío Novoneyra cadraron no servizo militar. El sempre dixo que das lecturas nesa época de Noriega Varela saíron eses dous libros. É posible, as terras son distintas, "Manuel e Uxío Novoneyra cadraron no servizo militar. El sempre dixo que 'Terra Chá' e 'Os Eidos' saíron das lecturas de Noriega Varela nesa época" A Terra Chá e O Courel, e deron libros distintos (…). Manuel María lía moito, podía botar todo o día lendo, e lía de todo. Primeiro encaixárono como un poeta rural, pero eu creo que se se coñece a obra non é tan limitada. O que está claro é que segundo vas coñecendo o mundo tamén a obra se desenvolve (…). Parte dela ten un sentido nacionalista, pero despois hai de todo: intimismo, preocupación pola morte, ata o panteísmo de última hora, se queres.

Un dos momentos de cambio na súa vida foi o ano 1953, cando lle morreu un irmán. Daquela traumática experiencia saíu 'Libro de pregos', premiado en Buenos Aires e que permaneceu inédito case unha década.
Si, o impacto pola morte do irmán está nese libro, froito dun momento no que ten unha crise relixiosa moi forte. El fora educado co seu tío crego e chegou un momento en que se revolveu contra toda esa educación católica que levaba enriba. Anos despois chegaría Documentos personaes, que é xa un libro de transición, e o seu primeiro de denuncia. Daquela estaba facendo as prácticas como procurador e empregou o estilo dos documentos burocráticos. E logo viría Mar maior, que é un libro de moitas etapas. Recolle poemas que tiña no caixón, porque Manuel María escribía moito. Quizais o feito de vivirmos en Monforte influíu en que dese máis obra, porque unha cidade ao mellor absórbete máis. El tiña dificultade para publicar con Galaxia, pero Mar maior saíu aí, en 1963, por Celso Emilio Ferreiro e Francisco Fernández del Riego, nunha colección de poesía, Salnés, que se creou para que os novos gobernaran. Non obstante, Manuel María niso sempre tivo sorte e publicou en Arxentina, Uruguai ou Suíza ao gañar concursos que se facían nos centros galegos, e foi tamén traducido a distintos idiomas.

Pero el mesmo foi tamén editor, creador do selo Xistral, no que tamén publicaron outros autores máis novos.
Si, publicáronse obras de Lois Diéguez, Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo, Xosé Luís Álvarez Pousa, Félix Vergara Vilariño, Xosé Lois García, Bernardino Graña e o propio Manuel. Facíanse cadernos humildes e se non cubrían os custos, sacabamos cartos da libraría para pagalos.

Xistral tamén foi socia da compañía catalá Edigsa na gravación de discos da Nova Canción Galega, e Manuel María tivo unha estreita relación con aquel fenómeno.
No ano 67 Raimon foi dar un concerto a Santiago de Compostela e a xente pelexaba por presentalo. Dixo entón que non o presentaba ninguén, que Manuel María lería un poema e que así empezaría o recital. A partir de aí empezaron a ter moi boa relación, e tamén entrou en contacto con Edigsa. Co selo Xistral-Edigsa graváronse os primeiros discos de Voces Ceibes, e tamén Manuel María. Poemas ditos coa súa voz (1968).

Como sorteou a censura? Nese disco figuran poemas como "Acuso á clase media".
Cando Manolo Conde, que era o encargado de Edigsa de levar os traballos a pasar pola censura, foi a Madrid con O disco, que incluía "Acuso á clase media", pasou a censura facendo crer que Manuel María era un pseudónimo de Afonso X este disco, o señor que o atendeu nesa ocasión preguntoulle "e este Manuel María quen é?" El respondeulle: "Pois non lle sei, non sei se será un pseudónimo de Afonso X O Sabio". Entón púxolle o selo e tirou para diante! (ri). Cando foron cun segundo disco, con poemas seus e de Ferrín, xa non pasou.

Discos como este e o feito de seren musicados poemas seus por outros artistas axudaron a popularizar aínda máis a súa obra. Neste ano dedicado á súa figura emerxen varios proxectos que volven musicar a súa poesía, que se presta moi ben a se converter en cancións.
Sempre axuda que te canten, é máis fácil oír un disco ca ler un libro. Toda a poesía que ten algo de calidade, penso eu, ten certa musicalidade, aínda que non sexa rimada. Pero da libre que non ten musicalidade, desconfío dela.

Esa musicalidade da que fala está tamén moi presente nos verso que lle dedicou a vostede. Cales son os seus poemas favoritos dos que deixou escritos?
Pois quizais os que son menos de amor. Hai un poema sobre a Casa de Hortas que me gusta moito, porque sei canto a quería. Gústanme todos, pero neses nos que estou na vida, sen que sexan ex profeso poemas de amor, gústanme máis.

A través do cotián.
Si, a nosa vida foi moi interrelacionada, inclusive as profesións. No ano 70 abrimos en Monforte de Lemos a libraría Xistral. El ía ao seu traballo e despois sempre estaba na libraría. Quen traballaba nela era eu, pero el era un referente.

Xistral foi algo máis ca unha libraría, foi un centro de dinamización cultural. Tamén escribía alí?
Si. Nun recuncho había unha mesa de braseiro. Podía estar a libraría chea, que el sentaba alí, abstraíase e era capaz de concentrarse por completo. A luz resucitada "Nun recuncho había unha mesa de braseiro. Podía estar a libraría chea, que el sentaba alí e era capaz de concentrarse por completo. 'A luz resucitada' escribiuno un mes de agosto no que había moitísima xente" escribiuno así, un mes de agosto no que había moitísima xente, porque viña toda a que vivía fóra, en Barcelona, Madrid ou o País Vasco. Tiñamos todo o libro galego, ademais da cerámica de Sargadelos, así que pasaban por alí moitas persoas. Eu estaba abraiada de como se podía concentrar, porque eu non podo facer iso de maneira ningunha (..). Documentos personaes (1958) escribiuno no café España de Lugo. Entusiasmoulle tanto ao señor que o rexentaba, Carlos Veiga, que lle pagou a edición, e por iso llo dedicou.

Foi procurador e tamén daba clases nunha academia. Que tal compaxinaba estes traballos coa poesía?
A profesión de procurador non lle gustou nunca, nin tampouco dar clases. O que lle gustaba era o del: escribir e ler. E viaxar. Niso estabamos os dous moi de acordo, así que pechabamos a libraría 15 días, máis ou menos, para ir polo mundo. Viaxaba sempre cos ollos postos no seu país. Ten un poema, "Arcadia", que eu creo que reflicte iso.
Tamén era amante das tertulias. De feito, na do café no que se coñeceron conversaba sendo ben novo con Celestino Fernández de la Vega ou Luis Pimentel.

Que recordo garda vostede daqueles faladoiros e daqueles persoeiros xa históricos das nosas letras que participaban neles?
Antes había moi boas tertulias! Eu teño estado en tertulias en Santiago, en Lugo, en moitos sitios, con xente encantadora da que aprendías moitísimas cousas. Celso Emilio era simpatiquísimo e con Celestino entendíame moi ben, era moi sarcástico e eu arreáballe tamén (ri), era tremendo. Manuel tíñalle moito respecto a Pimentel, que era un señor moi elegante e que falaba nun ton moi musical. A súa poesía é tamén moi delicada. A Otero Pedrayo tamén lle tiña moito respecto, pero con Vicente Risco eu falaba moito. Era un señor cunha linguaxe moi sinxela, e moi irónico.

Moito tempo despois e xa instalados na Coruña, Manuel María foi a cerna doutro faladoiro, o da cafetería Kirs. Recuperou a tertulia clásica?
Si, por alí pasaba moita xente e de todo tipo, como nas tertulias de sempre. Falábase de literatura e de calquera outro tema.

Volvamos á súa obra. Pedíalle Manuel María opinión sobre os seus textos?
Normalmente era eu a primeira que os lía, e ás veces facíame caso e outras non. Eu sempre fun moi crítica! (ri).

Como comentaba antes, Manuel María é un escritor cunha temática variada, e tamén moi popular. Parte da súa obra é ademais infantil, ideal para enganchar os máis novos á lingua e literatura galegas.
"Gustoume moito que o centenario das Irmandades da Fala coincidise co Día das Letras dedicado a Manuel María. Paréceme unha necesidade volver ler a nosa literatura e a nosa historia"Eu creo que hai moito para traballar, e non só con Manuel María, con moitos máis tamén. Se se quere traballar en revitalizar o país, pódese facer de moitas maneiras, e buscando relacións. Por exemplo, estou pensando na celebración do centenario das Irmandades da Fala, gustoume moito que coincidise co Día das Letras dedicado a Manuel María. Paréceme unha necesidade volver ler a nosa literatura e a nosa historia.

Si, 2016 será un ano de dobre celebración.
Claro, a ver se a xente ve que hai un país.

Esa era unha das teimas da súa poesía. Pensa que nestes tempos que corren volvería escribir poesía de denuncia?
Non quero falar en nome de Manuel, pero entendo mal que se poida ser escritor se un non ten espírito crítico. Non concibo que a xente non reflexione sobre o que está a pasar hoxe.

Ese espírito crítico está na súa obra literaria, pero tamén no intenso labor como activista cultural que sempre desenvolveu.
En Manuel María non hai contradicións entre a vida e a obra, e iso non é tan fácil como parece. Dicíao Otero Pedrayo: envellecer con dignidade é moi difícil. Custa moito chegar ao final da vida sendo coherente.