‘Economía, linguaxe e poder’, de Xaime Isla Couto

Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915 - Vigo, 2012) foi un dos pioneiros na aplicación da perspectiva económica á acción galeguista. Este enfoque queda ben reflectido no seu discurso de ingreso na Academia, Economía, linguaxe e poder, que a institución ofrece no seu catálogo dixital.
Xaime Isla Couto
Fotografía de Xaime Isla Couto cedida pola Fundación Isla Couto


A RAG renderalle homenaxe a Xaime Isla Couto o vindeiro mércores 23 no centenario do seu nacemento cunha mesa redonda, na Casa da Cultura de Vigo, na que o económico será un dos aspectos analizados. Diso encargarase Xabier Martínez Cobas, que compartirá mesa cos académicos Víctor F. Freixanes, quen falará da relación do intelectual coa editorial Galaxia, da que foi cofundador; Xosé Luís Franco Grande, cunha intervención titulada Xaime Isla Couto ou o proxecto permanente, e Rosario Álvarez, que actuará como moderadora.

O ingreso de Isla Couto, en xaneiro de 1999, supuxo a apertura da RAG á economía, desde unha perspectiva social e galeguista. Xa en 1952, "no máis absoluto deserto de literatura económica galega", en palabras de Xosé Manuel Beiras, Isla publicou, no número 4 da Colección Grial, un ensaio no que tentaba caracterizar a situación económica de Galicia, "reducida a protagonista pasiva dos grandes cambios que lle ían impoñendo o desenvolvemento industrial sen que o noso corpo social tivese órganos propios para adecuar ese proceso á realidade galega", lembra en Economía, linguaxe e poder, dispoñible na sección Publicacións de academia.gal.

Este traballo, "un verdadeiro berro galeguista de denuncia", dicía Ramón Piñeiro, encoraxaba os economistas do país a elaboraren de xeito cabal unha teoría económica propia. O aguillón para espertar a conciencia desta necesidade foi a Revista de Economía Galega, que o propio Isla promoveu en 1958 e que sostivo, "pese ás consabidas eivas e atrancos de toda clase", ata 1968.

Corenta e sete anos despois daquela diagnose, Isla Couto advertía en 1999 ao entrar na Academia que "o descrédito das ideoloxías maniqueas, a crise tamén dos estado-nación centralizados, xunto coa mundialización ou globalización da economía e a acelerada revolución tecnolóxica", situaban a sociedade diante dunha nova época, a era da información e do coñecemento, "e dun mundo transfigurado como sociedade de redes e non de fronteiras, pero de recuperación, ao mesmo tempo, das identidades e diferenzas do mundo da cultura e das linguas". "Canto máis se converta o inglés na segunda lingua de todo o mundo, máis prezada se estima a primeira, a lingua materna, porque é a que constitúe a identidade propia de cada pobo", engadía citando a John Naisbitt.

Neste contexto, Isla subliñaba a necesidade de "fortificación da sociedade civil e da democracia real de abaixo a arriba, solidaria e participativa, e a neutralización dos efectos perversos dos poderes transnacionais dominantes". "A recuperación, en fin, da identidade común da lingua e dos valores culturais propios, da súa creativa especificidade universal", concluía.