O protagonista do Día das Letras Galegas 2023 achega neste libro publicado por Ediciós do Castro as vivencias persoais baseadas na súa amizade co editor, iniciada no outono de 1931, data na que Casal trasladara a Compostela a imprenta Nós, procedente da Coruña.
Del Riego participaba con frecuencia nos faladoiros do seu local, xunto con outros universitarios, intelectuais e artistas. Axiña o editor trasladaría de novo a imprenta a outra rúa da cidade, como reflicten as seguintes palabras de don Paco: “Ao pouco tempo de se establecer na rúa das Hortas a Imprenta Nós, o seu propietario decatouse de que as dispoñibilidades do local non enchían as necesidades que o labor editorial esixía. Propúxose entón procurar outro máis folgado, e de mellor situación, para os seus fins. Atopouno, ao cabo, nos baixos do número 15 da rúa do Vilar. Foi nestes baixos da casa dos Gutiérrez de Caviedes onde decorreu a actividade editorial máis intensa realizada polo meritorio impresor. Desde aquela, e ate o ano 1936, saíron do prelo unha chea de libros, diversas revistas, folletos, follas voandeiras, carteis de variado feitío, sempre ao servizo da cultura e da política do país”.
Máis adiante continúa comentando Del Riego: “Fóra dos visitantes esporádicos, eramos uns poucos amigos os que con máis asiduidade frecuentabamos os locais da editorial, na rúa do Vilar, e a amizade de Ánxel Casal. (...) O taller tipográfico de Casal non dispuña apenas máis que de dúas ou tres Minervas, unha guillotina e unhas modestas caixas de tipos móbiles. Era un taller sinxelo que, ademais desas poucas máquinas elementais, contaba con só tres ou catro obreiros.(...). Aló polo serán acobadabámonos sobre o mostrador de entrada á imprenta, a enfiar proxectos co editor”.
De feito foi don Paco, xunto con Luis Seoane, quen máis tempo pasou neste taller realizando múltiples tarefas, como a corrección de probas dalgúns libros, entre os que se atopan as obras de Castelao Retrincos (1934) ou Os dous de sempre (1934), o que lles subministrou abondosa experiencia no achegamento posterior de ambos os dous intelectuais ao mundo editorial, desenvolvido, no caso de Del Riego, na editorial Galaxia.
Xurdiron ademais, desas produtivas conversas, interesantes iniciativas como a creación do Grupo Galeguista de Santiago, dirixido polo editor e do que foi secretario o seu amigo Del Riego.
A editorial Nós deixou en herdanza, a prezos moi accesibles, centos de libros que prestixiaron a nosa cultura. Da súa etapa na Coruña son meritorios títulos como O porco de pé (1928), de Vicente Risco; De catro a catro (1928), de Manuel Antonio; Conto de guerra (1928), de Camilo Díaz Baliño; ou Arredor de si (1930), de Ramón Otero Pedrayo. Da súa época en Santiago de Compostela son obras como Os evanxeos da risa absoluta (1934), de Antón Villar Ponte; ou Mar ao norde (1932), de Álvaro Cunqueiro.
Foi tamén a editorial Nós, en palabras de Del Riego, “centro de reunión polo que pasaron, no decorrer dos anos, as figuras máis caracterizadas das letras galegas contemporáneas, e da política do galeguismo da que Casal fora pioneiro entusiasta”. É xusto lembrar que esta singular empresa, dedicada ao libro galego, se levou a cabo coa inestimable colaboración económica da muller de Ánxel Casal, María Miramontes, grazas ao seu traballo de modista.
A día de hoxe, o editor Ánxel Casal dálle nome á Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, cidade da que foi alcalde durante os meses precedentes ao seu asasinato en 1936. Naquela altura puxérase á fronte do Comité Republicano de Santiago, aínda que se vira obrigado a ceder o mando e refuxiarse, pouco despois, na súa casa familiar de Vilantime, en Arzúa. Tiña tan só corenta anos cando foi asasinado.
Ademais do libro sobre a súa figura, Fernández del Riego detívose tamén no mundo da edición noutras obras como Presencia de Vigo na industria do libro e nas publicacións periódicas (Ediciós do Castro, 1991) ou A xeración Galaxia (Galaxia 1996).