¡En pé!, de Ramón Cabanillas

"É o poeta mais compreto, xa que leva no celebro unha visión íntegra do porvir da sua patria, sendo coma ponte antre os bardos do primeiro renacimento e os que xurden do d'agora", expresaba en 1929 Antón Villar Ponte sobre Ramón Cabanillas, de cuxo ingreso na Academia se cumpren esta semana 95 anos.

Mostra deste retrato é ¡En pé!, poema que Cabanillas dedicou a Luís Porteiro, un dos fundadores das Irmandades da Fala. Estes versos, unha chamada á unión dos galegos para loitaren pola súa liberdade, forman parte da obra Da terra asoballada, publicada en 1917 cunha cuberta ilustrada por Castelao.

¡EN PÉ!
¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa fronte erguida,
envoltos en brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e n-unha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantemol-o dereito
a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
a patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas pol-o tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
ergámol-a bandeira azul e branca!
¡E ô pé da enseña da nazón galega
cantemol-o dereito
a libertar a Terra!

¡Irmáns no amor â Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé, dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medulio
con sangre quente e roxa
mercámol-o dereito
a libre, honrada chouza!
¡Xa está ô vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva n-unha man, a fouce n-outra,
berremos alto e forte:
¡A nosa terra é nosa!