O acto encheu o centro cultural A Fábrica do Concello de Oleiros. Foto: Sergio Casal
Xesús Alonso Montero explicou os álbums da guerra de Castelao e como chegaron a exhibirse con éxito no Museo Estatal de Arte Occidental de Moscova (cuxos fondos se repartiron entre o Hermitage e o Pushkin cando se desmantelou, en 1948) e no Museo da Revolución, o actual Museo da Historia Moderna de Rusia. "As 31 estampas de Castelao levaron a historia de Galicia polo mundo", salientou o presidente da RAG no acto organizado polo Concello de Oleiros coa colaboración da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Castelao chegou á Unión Soviética como parte da delegación española que a visitou, con motivo das festas do Primeiro de Maio, cando España estaba sumida en plena Guerra Civil. Escapando do conflito bélico tamén chegaron naqueles tempos á Unión Soviética Araceli Ruiz e Libertad Fernández, dúas dos milleiros de menores que se exiliaron na URSS. Xunto á moscovita Shura Marcova, viúva doutro español que escapou a Rusia, as nenas da guerra contaron a súa historia nun acto moderado por Carmen Rodeja, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, e os estudantes do IES Xosé Neira Vilas Ángela Pérez e Daniel Sánchez.