Tribuna

José Luis Pensado

Neste mes hai cen anos que naceu en Negreira (A Coruña) José Luís Pensado Tomé, un investigador que dedicou gran parte da súa vida ó estudo da nosa lingua. Como nos pasou a outros, Pensado estudou os dous primeiros cursos de Filosofía e Letras en Santiago (1943-1945) para trasladarse despois a Madrid, onde cursou a especialidade de Filoloxía Románica (1945-1948) e fixo a tese de doutoramento con Dámaso Alonso, que o acolleu primeiro como profesor adxunto interino e en 1951 xa como titular ata que en 1957 gañou por oposición a cátedra de Filoloxía Románica da Universidade de Oviedo, onde estivo ata 1962, para pasar despois á Universidade de Salamanca, cidade na que permaneceu ata a súa morte no ano 2000. 

Cando eu cheguei a Madrid en setembro de 1957 xa non tiven a oportunidade de telo como profesor e souben del pola súa edición dos Miragres de Santiago (1958), un traballo moi sólido que xa deixaba entrever o que sería a súa traxectoria investigadora posterior. Algúns anos despois xa entramos en contacto e uniunos unha grande amizade durante moito tempo. Cando el viña de vacacións a Galicia pasaba con frecuencia pola miña casa e, cando decidiu comprar unha casa pola zona onde eu tiña a miña, andamos buscando polas aldeas veciñas ata atopar a que comprou na freguesía de Ames, na aldea de Pousada, casa na que depositou unha boa parte da súa biblioteca. Desta maneira, ou ben na miña casa ou ben na súa, as visitas eran continuas.

Pensado sempre se caracterizou polo estudo profundo dos temas tratados, cun dominio total da materia estudada, ó que lle axudaron a súa sabedoría e erudición, e iso vémolo nos numerosos libros e artigos que publicou. Tiña obsesión polos libros e lembro que, cando moitas veces andabamos polas tendas dos anticuarios de Madrid, compraba sempre algún libro e quedaba amolado se eu atopaba e compraba algún que tamén lle interesaba a el. Así, ó longo da súa vida foi reunindo unha magnífica biblioteca, que lle serviu de grande utilidade para os estudos que acompañan os textos que editou e a súa curiosidade de grande erudito e atento lector sempre o levou a descubrir nos libros antigos episodios e particularidades que lle valeron para a confección de moitos dos seus artigos. O que lea calquera destes artigos quedará asombrado polo dominio da materia tratada e aquel que se enfronte coas súas edicións de textos lexicográficos sorprenderase da meticulosidade con que estuda as palabras, o que fai que moitas veces o seu estudo ocupe moito máis espazo có propio texto editado.

Pensado puidera regresar a Galicia e ser catedrático en Santiago, mais non o fixo. Preferiu continuar en Salamanca. Con todo, a súa vinculación con Galicia foi constante e en bastantes ocasións estivo na nosa terra participando como investigador invitado en diferentes actos. El falaba correctamente o galego, aínda que nunca foi militante do galeguismo e case toda a súa obra está escrita en castelán. Lembremos as súas edicións de textos medievais, a edición de moitas obras do padre Sarmiento e diferentes traballos sobre este autor, numerosos artigos sobre temas lingüísticos do século XVIII ou doutra época nos que trata tanto o léxico galego medieval coma o moderno e tamén a toponimia, manexando numerosa bibliografía e buscando a orixe das palabras. A todos estes traballos hai que sumar os numerosísimos artigos publicados no xornal La Voz de Galicia, onde tratou os temas máis heteroxéneos e nos que ofrece unha ampla visión da Galicia pasada e da presente. E non esquezamos que tamén escribiu artigos sobre temas portugueses, asturianos, leoneses ou casteláns.

Un investigador como el honra a terra onde naceu e a súa inxente obra merece tódolos eloxios. Cando eu comecei a preparar a edición de textos medievais Pensado foi o principal referente e desde ese momento sempre sentín por el admiración e simpatía.
 

Ramón Lorenzo
Académico de número