Versos inéditos de Xohana Torres para a súa despedida

Amizades e compañeiros e compañeiras da Real Academia Galega acompañaron onte a familia de Xohana Torres na súa despedida no tanatorio Vigo Memorial, onde se lle dedicou unha pequena homenaxe con intervencións de amigos e amigas. Xan Carballa deu lectura a un poema inédito de Xohana Torres (ler abaixo) que formaría parte, segundo prevía a escritora, dun novo libro. "Xohana estaba cunha grande lucidez e preparaba varios proxectos", explica o xornalista e editor. A autora finou o 12 de setembro en Vigo aos 85 anos de idade.

Xan Carballa lendo os versos inéditos de Xohana Torres 


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o académico Xesús Alonso Montero e a académica electa Chus Pato tomaron a palabra na despedida para recordar con afecto a Xohana Torres como escritora e muller comprometida. Tamén o fixo o editor Francisco Castro, responsable de Galaxia, o selo no que Xohana Torres se deu a coñecer en 1957 co seu primeiro libro, Do sulco, e as académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre leron poemas da propia Xohana Torres.

Os últimos versos que se escoitaron nesta despedida, na voz de Xan Carballa, son os do poema que a propia Xohana Torres lle entregou ao seu amigo e editor Pepe Puga hai apenas un mes, que se reproducen abaixo. "Formaría parte dunha serie de doce, un por cada mes do ano, que xa daba por definitivos. O libro titularíase Últimas tardes con Xohana.

Engaiolarte Edicións abriu en 2016 a Biblioteca Xohana Torres, que incluiría toda a súa obra, con Elexías a Lola. Xan Carballa explica que o selo mantén o proxecto comprometido con ela e, de feito, nas vindeiras semanas está previsto que saia do prelo un ensaio inédito, Viaxe ao país do Teixido, co que gañara o premio de Etnografía Federico Maciñeira, convocado en 1972 pola Deputación da Coruña. Posteriormente publicaranse as súas dúas obras teatrais, Á outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río. Tamén se prevé a edición dun volume baixo o título Vigo, capital das illas e do mar que lle facía "grande ilusión", conclúe Xan Carballa.

Manteño desde nena
esta impresión
de perder sempre o tempo.
¿Ser máis do que é posible?
Teoría de relatividade:
nada importante é relativo.
(E gritaba, Lola, Loliña, por Doniños
¡Lolaina! Só como terapia)
A estas alturas da vida
ando xa para atrás
como un cangrexo.
A morte é unha asfixia gradual;
ao final, ¿respirarei por branquias?
Ao final seremos todos
máscaras de ouro,
exquisitos cadáveres pasmados.
Nestes días estou como Verlaine
nun pazo de inverno.
Que difícil partir,
cando non temos alas de regreso.
Aí, Amalia Rodrígues,
meu fado de soidá.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar