Comeza a Primavera das Letras de Luísa Villalta

O violín de Luísa Villata, a guitarra inglesa de Rosalía e unha pequena de pelo escuro e ollos da cor do loureiro preséntanlles a vida e a obra da protagonista do Día das Letras Galegas 2024 aos nenos e nenas no conto-biografía sobre a homenaxeada que xa pode descargarse en primaveradasletras.gal. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e a académica responsable desta páxina web, Fina Casalderrey, inauguraron hoxe en Sada a nova edición do proxecto dixital, da man das comunidades educativas do CEIP Sada y sus Contornos e do IES Isaac Díaz Pardo, onde a escritora foi docente de Lingua e literatura galegas dende o ano 1991 ata o seu pasamento no 2004. No acto tamén participaron Susana Villalta, irmá da homenaxeada, e o alcalde de Sada, Benito Portela.

1/7

Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores do conto biográfico, titulado Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, no que “achegan a xente miúda da maneira atractiva á nosa autora”, salientou Fina Casalderrey. Canda estas dúas figuras de referencia da literatura infantil e xuvenil (LIX) do país dende a década dos anos 70 -recoñecidas con distintos galardóns-, traballou poñéndolle imaxes á historia o premio Nacional de Ilustración Óscar Villán.

A RAG ofrece ademais en primaveradasletras.gal unha serie de actividades interactivas arredor do universo vital e literario da autora que irán medrando nas vindeiras semanas, fichas para colorear e ligazóns de interese, e volverá convocar o concurso Contádenos o voso Día das Letras. Nos vindeiros días, dentro da sección Lingua Guapa -que ofrece contidos alén da celebración do Día das Letras Galegas- estrearanse así mesmo unha serie de entrevistas a autores da LIX do país nas que rememoran o seu espertar como lectores e escritores. A primeira será a protagonizada por Paco Martín, creador de títulos célebres como o afamado Das cousas de Ramón Lamote, que lle dá nome a toda unha xeración de escritores da nosa LIX dos anos 80 e 90 do século pasado. Todas estas iniciativas contan co apoio económico da Deputación da Coruña, que financia Primavera das Letras dende a súa posta en marcha no ano 2016.

A primeira festa dedicada a Luísa Villalta
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica coordinadora do proxecto, Fina Casalderrey, inauguraron este mediodía a Primavera das Letras de Luísa Villalta canda alumnado e profesorado do CEIP Sada y sus Contornos e dunha representación do instituto Isaac Díaz Pardo na festa que encheu o auditorio sadense da Casa da Cultura Pintor Lloréns. 

Víctor F. Freixanes agradeceulles aos docentes o bo facer e a ilusión con que lles trasladan ás novas xeracións o que significa a gran celebración da cultura galega. “A transmisión do aprecio e do coñecemento da nosa lingua, da nosa literatura, da nosa cultura, depende das familias e das accións que se promovan dende as administracións, entre outros axentes. Pero sen dúbida ten un aliado excepcional en vós. Grazas pola compromiso co que desenvolvedes o voso labor, que realizades decote por riba do que é a vosa obriga. Sen vós a verdadeira primavera das letras non sería posible”, expresou.

Fina Casalderrey puxo o acento tamén no “enriquecedor intercambio” que supón que Primavera das Letras vaia da man da comunidade educativa de Sada nun ano que, augurou, será especialmente emotivo. “Luísa Villalta morreu no mellor da súa capacidade creativa, con 46 anos, porén deixounos un legado impresionante con respecto á súa obra. Non é o máis común que poidamos gozar do testemuño directo da nai da homenaxeada, da irmá, de amigos, de compañeiras de estudos, de instituto, de exalumnos... Ben seguro, dende a emoción, todos eles axudarannos a saber máis da Luísa Villalta intrépida activista cultural que dominou todos os xéneros. Narradora, profesora, dramaturga, ensaísta, poeta, violinista, tradutora... que sementou tanto compromiso, tanto amor á nosa lingua e á nosa cultura”, apuntou a académica.

O colexio de Sada y sus Contornos e a RAG
Os protagonistas da presentación foron os alumnos e alumnas do CEIP Sada y sus Contornos, parte dos cales levaron á escena unha adaptación teatral da historia do académico correspondente Xoán Babarro e de Ana María Fernández realizada pola mestra Tamara Rodríguez. Pola banda do IES Isaac Díaz Pardo, o alumno Roque Souto Parga e as alumnas Eva Mato Escurís e Candela Naya López, de primeiro de bacharelato, deron lectura a varios fragmentos de obras poéticas e ensaísticas de Luísa Villalta.

O acto arrincou coas palabras de benvida do director do CEIP Sada y sus Contornos, Andrés Saavedra, quen salientou a contribución de Primavera das Letras para a promoción do idioma na infancia. “A nosa lingua é un tesouro e unha ferramenta que Luísa Villalta empregou non só para a creación literaria, senón sobre todo para mostrar o seu amor pola nosa terra, tentando construír unha Galicia e un mundo mellor: sen guerras, con igualdade entre mulleres e homes, ecoloxista e máis xusto. Iso é precisamente o que fai que Luísa sexa un exemplo para todos e todas, pero sobre todo para os nenos e nenas”, valorou. 

O docente lembrou ademais o vínculo do colexio coa RAG. “Manuel Lugrís, un dos académicos fundadores e presidente (1934-1935), foi presidente honorario da sociedade Sada y sus Contornos e participou activamente nas xestións para a construción da nosa escola, ademais de asistir aos primeiros exames que tiveron lugar o 8 de xullo de 1928”, recordou.

O rexedor Benito Portela, alumno de Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo, salientou o orgullo que supón para o concello a vinculación da autora con Sada. “Somos moitos os que aprendemos con ela a amar a nosa lingua, a coñecer a nosa literatura. Luísa foi para moitos de nós mestra máis aló das súas ensinanzas”, expresou. “Ler a Luísa é a mellor maneira de recordala e homenaxeala. Dende o Concello de Sada animamos toda a nosa veciñanza a que se achege á súa obra”, engadiu.

Susana Villalta púxolle o ramo ao acto, acompañada do presidente da RAG. A irmá da autora agradeceu a homenaxe celebrada na vila onde foi docente e puxo tamén o acento no seu compromiso dende as aulas. “Luísa entraba cada día no seu instituto de Sada coa ilusión primeira para encontrarse co seu alumnado, arestora representado por estes mozos e mozas que prepararon con ilusión este acto”, apuntou. “Con certeza a súa memoria sempre estará con nós, porque polos actos na súa honra será sempre recoñecida como a muller que soubo harmonizar de maneira sublime a creatividade literaria co pensamento lóxico e reflexivo, sumada ao seu posicionamento social cos principais conflitos do seu tempo. Todo isto nun código único, o galego, a súa lingua, que traballou con espero e rigor para que a súa mensaxe chegase a todo o mundo, sen ningunha diferenza”, concluíu.