Un acto recordará o 1 de febreiro a Sebastián Martínez-Risco

A Real Academia Galega (RAG) celebrará o vindeiro mércores, 1 de febreiro, unha homenaxe ao xurista e presidente da institución Sebastián Martínez-Risco (Ourense, 1899 – A Coruña, 1977) nos corenta anos do seu pasamento. O acto, aberto ao público e organizado en colaboración coa Irmandade Xurídica Galega, terá lugar na sede da RAG (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) a partir das 19.30 horas.
Sebastián Martínez-Risco. Fondo RAG

A homenaxe contará coas intervencións de Xosé Ramón Freixeiro Mato, biógrafo de Sebastián Martínez-Risco e profesor da Universidade da Coruña; Consuelo Castro Rei, membro da Irmandade Xurídica Galega; a actriz Isabel Risco, neta do académico; o mebro de número da Academia Xosé Luís Franco Grande e o presidente Xesús Alonso Montero.

Nado no seo dunha familia de fonda identidade galeguista (era sobriño de Marcelo Macías e curmán de Vicente Risco), Sebastián Martínez-Risco foi xuíz, avogado e escritor. Como xurista, destacou como unha das figuras máis sobranceiras no ámbito do Dereito civil especial de Galicia. Ingresou, por oposición, na carreira xudicial en 1924 e chegou a acceder á maxistratura, pero solicitou a excedencia en 1944. En diante exerceu como prestixioso avogado desde o seu gabinete na cidade da Coruña. No campo do dereito destacou tamén como ensaísta, faceta que desenvolveu habitualmente en galego.

O exercicio profesional non lle impediu a Sebastián Martínez-Risco intensificar a súa actividade cultural. Participou, entre outras iniciativas, no proxecto da fundación da editorial Galaxia e presidiu a RAG entre 1960 e 1977. O académico soubo levar as rendas da Academia en tempos complicados imprimíndolle dinamismo e incrementando a súa proxección pública. Durante o seu mandato saíu tamén adiante o proxecto de traslado da Academia á sede actual, na rúa Tabernas, 11.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar