Pontevedra acollerá o acto central do Día das Letras Galegas 2018

Pontevedra acollerá a celebración do Día das Letras Galegas do ano 2018, dedicado a María Victoria Moreno Márquez. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade, e Carmen Fouces, concelleira de Cultura, recibiron hoxe a executiva da Real Academia Galega para establecer o primeiro marco das conmemoracións, que se centrarán no acto académico que terá lugar no Teatro Principal o próximo 17 de maio e en actividades diversas arredor da literatura infantil e xuvenil, o mundo dos lectores novos, onde a homenaxeada destacou de xeito sobranceiro.

Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Fernández Lores, Víctor F. Freixanes e Carmen Fouces. Fonte: Concello de Pontevedra


"Pontevedra será a capital da cultura e das letras galegas durante todo o ano", salientou tras o encontro o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes agradeceu a receptividade atopada na cidade de cara á celebración do vindeiro 17 de maio e recoñeceu que a implicación das administracións que están máis preto da cidadanía é "garantía de éxito". Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores subliñou que Pontevedra está "encantada" de acoller o acto central do Día das Letras Galegas e avanzou que participará na organización de eventos ao longo de todo o ano nos que se recordará o legado de María Victoria Moreno. Entre os eventos previstos, o rexedor destacou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no que a escritora sempre participaba. Na edición de 2018 a súa temática será "Mulleres de conto" e servirá, engádese desde o Concello de Pontevedra, como porta de entrada ao grande acto institucional do 17 de maio.

Por parte da RAG, xunto ao presidente tamén acudiron á xuntanza o secretario, Henrique Monteagudo, e a tesoureira, Marilar Aleixandre, esta última autora de obras significativas no xénero da literatura infantil e xuvenil (LIX). "María Victoria é unha pontevedresa máis", subliñou a académica, que xunto coa tamén membro da RAG Fina Casalderrey prepara unha biografía de María Victoria Moreno. "Naceu en Estremadura por un casual, viviu en distintas cidades de España e de Galicia, pero onde máis desenvolveu as súas actividades como docente e como escritora, activista da lingua e da cultura nosa, foi na cidade de Pontevedra, á que dedicou algúns textos moi sentidos e fermosos", expresou Marilar Aleixandre.

Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da RAG insistiron de igual xeito nos valores creativos e docentes da escritora e, a maiores, no feito de ser unha muller, porque "María Victoria encarna unha realidade obxectiva: a presenza cada vez máis relevante das mulleres na vida cultural e social galega", valorou o alcalde. Nesta mesma liña, Víctor F. Freixanes fixo referencia ás últimas incorporacións de académicas á RAG e á presenza da mulleres no equipo directivo da institución. "No ámbito específico das letras, a irrupción da muller na literatura das últimas décadas é un dos feitos máis felices e sobresaíntes", declarou.

O ano 2018 será o Ano María Victoria Moreno, escritora, ensinante, activista a prol da lingua e a cultura nosa mesmo sen ter nacido na terra, por decisión e convicción, ademais dun recoñecemento á presenza feminina no mundo cultural e literario dos últimos tempos. E Pontevedra será nos próximos doce meses a capital das letras.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 19 de xaneiro de 2018 / 19:30 h
Celebración dos 40 anos da revista 'Encrucillada'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar