O 'Boletín' dedicado a Filgueira Valverde preséntase este mércores no Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acollerá o 25 de xaneiro a presentación do Boletín da Real Academia Galega nº 376, dedicado a Xosé Filgueira Valverde na súa parte monográfica. O volume recolle a conferencia inaugural e dezaoito comunicacións do Simposio Filgueira Valverde na cultura galega do século XX, que se desenvolveu entre o 10 e o 27 de novembro de 2015 entre Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña; e as alocucións sobre o autor pronunciadas polos académicos Víctor F. Freixanes e Francisco Díaz-Fierros Viqueira no acto central do Día das Letras Galegas dedicado ao polígrafo pontevedrés ese mesmo ano, celebración que se desenvolveu no Museo de Pontevedra.
Cuberta do Boletín nº 376

O mesmo museo pontevedrés, dirixido durante décadas por Filgueira Valverde, será tamén o escenario da presentación do Boletín o mércores 25 de xaneiro a partir das 20 horas. O acto contará coas intervencións do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; o director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle; o presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do escritor, Fernando Filgueira; a profesora da Universidade de Vigo María M. Álvarez Lires; e o deputado provincial de Cultura Xosé Leal Fariña.

Xunto ás alocucións de Víctor F. Freixanes e Francisco Díaz Fierros, o volume recolle os relatorios presentados no Simposio Filgueira Valverde por Arcadio López-Casanova, Ana Acuña, Leticia Eirín, Teresa López, Ramón Nicolás, Francisco Fernández Rei, Xermán Manuel Torres de Aboal, Rafael L. Torre, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Fuentes Alende, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María M. Álvarez-Lires, Xosé Carlos Valle Pérez, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Ramón Villares, Xosé Carro Otero, Xavier Groba González, Xosé Manuel González Reboredo e Ignacio Cabano, Daniel Buján e Anxos Sumai.

Organizado pola RAG da man do Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié, e coa colaboración da Consellería de Cultura, a primeira sesión do Simposio Filgueira Valverde na cultura galega do século XX desenvolveuse no museo pontevedrés en dúas xornadas. Nelas disertouse sobre "Filgueira en Pontevedra" e "Pontevedra en Filgueira Valverde". "Tratábase de analizar a relación prolongada e intensísima do noso autor coa súa cidade natal, na que transcorreu case toda a súa vida, na que envorcou unha boa parte da súa fecunda actividade, da que foi unha figura pública do maior relevo (como se sabe, entre outras cousas, dirixiu o seu importantísimo Museo Provincial de 1942 a 1976 e foi o seu alcalde de 1959 a 1968) e á que dedicou unha porción non menor do seu inxente labor erudito", explican os editores na presentación do volume.

Na segunda sesión, celebrada o 24 de novembro de 2015 en Santiago de Compostela, profundouse na relación de Filgueira Valverde con esta cidade, onde comezou os estudos universitarios e participou na fundación do Seminario de Estudos Galegos (1923). En Compostela tamén contribuíu a pór en marcha o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (1944), exerceu como conselleiro de Cultura da primeira Xunta de Galicia (1982-1983) e, nos últimos anos da súa vida, presidiu o Consello da Cultura Galega (1990-1996). A sesión desenvolvida en Compostela abordou así o labor do Filgueira institucional e a súa valiosa achega ao tema xacobeo, un dos seus preferidos.

O simposio rematou na Coruña cunha primeira xornada na propia sede da Academia, institución á que o homenaxeado pertenceu desde 1941. Nesta ocasión o programa centrouse nas súas facetas filolóxicas e literarias e abordou a súa achega precursora aos estudos sobre a lírica trobadoresca galego-portuguesa, a súa notable obra de creación nos xéneros narrativos e poéticos, a súa ampla e valiosa produción como articulista e o seu ricaz galego literario. A sesión celebrada o 27 de novembro de 2017 na sede da Fundación Barrié púxolle o ramo ao simposio revisando o labor de Filgueira Valverde como folclorista, bibliófilo e editor, con especial atención á música popular e á súa fecunda relación con dita fundación.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar