'Discurso do Dr. Porteiro ô fundarse a Hirmandá en Santiago'

Dez días despois da constitución da primeira Irmandade da Fala na Coruña, o 28 de maio de 1916 nacía a compostelá. O seu presidente, o xurista Lois Porteiro Garea, pronunciou naquela xornada un discurso no que analizaba a situación da lingua, da cultura, da economía e da política galegas. Na véspera do centenario da formación desta agrupación, a Real Academia Galega incorpora, en copia dixital, á sección web As Irmandades da Fala nos Fondos da Academia o exemplar da primeira edición daquel discurso que o seu autor lle dedicou a Villar Ponte.

Lois Porteiro Garea naceu en Lugo o 16 de novembro de 1889 e faleceu en Santiago de Compostela prematuramente, vítima da gripe de 1918, aos 28 anos de idade. O xurista foi catedrático da Universide de Santiago de Compostela e edil agrarista no concello da mesma cidade, onde mañá se celebrará o centenario da constitución da Irmandade da Fala local. O nacemento da agrupación, de marcada heteroxeneidade ideolóxica, aconteceu o 28 de maio de 1916 no local na rúa do Vilar do Círculo Católico de Obreiros, nunha xuntanza na que Porteiro Garea pronunciou unha conferencia que foi un dos textos orientadores do galeguismo ata que en novembro de 1918 se deu a coñecer o manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo, celebrada poucas semanas despois do seu pasamento.

As palabras que Porteiro leu aquel 28 de maio estrutúranse en doce puntos nos que aborda desde a situación da lingua, da arte e da música galegas ata a fuga do capital do país. O autor realiza unha análise autocrítica dos problemas de Galicia e anima a combatelos con autoestima e un estudo exhaustivo "de nosoutros mesmos". "O mundo non respeta a quen non comeza por se respetar a sí mesmo y-os seus... Ben vedes o que fixemos do idioma -verbo da raza-; pra moitos chegóu a ser cousa despreciabre, vergoñosa, repunante... Aínda máis: hai quen pasa en Madrí tres meses e ven falando andalús. Ademáis do propio menosprecio, contribuía â nosa mala fada o desconocimento noso pol-os máis, o desconocimento dos máis por nós", lamenta.

Previamente, no primeiro punto, "Falar y-escribir en galego, coma seipamos", Porteiro refírese xa ao compromiso pleno das Irmandades coa dignificación da lingua propia: "A redimir este idioma do aldraxe que dél fan, non os alleos, que non sinten nin pensan nél e non teñen por qué estimalo (bastáralles si acaso gardarlle os respetos debidos), sinon os propios, quizáis nosoutros mesmos, encamíñase a 'Hirmandade dos Amigos da Fala'; e como o idioma é sempre verbo d'un mundo de pensamentos e sentimentos, diferente dos outros no seu molde pol-o menos, a chamada pra defensa do idioma esquencido, é, primeiramente, un requeremento de examen de conciencia rexional".

A discriminación lingüística nun eido concreto, o xurídico, merece tamén un punto da intervención de Porteiro, o noveno, "O Direito, Xueces e Notarios", que remata así: "Amigos d'a fala: que'os nosos xueces e notarios sepan o galego é o menos que podemos pedir, si han de ser garantía de xusticia e de fidelidade".

Deseguido, no décimo punto, Porteiro detense na situación da arte galega, con especial énfase na música: "¿E qué dicir do menosprecio feito da nosa música? A pirmeira vez qu' oín cantar n'un teatro Negra sombra foi n-o Real de Madrí a un coro catalán (…). Hemos loitar pol-o renacimento da música -qu'é o linguaxe da y-alma n-os momentos subrimes- e alentar e axudar ôs coros com'o de Feijó, y-a todal-as masas corales de Galicia pra que traballen por ese renacemento, máis ben con festas populares, que con refinamentos d'academia afogados n-as catro paredes d'un salón".

Porteiro aborda por último a crise da poesía galega naquel momento e remata a conferencia reivindicando a Ramón Cabanillas como poeta das Irmandades da Fala. Cabanillas, "o cardíaco que ven remover a nosa apatía, a espertarnos do sono mortal", dedicaríalle pouco despois o poema "En pé", publicado en Da terra asoballada (1917).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar