A RAG homenaxea a Luz Pozo Garza o 21 de xullo co gallo do seu 95 aniversario

A Real Academia Galega renderalle a Luz Pozo o día do seu 95 aniversario, o vindeiro venres 21 de xullo, unha homenaxe literaria e musical na sede da propia institución, á que se incorporou como membro correspondente en 1950 e da que é numeraria desde 1996. A RAG agasallará así "unha das voces máis excelsas, orixinais e vibrantes das nosas letras contemporáneas", salienta o presidente Víctor F. Freixanes. O acto, de entrada libre, escoitaranse versos da súa autoría escolmados por dez poetas de distintas xeración.
Luz Pozo. Autor: X. Castro /RAG

Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Olga Patiño, Eva Veiga, a académica Marilar Aleixandre e os académicos Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño e Manuel Rivas recitarán e comentarán poemas de diferentes obras e momentos da traxectoria dunha autora que leva oito décadas creando poesía. A escolma foi recollida para ocasión nun opúsculo, coordinado pola académica correspondente Olivia Rodríguez, condutora literaria da celebración. Nestas páxinas tamén visitan e analizan a súa poesía Claudio Rodríguez Fer e o académico Xesús Alonso Montero, encargados da presentación e da clausura do acto. A parte musical correrá a cargo da soprano Patricia Rodríguez Rico e do Quinteto Cimarrón, que interpretarán "Tres cancións para Rosalía", adaptación musical de tres poemas da homeaxeada a cargo do compositor Gabriel Bussi.

"É hoxe imposible facer poesía, crítica, música ou deseño gráfico en Galicia sen reflectir algo da potencia poética de Luz Pozo Garza", valora Olivia Rodríguez no libro de homenaxe. "Se por algo se caracteriza a súa poesía, é pola luminosidade carnal e espiritual dunha poeta metade erótica e metade mística. A súa é unha poética simbolista da totalidade, astralmente expresada no título radiante da súa poesía galega reunida: Memoria solar", engade Claudio Rodríguez Fer. "Poeta do amor con maiúsculas, cantora consubstancial do amor, decenas e decenas de poemas, desde bastante nova ata hoxe, son incursións luminosas e reveladoras nese universo, ás veces atravesadas por acento místico, nunca retórico nunha muller que en ningún momento perdeu o sentido relixioso da existencia, nun ser humano para quen é natural a dimensión sagrada de certos aconteceres", valora pola súa banda Xesús Alonso Montero.

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) empezou a publicar os seus primeiros versos sendo aínda adolescente en Las Riberas del Eo, pero o seu primeiro libro, Ánfora, saíu do prelo en 1949. Un ano despois da publicación desta obra saudada con entusiasmo por persoeiros da escena literaria galega e mesmo por Gerardo Diego, foi nomeada académica correspondente da RAG. En 1952, con 30 anos, e cando aínda eran moi escasos os libros publicados en galego, sairía á luz O paxaro na boca, o seu primeiro libro nesta lingua e co que se abría a Colección Xistral, dirixida desde Lugo polo pintor e poeta Ánxel Xohán. Nesta obra Luz Pozo volve cantar ao amor e conforma un poemario cun erotismo feminino inédito na escena galega do momento, na que colleitou de novo excelentes críticas.

O amor e a sensualidade son constantes na obra de Luz Pozo, bilingüe ata mediados dos anos 70, cando decidiu instalarse definitivamente no galego. Volven estar presentes en Concerto de outono (1981) e Códice Calixtino (1986), libros centrados na dialéctica entre o amor e a morte nos que profundou nunha liña poética de estética clásica e filosofía platónica que culminou en Prometo a flor de loto (1992), poemario elexíaco dedicado ao seu compañeiro, o tamén poeta Eduardo Moreiras.

A poesía de Luz Pozo Garza bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro. Queda patente no primeiro verso do seu primeiro libro en galego, "Os teus paxaros choven miudiño", e máis adiante noutros como os de Poema en cinco lembranzas para Rosalía (1971) ou o libro Vida secreta de Rosalía(1996). Da importancia que tivo para ela a escritora fundacional das letras galegas contemporáneas quedou tamén constancia no seu discurso de ingreso na RAG como académica de número, Diálogos con Rosalía, a primeira intervención de entrada na institución escrita no código da poesía.

A pegada de Rosalía volveu evidenciarse en Medea en Corinto (2002), poema polifónico de 574 versos nos que profundou no camiño da poesía dramática por encarga dos latinistas Andrés Pociña e Aurora López, e no que galeguizou o mito grego. Nel, Medea soña coas Illas Cíes, o escenario dalgúns dos recordos máis felices dos momentos que a autora compartiu co seu grande amor.

O comezo do século XXI foi tamén para Luz Pozo Garza momento de se mergullar na poesía de inspiración gaélica, que conecta coa galicista que impregnou toda a súa obra de madurez. Unha conexión literaria que xermolou nas frecuentes visitas a Irlanda para estar cerca dunha das súas fillas, á quen dedicou As arpas de Iwerddon (2004).

Cómpre salientar tamén o labor da autora como ensaísta, crítica literaria e editora. En 1972 creou xunto a Tomás Barros a revista de poesía e crítica Nordés, da que foi codirectora e directora, e nos anos 90 puxo en marcha Clave Orión.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 14 de decembro de 2017 / 20:00 h
'Eduardo Pondal, poeta na Coruña', conferencia de Manuel Ferreiro

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar