A Academia solicita a inclusión expresa da toponimia tradicional na definición do 'Concepto de patrimonio cultural inmaterial'

A toponimia, ou conxunto das denominacións propias dos lugares, representa unha parte ben importante do patrimonio inmaterial dos pobos, recoñecida como tal por parte dos organismos culturais internacionais.

Logo RAG

Así, o Grupo de Expertos de Nacións Unidas para os Nomes Xeográficos (United Nations Group of Experts on Geographical Names) na súa conferencia 28 que se pode consultar aquí (28 abril-maio de 2014) estableceu os criterios de valoración dos nomes xeográficos en tanto que elementos do patrimonio cultural inmaterial.

Este Grupo declarou que os topónimos son parte integral do patrimonio cultural intanxible (ICH, Intangible Cultural Heritage), xa que "constitúen compoñentes esenciais das linguas e conservan formas que evidencian a súa evolución" e porque "son valiosas testemuñas da historia e dos modos de vida pasados ou actuais".

Este precioso rexistro dos xeitos de asentamento e de relación das comunidades humanas cos respectivos territorios ao longo de séculos e milenios é especialmente rico en Galicia, debido á elevada densidade e á extrema dispersión da poboación, así como á íntima vinculación que esta ten establecido co territorio desde tempos inmemoriais. A copiosísima toponimia galega garda o arquivo dos distintos pobos que se teñen asentado na nosa terra desde a prehistoria, e deste xeito preserva unha información de valor incalculable para o coñecemento do noso pasado. Non obstante, como consecuencia das transformacións aceleradas que sofre o medio físico e os cambios na organización, habitación e mesmo da vivencia do espazo nas sociedades actuais, na actualidade este tesouro corre un grave perigo de deterioración ou perda irreparables. Por iso a protección da toponimia é asunto especialmente sensible para Galicia.

Nestes días, Congreso dos Deputados está a preparar o Proxecto de Lei para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. Neste proxecto (Título I, art. 2) recóllense case literalmente como manifestacións deste patrimonio os ámbitos que establece a Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco (outubro, 2003; art. 2.2); pero, lamentablemente, non se inclúen os nomes tradicionais de lugar. A Real Academia Galega considera que cómpre unha mención explícita na devandita lei dos nomes xeográficos, sen prexuízo de que no desenvolvemento posterior desta se establezan figuras concretas de protección para a toponimia e, por tanto solicita a inclusión expresa da toponimia tradicional na definición do "Concepto de patrimonio cultural inmaterial".

Neste sentido, a RAG dirixiuse formalmente ao Congreso dos Deputados a través dos grupos parlamentarios para que tomen en consideración a súa proposta, e tamén a distintas institucións galegas, nomeadamente a Xunta e o Parlamento de Galicia, para que fagan as xestións que estiveren na súa man para apoiar a dita solicitude.

A Coruña, 15 de novembro de 2014

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar