Fermín Bouza-Brey foi o iniciador da corrente neotrobadorista, unha liña que recupera certas características da lírica medieval desde a perspectiva vangardista imperante no momento.

1 de 3
Dotado dunha grande erudición, Bouza-Brey foi fundamental no eido dos estudos antropolóxicos na nosa terra, e colaborardor habitual do Seminario de Estudos Galegos.

2 de 3
Apuntes lexicográficos manuscritos de Bouza Brey.

3 de 3

Fermín Bouza-Brey

Biografía


Fermín Bouza-Brey Trillo naceu en Ponteareas o 31 de marzo de 1901 e finou en Santiago de Compostela o 11 de xuño de 1973. Coa súa obra Nao senlleira iniciou a corrente neotrobadorista da literatura galega. Realizou abondosos estudos, especialmente sobre arqueoloxía e etnografía.

Fillo de Luís Bouza Trillo (1869-1941), literato en castelán e, escasamente, en galego, Bouza-Brey cursou o Bacharelato en Pontevedra e Ourense e estudou as carreiras de Filosofía e Letras e mais Dereito nas universidades de Santiago de Compostela e Madrid. Na cidade galega comezou a súa implicación nos movementos culturais e artísticos da época, colaborando na revista Ultreya e publicando o seu primeiro artigo, "Teatro de antaño en Santiago" (1919). O seu primeiro poema asinouno en 1921, "Romance dos vinte anos" e, xa en 1923, participou da fundación do Seminario de Estudios Galegos. No ano seguinte decidiuse pola escrita en galego e publicou o artigo, "Os estudantes ao arcebispo". Nesta altura viron tamén a luz numerosos traballos de investigación nos Arquivos do Seminario de Estudios Galegos, no Boletín da Real Academia Galega, nas revistas Nós, Cristal, Resol e no xornal A Nosa Terra.

Xa licenciado en Dereito, preparou o ingreso na carreira xudicial en Madrid. A este período pertence a novela Cabalgadas en Salnés (1925). Os inicios da súa carreira xudicial levaríano en 1929 a Lleida. Con todo, axiña regresou a Galicia para exercer como xuíz na Estrada, proseguindo co seu traballo no Seminario e na revista Nós. Pensionado pola Universidade, desenvolveu traballos de investigación en Francia e Portugal nos anos seguintes. En 1933 publicou Nao senlleira, un poemario iniciador da corrente neotrobadorista que marcaría unha das liñas poéticas máis importantes das nosas letras. Co estoupido da Guerra Civil foi afastado do seu posto ao ser acusado de masón, galeguista e desafecto ao réxime. No ano 1939 foi rehabilitado como xuíz e, sen perder os seus principios, chegou a ser maxistrado en 1949. Porén, a persecución sobre el continuou e tres anos despois foi expulsado da maxistratura.

O 27 de xullo de 1941 ingresou na Real Academia Galega a proposta de Federico Maciñeira y Pardo de Lama, Manuel Casás Fernández e Ángel del Castillo López. Neste día celebrouse no Paraninfo da Universidade de Santiago o acto de ingreso de dezanove académicos. Fermín Bouza-Brey deu lectura ao seu discurso La mitología del agua en el noroeste hispánico en nome de todos os recipiendarios. Nos primeiros anos desta década, compaxinou o seu traballo de investigador e docente na facultade compostelá de Dereito co cultivo da poesía e, asemade, a súa figura era xa a dun intelectual de prestixio recoñecido. Así, no ano 1948 recibiu a condecoración da Gran Cruz de San Raimundo Peñafort polo seu éxito profesional e, en 1955, publicou en Portugal o poemario Seitura, que supuxo o abandono radical do neotrobadorismo.

Nos seus últimos anos Fermín Bouza Brey dedicouse á investigación literaria, arqueolóxica e etnográfica, sobresaíndo os seus estudos sobre a vida de Rosalía de Castro, do que foi un dos máximos especialistas./p>

Fernando Acuña sobre Fermín Bouza-Brey.

Obra


A súa extensa obra escrita fálanos dun polígrafo completo e podemos consultala en libros, en numerosas publicacións periódicas e nalgunhas escolmas.

Creación literaria

- Cabalgadas en Salnés. A Coruña: Lar, 1925.
- Nao senlleira. Santiago de Compostela: Nós, 1933.
- Loores ao Señor Sant-Yago. Santiago de Compostela: editorial Compostela, 1945.
- Gozos a Divina Pelriña. Pontevedra: Gráficas Torres, 1948. Premiado coa Flor Natural no Certame Literario das Festas da Celestial Patrona de Pontevedra de 1948.
- Seitura. Braga: Livraria Cruz, 1955.

Obra literaria completa

- Bouza-Brey Trillo, Fermín. Obra literaria completa. Santiago de Compostela: Edicións do Cerne, 1980.
- Bouza-Brey Trillo, Fermín. Obra literaria completa. Vigo: Xerais, 1981.
- Bouza-Brey Villar, Gonzalo & Fandiño Veiga, X. Ramón. Obra completa. Sada: Ediciós do Castro, 2002.

Sobre o autor

- CONSELLO DA CULTURA GALEGA (ed.)
Actas do simposio de antropoloxía: in memoriam Fermín Bouza Brey: Santiago de Compostela, 10, 11 e 12 de setembro de 1992. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 1994.
- FONTE, R.
Fermín Bouza-Brey e a súa obra literaria. Vigo: Galaxia, 1992.
- ABUÍN DURO, M.
Paisaxe mítica de Arousa: legado histórico de Fermín Bouza Brey. Vilagarcía de Arousa: Concello de Vilagarcía de Arousa, 1997.
- CONSELLERÍA DE CULTURA, XUNTA DE GALICIA (ed.)
Xornadas sobre Fermín Bouza-Brey: actas das xornadas realizadas pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Ponteareas, os días 15 e 16 de marzo de 2001. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2001.
- DEP. PROVINCIAL DE PONTEVEDRA (ed.)
Fermín Bouza Brey: xuíz e galeguista. Pontevedra: Deputación de Pontevedra, 2011.