O labor de Ramón Piñeiro sería esencial para a supervivencia do legado galeguista durante a Ditadura.

1 de 5
Na figura de Piñeiro converxen a fondura do intelectual e o compromiso do activista.

2 de 5
Notas manuscritas para a "Filosofía da saudade"

3 de 5
Ramón Piñeiro na Xunta ordinaria da RAG celebrada o 10 de marzo de 1968 na biblioteca do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

4 de 5
Na praza do Obradorio, con Manuel de Oliveira Guerra, Isidro Conde Botas e Pura Vázquez, nos anos 60.

5 de 5

Ramón Piñeiro

Biografía


Infancia
Ramón Piñeiro López naceu no seo dunha familia labrega da parroquia de Armea, concello de Láncara (Lugo), en maio de 1915. Tivo outros sete irmáns, dos que tres morreron sendo nenos. Era fillo de Vicenta López Fernández e de Salvador Piñeiro García, quen sempre demostrou unha preocupación pola cultura e pola educación dos seus pequenos superior á habitual naquela época entre a xente humilde. Isto, e a incipiente curiosidade e intelixencia de Ramón, explica que xa antes de chegar, con seis anos, á escola, o neno soubese ler, escribir e resolver algunhas operacións matemáticas. Se a escola non supuxo dificultades intelectuais para Ramón Piñeiro, adiantado con respecto aos seus compañeiros grazas á axuda familiar, si que lle causou un forte impacto ao facerlle percibir en toda a súa crueza a diglosia presente na sociedade.

Entre 1924 e 1928, Ramón Piñeiro cursou en Lugo o Bacharelato Elemental. Neses anos descubriu a literatura; tamén a literatura na súa lingua, que lle chegou da man dunha antoloxía de poetas nosos. Quedou impresionado ao decatarse de que o idioma de campesiños que a escola desprezaba era tan apto coma o castelán para as sutilezas da poesía.

Descubrimento do galeguismo
A precaria situación económica da familia impediu inicialmente que Ramón Piñeiro puidese continuar os seus estudos, polo que este regresou á casa para dedicarse aos labores do campo. Mais, aconsellada polo fillo do secretario do concello de Láncara, a familia resolveu enviar a Ramón a Sarria, onde levaría a contabilidade do comercio dun amigo do pai. Alí tivo Piñeiro os seus primeiros contactos co galeguismo. Subscribiuse ao diario El Pueblo Gallego, onde escribían artigos na lingua de Rosalía destacados intelectuais, como Ramón Otero Pedrayo. Ademais, cando en 1931 se proclamou a II República, o galeguista Lois Peña Novo foi falar á vila nun mitin que acabou de espertar as simpatías do mozo de Armea polo movemento que o orador defendía.

A finais daquel ano, Ramón Piñeiro volveu a Lugo para cursar o bacharelato superior axudándose da circunstancia de que unha súa irmá tiña traballo e casa naquela cidade. Alí medrou o seu sentimento galeguista, polo que fundou, canda os seus compañeiros de instituto, a Mocidade Galeguista de Lugo, da que foi secretario de cultura. A súa intelixencia e a súa entrega á causa levárono a relacionarse cos líderes do Partido Galeguista (PG) e a recibir deles importantes encargos, a pesar de ser aínda moi novo. A súa traxectoria culminaría coa súa elección como secretario do Comité Provincial do partido, o que o levou a implicarse fondamente na campaña a prol do Estatuto de autonomía.

A guerra
Cando, o 18 de xullo daquel mesmo ano, se produciu o levantamento militar contra o goberno, Ramón Piñeiro participou como representante do PG na comisión asesora do gobernador civil en defensa da República. Dende o momento en que os sublevados tomaron o control da situación, o mozo de Láncara estivo en perigo. En diversas ocasións tivo que esquivar, só ou coa axuda de compañeiros de estudos ou amigos da familia afectos aos rebeldes, a detención e a morte. Finalmente, cando chamaron a súa quinta, incorporouse a filas, pois servir no exército dos sublevados semellaba a única opción de protexer a súa vida.

Axiña descubriu que tampouco no exército estaba a salvo das denuncias e que, aos perigos normais da guerra, debía sumar os que derivaban da súa filiación política durante os tempos da República. Á súa insegura situación persoal uniu tamén Piñeiro a angustia que lle produciu comprobar como, a medida que se prolongaba o conflito bélico, as persoas que o rodeaban se ían insensibilizando e endurecendo. Agoniado ante a posibilidade de rematar coma elas, caeu na depresión. Desta experiencia xurdiu, unha vez superada a enfermidade, o seu interese pola filosofía, na que Piñeiro buscou a resposta á actitude deshumanizada que vira xeneralizarse ao seu arredor nos tres anos de guerra.

A loita clandestina
Así pois, rematada a contenda, Ramón trasladouse a Santiago de Compostela para estudar os anos comúns da carreira de Filosofía e Letras. En 1942 marchou a Madrid para cursar a especialidade de Filosofía.

En 1943 participou na reconstrución clandestina do PG e pasou a formar parte do seu Comité de Dirección. Aproveitou a súa estadía en Madrid para impulsar tres proxectos iniciais do partido: tomar contacto cos galeguistas exiliados, cos nacionalistas cataláns e vascos e co resto das forzas antifranquistas clandestinas. No ano 46, axudado por nacionalistas vascos, Ramón Piñeiro cruzou os Pirineos a pé e, dende a fronteira, viaxou a París para entrevistarse co presidente do goberno republicano no exilio, José Giral. A súa misión era dobre: por unha banda, conseguir que se incluíse un ministro galego no dito goberno e que este fose Castelao, tal e como acordaran todas as forzas democráticas galegas; por outra, informarse dos plans e medios que o goberno tiña para derrocar o réxime de Franco. Conseguiu ambos os propósitos, mais quedou desolado ao constatar que o proxecto de Giral para rematar co franquismo era inxenuo e irrealizable, froito do descoñecemento da verdadeira situación que se vivía en España.

De volta a Madrid, Ramón Piñeiro foi prendido nunha reunión na que ía informar os outros grupos clandestinos das súas xestións en Francia. Foi condenado a seis anos de cárcere, dos que cumpriu tres.

A loita cultural
Vista a fortaleza que fora adquirindo o réxime franquista e o seu progresivo recoñecemento internacional, ao saír da cadea Ramón Piñeiro creu inviable continuar cunha decidida loita política na clandestinidade e optou pola loita cultural. Tras operarse da vista, que se resentira dos tres anos de prisión, uniuse ao proxecto de levar adiante unha nova editorial, Galaxia, que lle dese cobertura legal ao galeguismo e permitirse facer públicas as súas ideas co fin de crear conciencia de país, especialmente entre as xeracións que estaban medrando baixo o férreo control ideolóxico do franquismo. Co mesmo propósito, tras instalarse en Santiago coa súa muller, Isabel López García, coa que casou en 1952, iniciaría o labor de entrar en contacto cos mozos que chegaban á cidade para cursar os seus estudos universitarios. Pola famosa mesa de braseiro da súa casa na rúa Xelmírez, 15 pasarían durante as dúas décadas seguintes moitos rapaces con inquietudes culturais e políticas.

Ramón Piñeiro foi o director literario de Galaxia e, dende ese posto, un dos principais artífices da reconstrución cultural galega da posguerra. Un dos primeiros propósitos da editorial foi crear unha revista, Grial, para a que non se conseguiría autorización gobernamental ata o ano 1963. Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego dirixiríana dende esa data e nela o primeiro publicaría máis de corenta colaboracións. Mais, previamente, esta publicación periódica foi saíndo do prelo de forma encuberta, como colección de libros de autoría múltiple. Na Colección Grial, que editou catro números antes de que as autoridades a suspendesen, publicou Ramón Piñeiro o seu primeiro ensaio filosófico: "Significado metafísico da saudade" (1951), de grande impacto nos medios intelectuais galegos e portugueses. Con esta obra demostraba sobradamente o que o goberno e moitos cidadáns poñían en dúbida: a capacidade da lingua galega para o xénero ensaístico e para a especulación filosófica.

Á saudade dedicaría Ramón Piñeiro outros catro traballos máis ("A filosofía e o home", "Para unha filosofía da saudade", "Saudade e sociedade, dimensións do home" e "A saudade en Rosalía") que, en 1984, reuniría no libro Filosofía da saudade. Dez anos antes, no volume Olladas no futuro, escolmara o máis significativo dos artigos que fora publicando dende o ano 49 en publicacións periódicas, nomeadamente en Grial. Ademais da creación orixinal, destaca no labor de Ramón Piñeiro a prol da cultura de Galicia e da dignificación da súa lingua a publicación de dúas traducións realizadas en colaboración con Celestino Fernández de la Vega: o Cancioneiro da poesía céltica, de Julius Pokorny, tradución que foi premiada pola editorial Bibliófilos Gallegos, e a conferencia de Martin Heidegger "Da esencia da verdade". A significación que tiña a publicación en galego dun dos filósofos máis relevantes do momento, aínda non traducido ao castelán, non escapou ás autoridades, que puxeron reiterados atrancos á súa saída do prelo. A preocupación pola lingua galega de Ramón Piñeiro reflíctese tamén na súa dedicación á revisión e publicación do Diccionario gallego-castellano de Eladio Rodríguez González, que finara en 1949 sen sacar á luz o seu traballo lexicográfico.

En resposta ao afogamento da cultura galega que o franquismo practicaba sistematicamente, Ramón Piñeiro redactou un documento de denuncia que foi asinado por diversos centros galegos de América e repartido na nosa lingua, en inglés e en francés na VIII Asemblea Xeral da UNESCO (1954), causando o desconcerto entre a delegación española, presidida polo ministro de Educación. Xesús Alonso Montero deulle a este episodio o nome de "batalla de Montevideo". A partir do ano 1966, Ramón Piñeiro foi convidado durante catro veráns ao Middelbury College de Vermont (EEUU) para impartir cursos sobre o a sociedade e o pensamento españois. En 1967 ingresou na Real Academia Galega co discurso A lingoaxe i as língoas, en que, en opinión de Henrique Monteagudo, poden atoparse ecos dos estudos de sociolingüística que estaban xermolando naqueles anos nas universidades norteamericanas.

Volta á arena política
Durante os últimos anos do franquismo, Ramón Piñeiro ocupouse tamén de facilitar a creación dun partido socialista e outro de tendencia democristiá galegos, convencido de que "a maioría de idade política de Galicia tiña que consistir mesmamente en que deixase de existir un partido galeguista para que fosen galeguistas todos os partidos democráticos". Con todo, el non se integrou en ningunha destas formacións, pois coidaba que cumpría continuar facendo unha política cultural á marxe dos partidos que servise para galeguizar a parte da sociedade que non militaba en ningún deles. A situación cambiou coa chegada da democracia e, con ela, da posibilidade da autonomía. Ramón Piñeiro comezou por apoiar diversos manifestos a prol da consecución dun auténtico autogoberno para Galicia e por participar na formación da sociedade de estudos e opinións Realidade Galega, que esixiu para o noso país un estatuto que lle garantise niveis de autonomía equivalentes aos do País Vasco e Cataluña. Nas primeiras eleccións democráticas foi candidato ao senado por Lugo nunha candidatura de unidade dos partidos que propugnaban o federalismo. A pesar de que a apoiaban o Partido Popular Galego (demócrata-cristiáns galeguistas), o PSG, o PSOE, o PC e o Movemento Comunista de Galicia, os seus resultados foron cativos. Preocupado por asegurar a presenza galeguista no primeiro Parlamento galego, cando chegaron as eleccións autonómicas aceptou a oferta do PSdeG-PSOE de ir como independente nas súas listas. Deste xeito, foi elixido deputado autonómico, o que lle deu a oportunidade de traballar a prol da Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade en 1983. Nese mesmo ano, Ramón Piñeiro foi elixido presidente do primeiro Consello da Cultura Galega, cargo que ocuparía ata o seu pasamento en 1990.

Francisco Díaz Fierros sobre Ramón Piñeiro.

Obra


Libros

- Olladas no futuro. Vigo: Galaxia, 1974.
- Lembrando a Castelao. Santiago de Compostela, SEPT, 1975.
- Filosofía da saudade. Vigo: Galaxia, 1984.
- Fermín Penzol. Vigo: Galaxia, 2001.
- Da miña acordanza. Memorias. Vigo: Galaxia, 2002.
- Galicia. Vigo: Galaxia, 2002.
- A linguaxe e as linguas. Vigo: Galaxia, 2008.

Prólogos

- "Carta a Novoneyra", en Novoneyra, U.: Os eidos. Vigo: Galaxia, 1955.
- "Limiar" a Maside, C.: 50 dibuxos de Carlos Maside. Vigo: Galaxia, 1959.
- "As andadas literarias de Méndez Ferrín", en Méndez Ferrín, X. L.:O crepúsculo e as formigas. Vigo: Galaxia, 1961.
- "Prólogo" a Lugrís, R.: Vicente Risco na cultura galega. Vigo: Galaxia, 1963.
- "Prólogo" a Pondal, E.: Queixumes dos pinos. A Coruña: La Voz de Galicia, 1979.
- Prólogo a Albert Robatto, M.: Rosalía de Castro y la condición femenina. Madrid: Ediciones Partenón, 1981.
- "Alfredo Brañas e o galeguismo", en Brañas, A.: El Regionalismo: estudio sociológico, histórico y literario. Carballo: Centro Cultural Alfredo Brañas,1982.
- "Algunhas consideracións sobre Luís Pimentel", en Luís Pimentel. A Coruña: Real Academia Galega, 1990.
- "Lembrando a Luís Pimentel", en VVAA: Luís Pimentel (1895-1958).Unha fotobiografía. Vigo: Xerais, 1990.

Artigos

"Saudade", en Gran enciclopedia gallega. T. 28. Santiago/Xixón: Silverio Cañada Editor, s.d.
"Retorno a Tagen Ata, por X. L. Méndez Ferrín", Grial, 32, 1971, pp. 238-239.
"En percura do Castelao verdadeiro", Grial, 47, 1975, pp. 17-23.
"[Castelao], mestre da concencia galega", Boletín de la Real Academia Gallega, 32, 1975, pp. 106-108.
"Sobre o pensamento galego da xeneración Nós", Avriense, 5, 1975, pp. 31-35.
"Vicisitudes históricas da cultura galega", Cuadernos del Laboratorio de Formas de Galicia, 4. Inauguración da Galería Sargadelos en Madrid. Sada. Ediciós do Castro, 1975; pp.105-119.
"Castelao e Pondal, duas visións da nosa historia", Homenaxe a Castelao. Santiago: Universidade de Santiago, 1976; pp. 55-59.
"Importancia decisiva da xeneración Nós", Grial, 59, 1978, pp. 8-13.
"Carlos Maside na miña lembranza", en VVAA: Maside: un pintor para unha terra. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 1979, pp. 33-47.
"A Galicia de Seoane", Grial, 65, 1979, pp. 288-92.
"A personalidade política de Fermín Penzol", Grial, 73, 1981,pp. 279-88.
"Parolar con Rafael Dieste", Grial, 78, 1982, pp. 467-69.
"Peculiaridades del nacionalismo gallego", Muga. Homenaje a Koldo Mitxelena, 1982, pp. 12-19
"A revista Grial", en Kremer, D. e Lorenzo, R. (eds.): Tradición, actualidade e futuro do galego. Actas do Coloquio de Tréveris, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1982, pp. 35-41.
"Consello da Cultura Galega", Grial, 84, 1984, pp. 238-40.
"Castelao político", Anthropos, 65, 1986, 38-41.
"Lembrando ao Cilistro [Celestino Fernández de la Vega]", Grial,95, 1987, pp. 13-22.
"Os contos de Ánxel Fole", Grial, 95, 1987, pp. 113-14.
"O pensamento de Rosalía de Castro", Cadernos do Instituto de Estudos Valdeorreses, 6, 1988, pp. 149-58.
"25 anos de Grial", Grial, 100, 1988, pp. 135-37.
"Heidegger na cultura galega", Grial, 103, 1989, pp. 384-89.

Discursos

- A lingoaxe i as língoas. Discurso de ingreso na Real Academia Galega.
- "Resposta ao discurso de Andrés Torres Queiruga", en Torres Queiruga, A.: Nova aproximación a unha filosofía da saudade. Discurso lido na recepción pública de 20 de xuño do 1980 por Andrés Torres Queiruga. A Coruña: Real Academia Galega, 1981.
- "Limiar" (resposta ao discurso de ingreso na Real Academia Galega de Marino Dónega), en Dónega, M: A memoria e os amigos. Trasalba, Fundación Otero Pedrayo, 1994.

Traducións (en colaboración con Celestino Fernández de la Vega)

- Cancioneiro da poesía céltica / Pokorny, J. Santiago de Compostela: Editorial Bibliófilos Gallegos, 1952.
- Da esencia da verdade / Heidegger, M. Vigo: Galaxia, 1956.

Correspondencia

- Fernández del Riego, F.: Un epistolario de Ramón Piñeiro. Vigo: Galaxia, 2000.
- Alonso Girgado, L. e T. Monteagudo Cabaleiro: Cadernos Ramón Piñeiro II. Ramón Piñeiro: cronobiografía e cartas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2003.
- Alonso Girgado e outros: Cadernos Ramón Piñeiro V. Cartas de Ramón Piñeiro a Ricardo Carballo Calero. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2004.
- Allué Andrade, X. L.: Cartas a un mozo galego. Vigo: Galaxia, 2005.

Entrevistas

- Fdez del Riego: Galicia Emigrante, 11, 1955, pp. 16-17.
- X. Díaz Sixto: Grial, 36, 1972, pp. 197-201.
- V. Freixanes: Unha ducia de galegos. Vigo: Galaxia, 1982, pp. 103-124.
- C. Casares: Seiva, 2, 1989, pp. 135-146.
- L. Álvarez Pousa: Tempos Novos, 43, 2000, pp. 64-71.

Sobre Ramón Piñeiro e o seu tempo

- ALONSO MONTERO, X.
A batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na Unesco en 1954. Vigo: Xerais, 2003. Inclúe edición facsimilar da Denuncia diante a Unesco da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol. Buenos Aires, 1954.
- CASARES, C.
Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia. Vigo: Galaxia, 2005.
- DASILVA, X.M.
"Ramón Piñeiro e a prohibición de traducir ao galego", en Grial, 179, 2008.
- FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F.
A xeración Galaxia. Vigo: Galaxia, 1996.
- FERREIRO, C. & PENA, I. (coords.)
Encontro Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2006.
- FORCADELA, M.
Cadernos Ramón Piñeiro VIII. Diálogos na néboa, Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2005.
- FRANCO GRANDE, X.L.
Os anos escuros. Vigo: Galaxia, 2004.
- GARCÍA TURNES, B.
Vida e obra de Ramón Piñeiro. Escolma de textos. Vigo: Galaxia, 2009.
- MONTEAGUDO ROMERO, H.
"Limiar", en Ramón Piñeiro: A linguaxe e as linguas. Vigo: Galaxia, 2007.
- MONTEAGUDO ROMERO, H.
"Ramón Piñeiro, a Editorial Galaxia e a Real Academia Galega (1950-1962). Estratexias de resistencia idiomática fronte ao franquismo", en, Grial, 177, 2008.
- MOURELLE DE LEMA, M. (ed.)
Ramón Piñeiro y su circunstancia. Madrid: Grugalma, 1993.
- SANTAMARINA FERNÁNDEZ, A.
A linguaxe e as linguas. Ramón Piñeiro revisitado ós 30 anos dos eu ingreso na Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega, 1998.
- VVAA.
"Ramón Piñeiro (1915-1990)", Grial, 111, 1991.
- VVAA.
Homenaxe a Ramón Piñeiro. Fundación Caixa Galicia: A Coruña, 1991.
- VVAA.
Lembranza de Ramón Piñeiro. Catro discursos. Santiago: Xunta de Galicia, 1994.