María Victoria Moreno nunha imaxe do ano 1988.
Fonte: Arquivo familiar

1 de 13
María Victoria Moreno de nena, nunha imaxe realizada en Badaxoz no ano 1942. A escritora naceu circunstancialmente en Estremadura, onde pasou os primeiros anos da vida.
Fonte: Arquivo familiar

2 de 13
Coa súa cadela Alma (1990).
Fonte: Arquivo familiar

3 de 13
A autora posa na mesa onde escribía, arredor do ano 2000.
Fonte: Arquivo familiar

4 de 13
María Victoria Moreno asinando libros na primeira edición da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Chantada (1994.
Fonte: Arquivo familiar

5 de 13
A escritora arredor do ano 2000.
Fonte: Arquivo familiar

6 de 13
Presentación de Leonardo e os fontaneiros (1986). Na imaxe, Xesús Alonso Montero intervindo.
Fonte: Arquivo familiar

7 de 13
Detalle da cuberta de Carmen Arias para Mar adiante (Ediciós do Castro, 1973), primeiro libro de María Victoria Moreno.


8 de 13
Unha das ilustracións interiores da primeira edición de Mar adiante (Ediciós do Castro, 1973), realizadas pola propia María Victoria Moreno.


9 de 13
A novela Leonardo e os fontaneiros é boa mostra da intensa relación de María Victoria Moreno cos animais. A obra recibiu en 1985 o terceiro premio O Barco de Vapor e foi publicada en 1986 por Galaxia /SM con ilustracións de Mª do Carme Salgado. Na imaxe, detalle da cuberta.

10 de 13
María Victoria Moreno publicou un ano antes do seu pasamento Diario de luz e a sombra (Xerais, 2004). O ensaio recolle as súas reflexións e a experiencia como enferma da cancro de mama.

11 de 13
Anagnórise (Galaxia, 1988), recoñecido en 1990 na Lista de Honra do IBBY, é considerado o mellor libro de María Victoria Moreno e un clásico da literatura xuvenil galega.

12 de 13
A escritora codirixiu a colección de literatura infantil Árbore de Galaxia desde a súa creación. Para ela verteu do catalán ao galego Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo.

13 de 13

María Victoria Moreno

Por isto penso que a situación do galego non se pode ver con indiferenza. Se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala.
(María Victoria Moreno)

María Victoria Moreno foi unha escritora galega. Que algúns textos falen dela como "estremeña" é unha confusión debida ao descoñecemento de datos biográficos da súa infancia. Luís Seoane foi un pintor e escritor galego –non arxentino – malia nacer en Buenos Aires, e Italo Calvino un escritor italiano nacido en Cuba. O nacemento de María Victoria en Valencia de Alcántara (Cáceres) foi circunstancial. Nin a súa nai nin o seu pai tiñan raíces en Estremadura; Sara Márquez, malagueña, e Vicente Moreno, toledano, casaran en 1937, estando el mobilizado na guerra. Ela ficou vivindo na casa do seu irmán na vila estremeña onde naceu María Victoria o 1 de maio de 1939 –hai outra confusión difundida pola propia autora, que afirmaba ter nacido en 1941–. Logo duns anos en Badaxoz o seu pai foi destinado en 1943 a Segovia, onde viviron até 1949, ano da morte de Vicente. Sara Márquez, rematada a excedencia que solicitara como mestra, puxo escola en Sepúlveda e alí foi vivir a familia. Os estudos de María Victoria delongáronse dous anos debido á situación económica, que non permitía enviar unha filla a estudar fóra, e á ausencia en Sepúlveda de instituto, pois unicamente existían nas capitais de provincia e nalgunha cidade máis. En 1951, grazas a unha bolsa, marchou para Barcelona a cursar o bacharelato elemental, que ía dos 10 aos 14 anos, e o superior, dos 14 aos 17. Ela tiña 12 anos, o que pode explicar por que decidiu mudar a data de nacemento, para facela coincidir coa das súas compañeiras. En Barcelona aprendeu catalán e francés, e sobre todo descubriu a literatura, lendo por vez primeira o Quixote ou O principiño, que se habían converter nas súas obras favoritas. No verán volvía ás aldeas segovianas onde exercía de mestra a súa nai. De 1958 a 1963 estudou Filosofía e Letras, sección de Filoloxía Románica, na Universidade Complutense de Madrid. Alí coñeceu a José Luis Llácer, invidente, con quen casou ao finalizaren a carreira e co que se trasladou a Pontevedra en 1963, por ser el contratado no Colexio da ONCE. En Pontevedra viviu máis de corenta anos, até a súa morte en 2005 pois, aínda que deu clase dous anos en Lugo e catro en Vilalonga, a súa casa sempre estivo nesta vila. Podería ser máis acaído dicir que era máis segoviana ca estremeña, aínda que tamén viviu sete anos cruciais da adolescencia en Barcelona ou cinco en Madrid antes de se instalar en Galicia. Á fin, debemos darlle a razón cando afirmaba ser galega: é a terra onde viviu máis tempo e sobre todo a terra e a lingua con que se identificou.

A historia de amor entre María Victoria e Galicia comeza en Pontevedra. Logo de dar aulas como interina nesa cidade, en 1965 aprobou as oposicións, sendo destinada ao Instituto Masculino de Lugo, onde ensinaba Xesús Alonso Montero, con quen manterá unha estreita amizade durante toda a súa vida. Grazas a el mergúllase na lingua e sobre todo na literatura galega: "A actitude ante a lingua, a ética e o compromiso cos seus falantes herdeinos de quen foi o meu mestre, de quen me honro en recoñecer como mestre" escribiu no artigo "O mestre das palabras", sobre Alonso Montero. Desde ese momento María Victoria converteuse nunha activista a prol da lingua galega, un compromiso vencellado ás reivindicacións de democracia e xustiza social. Ao regresar a Pontevedra en 1967 impartiu Literatura castelá no Instituto Feminino (agora Valle Inclán). Lembran as súas alumnas, entre elas Rosario Álvarez Blanco, que con María Victoria aprenderon tanto a tomar conciencia da realidade lingüística e cultural de Galicia como a gozar da literatura. Na ditadura franquista non se ensinaba lingua galega nin moito menos en galego, mais María Victoria dedicaba parte das clases de literatura española dos venres a ensinar literatura galega, a que as alumnas practicasen a escrita de textos en galego. Nese contexto de represión, o seu compromiso coa lingua expresouse tamén nos cursos de galego –a título voluntario, non remunerados– organizados pola asociación Amigos da Cultura de Pontevedra, nos que participou desde 1972, dirixidos a mestras, mestres e persoas que non tiveran a posibilidade de estudar a nosa lingua. Unha participación que resultaba sospeitosa para o réxime, sobre todo se os cursos eran organizados por entidades como o Ateneo de Ourense, dirixido por Manuel Peña-Rey, de coñecida militancia comunista, e considerado un niño de subversión. Como represalia, en 1974 foille retirado o pasaporte. A contribución como escritora de María Victoria á lingua e á cultura do país foi moi importante; con todo, poida que o fose aínda máis a súa actividade como profesora que, como reiterou en artigos e entrevistas, era a súa paixón.

O ano 1973 convértese nunha data significativa na súa traxectoria por varias razóns. Desde o punto de vista persoal por iniciaren José Luís e mais ela o proceso de adopción dos seus fillos Begoña e Carlos, completado formalmente en 1975. Ediciós do Castro publica o seu primeiro libro, Mar adiante, en que vai incluído o relato "Clarisca e Luceiro", que acadara o segundo lugar no Premio O Facho. Esta primeira edición leva ilustracións da autora, como a utilizada pola RAG para felicitar o Nadal en 2017; en 2009 o libro foi reeditado por Edicións Xerais. Edita outrosí a antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega, que recollía textos de dez poetas nacidos despois de 1943, entre eles Xosé Vázquez Pintor, Xesús Rábade Paredes, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana, sendo responsable tanto da selección como da tradución ao castelán. E abre en Pontevedra, xunto a oito socias e socios, a libraría Xuntanza, onde se vendían, entre outros, libros como os de Castelao e Miguel Hernández prohibidos pola censura e editados fóra de España, sobre todo en Buenos Aires. Isto é unha mostra das múltiples actividades que levou a cabo en relación cos libros: escritora, profesora de literatura, tradutora, editora, libreira ou conferenciante.

A publicación de Mar adiante tivo grande impacto na prensa, convertendo a María Victoria nunha das autoras pioneiras da literatura infantil galega. É a historia, contada en primeira persoa, dunha mestra, na que non é difícil identificar a autora, que pon escola nun barco, o Arroás. Canda ela navegan Miguel, o mariñeiro que o fabricara, o capitán Xosé Luís, Lola a cociñeira, que aprendeu a camiñar sobre a auga, e mais once rapazas e rapaces. O libro constitúe un manifesto a favor dunha escola diferente, en contacto coa natureza, a favor dunha relación de respecto e agarimo co alumnado, que María Victoria defendía tanto nas súas novelas como na súa vida. Unha escola en que ningún mestre ameazase os rapaces de Portosouril con guindalos ao mar cos libros amarrados ao pescozo, unha escola en que se aprendía ollando para as estrelas e mesmo facendo trasnadas.

Mar adiante foi seguido por "O cataventos" (1979) que acadou o Premio O Facho, A festa no faiado (1983), e Leonardo e os fontaneiros (1986). Este último é un exemplo da intensa relación de María Victoria cos animais, un cariño reflectido na súa vida e en moitos dos seus libros. Leonardo, o protagonista, é un can de palleiro, un can sen dono que se converte en amigo e confidente de Antón Andrade, rapaz de catorce anos moi dado a levar a cabo falcatruadas, xunto cun feixe de compañeiros de escola coñecidos como os fontaneiros. María Victoria adoitaba chamar "os meus cachorros" tanto aos seus cans como ao alumnado e gabábase de tratalos igual. Afirmaba non facer nunca cos animais o que non faría coas persoas, pois entendía que quen lle fai mal a un animal indefenso tamén é quen de llelo facer ás persoas. Tampouco os alimentaba cos desperdicios da comida, aínda que si lles entregaba os libros de mala calidade para que xogasen con eles até os desfacer. Outros textos seus protagonizados por animais son E haberá tirón de orellas? (1997), historia da cadela Alma –homenaxe a dúas cadelas que tivo a autora e ás que deu o mesmo nome– perdida, logo de se afastar da casa, "Can branco, can negro" e "Un cachiño de bica?" dúas historias en verso que forman parte, xunto con "Xa non teño medo" do libro Eu conto, ti cantas... (2005), o último que viu publicado en vida.

Ademais de historias infantís ou xuvenís, a mediados dos 80 publicou xunto con Xesús Rábade Paredes e Luís Alonso Girgado libros de texto de Literatura galega.

Outros fitos relevantes producíronse en 1988. Neste ano Galaxia, por decisión de Carlos Casares, na altura o seu director, crea a colección Árbore de literatura infantil, que será dirixida durante dez anos por María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro e David Otero. O obxectivo, segundo David Otero, era dispoñer de literatura en galego para todas as idades, dar visibilidade á escrita en Galicia, así como publicar traducións ao galego de libros de calidade. Tamén en 1988 publica Anagnórise, recoñecido en 1990 na Lista de Honra do IBBY (Consello internacional de libros para a mocidade), que selecciona cada dous anos libros excelentes nas distintas linguas. Anagnórise está considerado o seu mellor libro e un clásico da literatura xuvenil galega. É a historia de Nicolau, un adolescente de dezasete anos que fai autostop, fuxindo da casa e da súa vida anterior, e Xulia Andrade, unha muller afouta que o leva no seu coche e que ten moito da autora. Nas conversas da longa viaxe entre unha vila da beiramar galega e Madrid, Xulia fai reflexionar a Nicolau sobre a súa identidade, o que fixo na súa vida e o que quere facer en diante xa que segundo ela "as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos". É esta unha das frases máis coñecidas de María Victoria, e figura gravada na placa que o concello de Pontevedra colocou en 2006 na ponte da avenida de Vigo. Aínda que era recoñecida desde os anos setenta como unha das autoras de máis calidade da literatura infantil e xuvenil galega, Anagnórise consolidou a súa consideración como parte do canon.

En xaneiro de 1996 morreu o seu home, José Luis Llácer, e en 1997 foi diagnosticada de cancro de mama. Comezou a loita contra a doenza, os tratamentos, a quimioterapia, o que a leva, segundo as súas propias palabras "a escribir a contra o reloxo". Ao mesmo tempo, esforzouse por continuar a súa vida, dando clase durante cinco anos máis, até 2002, en que a súa saúde a obrigou a xubilarse: "Pensei que sendo unha todo terreo podería superar o cancro, pero non quero que os meus alumnos paguen a miña vellez e enfermidade. Na aula estou de marabilla e, a pesar de que levo cinco anos enferma, só faltei ás clases os días de chute". As aulas, a relación co alumnado, eran para ela un paraíso, un espazo onde acougar, deixando o cancro fóra das portas da escola por unhas horas.

En 1999 publicou a novela xuvenil Guedellas de seda e liño, recoñecida na Lista White Ravens da Biblioteca Internacional para a Mocidade de Múnic en 2002. Como Anagnórise, o libro explora os conflitos de identidade na adolescencia, neste caso a través de dúas rapazas, Rato Chus e Vanessa, e do misterio dunhas incertas orixes. As inquedanzas sociais da autora exprésanse no contraste entre o pazo, onde vive Rato Chus, e a marxinación de Vanessa e os xitanos do arrabalde, "acusados xa pola cor da súa pel". En 2002 iníciase unha relación co mariño cubano Pedro Ferriol, a raíz dunha carta que el envía a través da editorial gabando Leonardo e os fontaneiros. As cartas, chamadas telefónicas e correos electrónicos culminan en senllas declaracións de amor, e a voda en maio de 2003.

María Victoria Moreno foi unha autora de literatura para a xente nova, mais non só iso. A reflexión sobre a súa experiencia co cancro reflíctese nun libro excepcional, o ensaio Diario da luz e a sombra (2004), no que combina a análise descarnada da enfermidade, as súas consecuencias, a recepción social, os cambios no comportamento dos demais, incluíndo a ocultación, con humor e ironía. Un par de horas antes da presentación do libro, o 13 de decembro de 2004, comunicáranlle que tiña metástase, o que significaba unha sentenza de morte. Porén, presentou o libro con serenidade e dignidade, a mesma da que fixo gala durante toda a doenza. En 2005 Pedro Ferriol pasou a ordenador a primeira novela escrita por María Victoria, aínda en castelán, en 1969, e enviouna a un premio en Salamanca, premio que acadou e foi recoller poucos meses antes da súa morte. Traducido ao galego, segundo vontade da autora, por Xavier Senín, Onde o aire non era brisa (2009) foi publicado postumamente. É unha crónica da dura vida das mestras –probablemente inspirada na súa nai – nunha vila imaxinaria de Castela, nos anos 60. Está artellada ao redor das metáforas do leite: por unha banda a mestra fornecedora de leite físico, o da axuda americana, e intelectual, para acalmar a sede de coñecemento do alumnado; pola outra o espolio do alcalde e as forzas vivas da vila, acaparando o leite en po, simboliza a rapina levada a cabo polos franquistas. Elexías de luz, publicado en 2006, reúne cinco cadernos de poemas, nos que agroman tanto a súa sensibilidade como a ironía e a crítica.

Nos últimos anos da súa vida María Victoria recibiu numerosas homenaxes, dos libreiros na Feira do libro de Pontevedra, do profesorado do IES Torrente Ballester, o último no que dera clase e ao que legou a súa colección de libros, e outras que non viviu para presenciar, como a do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra, en 2006. Morreu o 22 de novembro de 2005.

Como apunta Isabel Soto, algúns trazos fundamentais da obra de María Victoria son o lirismo, a conversión dos animais en protagonistas e a crítica a un ensino reseso. Contribuíu, xunto a outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno; a poñer en valor o uso da lingua galega, falándoa e escribíndoa ben, a meterse na pel dos personaxes e gozar coa literatura, coa beleza das palabras. Toda a súa vida é un exemplo de compromiso coa causa da lingua galega e da xustiza social.
 

Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey

Neste apartado ofrécese unha escolma dos principais títulos de María Victoria Moreno.

Literatura infantil e xuvenil

Narración
Mar adiante (Historias de nenos para nenos). Sada: Ediciós do Castro, 1973. 
A festa no faiado. Vigo: Galaxia, 1983.
Leonardo e os fontaneiros. Vigo: Galaxia, 1986.
O cataventos. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1989.
Anagnórise. Vigo: Galaxia, 1989.
¿Un cachiño de bica? Vigo: SM, 1994.
¿E haberá tirón de orellas? Vigo: Galaxia, 1997.
A brétema. Vigo: Ir Indo, 1999.
Guedellas de seda e liño. Vigo: Galaxia, 1999.

Poesía
Eu conto, ti cantas. Vigo: Xerais, 2005.

Ensaio, poesía e narración
Diario da luz e a sombra. Vigo: Xerais, 2004.
Elexías da luz. Vigo: Xerais, 2006.
Onde o aire non era brisa. Vigo: Galaxia, 2009.

Estudos literarios e lingüísticos

Libros
Literatura [galega] século XX. Iniciación universitaria (en colaboración con Xesús Rábade Paredes). Vigo: Galaxia/SM, 1985.
Literarura [galega] 3º BUP (en colaboración con Xesús Rábade Paredes e L. Alonso Girgado). Vigo: Galaxia/SM, 1987.
As linguas de España. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1991.
Verso e prosa. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1991.

Estudos e artigos en revistas colectáneas
Os novísimos da poesía galega / Los novísimos de la poesía gallega. Madrid: Akal, Colección Arealonga, 1973.
"No dejéis que muera vuestra lengua", en Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas. Madrid: Akal, Colección Arealonga, 1974.
"Comentarios de textos: descubrir a realidade", en Xornada de Lingua galega no ensino. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1984.
"¿Escritora alófona eu?", en Poetas alófonos en lingua galega. Actas do I Congreso Galaico. Vigo: Galaxia, 1994.
"Discurso pronunciado por Xesús Alonso Montero no acto no que recibiu o Pedrón de Ouro", en Comentarios de texto populares e de masas (ed. de Claudio Rodríguez Fer). Vigo:Xerais, 1994.
"O encontro", en Un libro, a maior aventura. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2003.
"Cartas de amor", en Carlos Casares: a semente aquecida da palabra. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2003.
"Danza da lúa en Santiago. Suxerencias para unha aproximación a Federico García Lorca, poeta galego (1985)", en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos. Madrid: Universidad Complutense de Madrid, 2015.

Traducións
Gabrile Janer Manila, Isto que ves é o mar. Vigo: Galaxia, 1989. Tradución do catalán.
Manuel de Pedrolo, Mecanoscrito de segunda orixe. Vigo: Galaxia, 1989. Tradución do catalán.
Mª Ángels Gardella, Os ollos do dragón. Vigo: Galaxia, 1989. Tradución do catalán.