Xulio Gil

Xulio Gil é autor dalgúns dos retratos máis coñecidos de Xela Arias. A poeta e o fotógrafo colaboraron en Tigres coma cabalos (1990), onde poesía e fotografía dialogan a través de corenta e oito poemas e outras tantas imaxes. Máis adiante, Gil asinaría a instantánea do fillo de ambos que ilustra a cuberta de Darío a diario (1996), o poemario que a escritora lle dedicou ao pequeno pouco despois de nacer.

O fotógrafo tamén publicou obras de autor con Xosé Luís Méndez Ferrín e Carlos Casares, libros de cidades para Engaiolarte, e libros de arte para Hércules Edicións e Nova Galicia Edicións coa colección Artistas Galegos dirixida por Antón Pulido.

A súa traxectoria artística comeza no ano 1974 e dous anos despois expón na praza da Princesa de Vigo as primeiras fotografías, cunha proposta netamente conceptual. Subscribe o compromiso 37 anos máis tarde, cando recolle o Premio da Crítica de Galicia das Artes Plásticas 2013.

Ten realizado exposicións individuais en toda Galicia, Madrid, Barcelona e o norte de Portugal. Antropolóxicas, Fénix, Retablos Esenciais, Trompos, Tempos, Retablos Entremetidos, Matrilinial e Cea refulxit son algunhas delas. Os seus traballos puideron verse tamén nas mostras comisariadas por Xosé Enrique Acuña Capela dos Arcos e Apostolado Galaico, ademais da recente Retrato maior do cine galego e as series de camelias xunto con Antón Sobral.