Víctor F. Freixanes, elixido novo presidente da Real Academia Galega

O Pleno da Real Academia Galega, reunido esta tarde en sesión extraordinaria, apoiou a candidatura á Presidencia da institución de Víctor Fernández Freixanes. O académico obtivo a maioría necesaria para saír elixido, con 18 votos a favor e 1 en contra.

Víctor Freixanes, no centro da imaxe, acompañado posa con membros do Plenario da Academia tras a sesión extraordinaria na que foi elixido presidente. Autor: RAG


No mandato que inicia, o décimo terceiro presidente da institución estará acompañado por unha comisión executiva integrada por Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga, que continúan como secretario e vicesecretario, e Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, que ocuparán os cargos de tesoureira e arquiveira-bibliotecaria, respectivamente, desempeñados na executiva anterior por Rosario Álvarez e Margarita Ledo Andión. Mantense así a mesma proporción feminina, unha cuestión non menor, apuntou o novo presidente ante o Pleno no seu discurso, no que salientou que a RAG debe fomentar a incorporación de máis mulleres.

A candidatura de Víctor F. Freixanes, a única formalizada para optar á Presidencia, fora rexistrada o pasado venres, 24 de marzo, subscrita por Margarita Ledo Andión, Antón Santamarina e o seu predecesor na Presidencia, Xesús Alonso Montero, para quen tivo palabras de especial recoñecemento.

A executiva entrante márcase dúas grandes liñas de traballo, unha de carácter interno e outra centrada na proxección social da Academia. Canto á primeira, Víctor F. Freixanes defendeu a necesidade de manter un "clima de transparencia interna" para superar unha "etapa delicada". Nesta liña, comprometeuse a "facer todo o esforzo posible para avanzar no camiño do encontro, na construción dese clima necesario para podermos compartir os proxectos de futuro, considerando a lexítima discrepancia unha riqueza".

No tocante á proxección cara á sociedade, salientou que a RAG debe atender, de acordo cos seus propios estatutos, dúas dimensións principais: a do estudo da lingua, mantendo o "servizo á cidadanía" fornecéndoa de recursos, determinacións e traballos a prol do coñecemento e uso normalizado do idioma; e a dimensión da dinamización social, "levando a causa do idioma galego, a súa práctica e a súa estima a todos os estamentos sociais e a todos os ámbitos xeracionais".

Neste sentido, subliñou a importancia de buscar "novas estratexias de comunicación para a lingua galega que enriquezan e fortalezan o que xa se veu facendo nos últimos anos" desde a Academia, con proxectos, como o Portal das Palabras ou a Primavera das Letras, que acheguen "visibilidade social para a causa da lingua galega".

A atención ao galego exterior, o reforzamento das relacións con outras academias e institucións semellantes, os intercambios coas comunidades irmás de lingua portuguesa e a colaboración decidida entre as institucións que hoxe traballan pola lingua e a cultura, "para harmonizar esforzos e sacar o máximo rendemento dos recursos dispoñibles", foron outros dos temas que abordou Víctor F. Freixanes na súa intervención no Pleno. "Debemos procurar vías de diálogo construtivo con todas as forzas políticas parlamentarias, e mais cos representantes do Goberno, a prol de conseguir espazos de colaboración e consenso tamén nestes ámbitos", engadiu o novo presidente, quen tampouco esqueceu que "cómpre aspirar a unha estabilidade orzamentaria que non temos e que nos condiciona seriamente", procurando asemade "novos caladoiros económicos de adhesión".


De esquerda a dereita, os membros da nova comisión executiva Andrés Torres Queiruga, Marilar Aleixandre, Víctor F. Freixanes, Fina Casalderrey e Henrique Monteagudo. Autor: RAG
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar