'Vento ferido', medio século do nacemento dun clásico

Inverno de 1966. Arredor dunha mesa do Gaiola, Carlos Casares discrepa sobre o camiño elixido pola nova narrativa galega, a súa é unha concepción da literatura diferente. O pintor Xulio Maside rétao a que o demostre sobre o papel e o estudante de Románicas, que tantas veces deu proba do seu verbo áxil en faladoiro de cafés composteláns coma este, ou en xuntanzas estudantís antifranquistas, acepta o desafío. "Á volta do Nadal, tráioche un libro de contos", retrúcalle. Poucas semanas despois do regreso das vacacións, o 10 de febreiro de 1967, acabábase de imprimir en Vigo Vento ferido, un auténtico anticipo da prosa sinxela e efectiva, e do gusto polas historias próximas, galegas e ao tempo universais, que foron sinais de identidade da literatura do protagonista do Día das Letras Galegas de 2017.
Casares nos seus tempos de universitario.
Fonte: Fundación Carlos Casares

Francisco Xavier Carro Otero, Paco Carro, amigo íntimo de Carlos Casares desde aqueles anos, lembra cincuenta anos despois aquela conversa na cafetaría na que os dous colegas adoitaban xuntarse con Xosé Fernández Ferreiro e Luís Mariño. Era habitual que se sumasen ao parladoiro outras persoas e aquel día participaba Xulio Maside, quen asinaría as ilustracións que acompañarían os textos de Vento ferido. "Á volta de Nadal apareceu co libro que prometera, e eu debín de ser a primeira ou segunda persoa en lelo", rememora.

Tamén despois daquel Nadal, o 19 de xaneiro dun curso no que a cultura se convertera nun elemento de contestación ao réxime franquista, Carlos Casares era detido. O seu delito: presentar unha conferencia do filósofo José Luis López Aranguren no Burgo das Nacións. Membro activo do Asociación Democrática de Estudantes, non pasaba desapercibido. "Co seu discurso fluído e cargado de información da que a maioría do estudantado careciamos, convertíase no centro de atención", recoñece Camiño Noia. "Cando o libro se distribuíu, en marzo de 1967, Casares estaba en Santiago e a editorial Galaxia mandoulle dez exemplares a un apartado de correos. Recordo que fun con el recollelos. Un deles foi para min e esa mesma noite lin os contos que, como outros amigos, xa lle escoitara. A difusión foi inmediata e Vento ferido correu de man en man entre os universitarios con moito éxito", relata a profesora emérita da Universidade de Vigo.

Paco Carro acompañouno na que seguramente foi a primeira presentación do volume, composto por doce textos escritos entre 1964 e 1965. Aquel curso Benito Varela Jácome exercía como profesor substituto na Universidade de Santiago de Compostela e organizou na súa clase de Filoloxía unha presentación de Vento ferido. O escenario foi a Facultade de Ciencias, xa que nese momento a de Filosofía e Letras se atopaba en obras. Tamén contou coa complicidade da libraría Porto da rúa do Vilar, hoxe convertida en tenda de recordos. Durante quince días dedicoulle un escaparate ao libriño. A fin de contas, era a mellor obra da narrativa galega despois de A esmorga, alentárao Basilio Losada nunha carta.

A primeira recensión de Vento ferido na prensa asinouna a comezos de abril o propio Paco Carro no xornal La Noche (ver a imaxe do artigo aquí e a transcrición nesta ligazón). O profesor salientaba, entre outras calidades, a "linguaxe viva e espida" e a aposta por un realismo que incorporaba a Galicia "ausente" na narrativa dos novos escritores da década anterior. "Podemos adiantar que, ao noso xuízo, Vento ferido será un libro clave dentro da nosa narrativa", aventuraba. En xuño, El Progreso publicaba outro artigo (dispoñible nestroutra ligazón por xentileza do diario) de Arcadio López-Casanova. O hoxe académico de honra loaba igualmente a capacidade de Carlos Casares para "chegar á universalidade dende o máis particular, peculiar e persoal", en contraste co "tremendo perigo da inautenticidade creadora" que sufrían outros autores da chamada nova narrativa galega. Malia ser esta a súa primeira obra, remataba asegurando que estes relatos dicían, "xa para sempre, que o seu autor queda como un clásico".


Pola esquerda, cuberta da primeira edición de Vento ferido, ilustración de Xulio Maside para o relato "A tronada" e cuberta da edición de 2004


Transcorridas cinco décadas daquel faladoiro no que se xestou Vento ferido, semella claro que non se trabucaron. "Non pasou o tempo por el. É un libro que impacta ao lector, que segue a cativalo, a engaiolalo, con ese estilo cercano que fai literatura próxima á oralidade, e que introduce tamén unha temática máis próxima ao público", subliña Paco Carro. Porque "calquera que pasa ten un rostro e unha historia", reza a cita de Cesare Pavese que precede os contos.

Desde a perspectiva doutra xeración posterior, Antón Riveiro Coello asente. "Casares foi capaz de trasladar a frescura que lle viña da narración oral ao relato máis culto, e fíxoo incorporando as técnicas máis anovadoras do século XX. Hoxe segue sendo un libro moi moderno e con moita espontaneidade.", valora. O escritor, limiao coma Casares, acaba de lle render homenaxe no título da súa última novela, A ferida do vento, na que se propuxo facer súa a concepción literaria do protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. "El apostaba por chegar a un público amplo cunha sintaxe fluída, cun estilo directo. Esa luminosa transparencia da súa prosa tamén a intento conseguir".

Esa luminosa transparencia percorría xa todas as páxinas deste primeiro libro de mocidade que converteu con só 25 anos o lector compulsivo no escritor que xa se intuíra nas páxinas da revista Grial, onde viran previamente a luz catro contos seus, tres deles integrados en Vento ferido. Medio século despois, como soubo anticipar Arcadio López-Casanova, Casares queda, xa para sempre, como un clásico das nosas letras.

Pode acceder á Tribuna sobre Vento ferido do académico Henrique Monteagudo nesta ligazón.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar