"En 'Deus sentando nun sillón azul' hai unha gran película"

A experta en narrativa e teatro contemporáneo galegos e crítica literaria Dolores Vilavedra analiza o legado do protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas nesta nova entrega do "Cuestionario Carlos Casares". A súa pegada la cultura galega, di sen dubidalo, é a dun clásico á altura doutros autores que el mesmo admirou, como Álvaro Cunqueiro ou Ánxel Fole. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela escolle como a súa mellor obra Dios sentado nun sillón azul, unha novela ambiciosa na que tamén hai "unha gran película" á espera de se rodar.
Dolores Vilavedra

Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
Coido que, se nun primeiro momento tras o seu pasamento toda a sociedade galega gabou abondo os seus valores de estratega cultural, a súa capacidade de diálogo e mediación, e o seu labor institucional, hoxe resalta con rotundidade o valor da súa obra literaria.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
Toda a súa obra narrativa e xornalística, a súa firme aposta dende Galaxia pola tradución e por una nova maneira de entender a literatura infantil e xuvenil; tamén o seu compromiso cuns determinados valores que o levaron non só ao Parlamento ou ás institución senón tamén a actos máis discretos: por exemplo -algo que non todo o mundo sabe- a acoller varios meses no seu fogar un escritor bosníaco durante a guerra dos Balcáns.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
Moi fonda, polo seu talante e pola súa fidelidade ao galego como lingua de expresión literaria compatible cun europeísmo que el soubo converter na resposta que unha certa tradición do galeguismo podía dar aos desafíos da sociedade do seu tempo. Se nos centramos no seu labor xornalístico, as súas columnas de "Á marxe" demostraron como era posible achegar ao galego sectores sociais non militantes ou mesmo alleos na súa vida cotiá á práctica lingüística do noso idioma.

Que vixencia conserva a súa creación?
A dun clásico. Casares é xa un dos clásicos da nosa narrativa, no ronsel deixado na segunda metade do século XX por Cunqueiro, Fole e Blanco Amor.


Carlos Casares con Dolores Vilavedra durante unha sesión no Consello da Cultura Galega


Como coñeceu vostede a Carlos Casares? Que recordo garda del?
Coñecino sendo eu estudante de doutoramento na USC (sería polo ano 1987 ou 88), logo dun seminario sobre a "Nova Narrativa Galega" impartido pola profesora Camino Noia. Andaba a preparar un traballo, que logo sería o meu primeiro artigo (publicado en Dorna), e pedinlle unha entrevista a Casares. Citoume unha mañá en Galaxia e alá fun. Dedicoume moitísimo tempo e falou, falou... a entrevista graveina, e hoxe está no Arquivo Sonoro do Consello da Cultura. Impresionoume a súa xenerosidade, que tivese tanto vagar para dedicarlle a unha rapaciña descoñecida, e que parecese estar encantado de facelo. Logo a vida levaríanos a estreitar unha relación na que sempre me chamou a atención a súa cordialidade para con todo o mundo, atemperada -ou equilibrada- por un punto de timidez.

Cal é a súa obra preferida de Carlos Casares? Por que?
Deus sentado nun sillón azul (1996), sen dúbida. Coido que é a máis ambiciosa dende o punto de vista técnico, a máis poliédrica e a que aborda con máis profundidade os temas que formula, temas -por outra banda- recorrentes na obra casariana. Dixen algunha vez, e reitérome, que nesa novela hai unha gran película: sorpréndeme que nos tempos que corren ninguén reparase aínda niso.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar