'Afouteza' é a Palabra do Ano 2017

Cun 48 por cento dos votos, afouteza é a Palabra do Ano 2017. Votaron por ela 3.004 persoas das 6.228 que participaron na elección promovida polo Portal das Palabras, o proxecto web para a modernización e divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. O termo gañador impúxose aos outros sete finalistas, todos eles palabras con forza informativa, que centraron por diversos motivos os temas de maior presenza nos medios e máis impacto social, e a maioría cun valor engadido desde o punto de vista estritamente lingüístico. Independencia foi a seguinte palabra en número de votos, con 939, e sapoconcho, a terceira, con 830. Eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina completan, por esta orde, a táboa de posicións finais.

Nas tres edicións anteriores, as gañadoras foron irmandade (2016), refuxiados/as (2015) e corrupción (2014). A esta listaxe súmase agora afouteza, cuxo éxito foi cociñándose ao longo de todo 2017, xa que durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis buscadas no Dicionario. Os medios de comunicación recolleron este dato, dando conta de que o interese por unha voz non moi frecuente na fala coloquial era debido á campaña do Celta de Vigo, que ten por lema: "Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza", baseado nun verso do propio himno do club. A motivación dos e das seareiras pesou sen dúbida para que gañase a Palabra do Ano, pero entre os miles de votos que recibiu, non poucos se deberon ao poder semántico e á forma suxestiva desta palabra, cun contido e unhas implicacións que van máis alá do futbolístico.

En definitiva, afouteza conquistou neste ano que remata unha vida nova nun partido en que gaña a lingua: saltou do campo de fútbol á rúa, da rúa aos medios e tamén se introduciu en textos de diferente tipo, espertando a curiosidade de quen non a coñecía e pasou a incorporala ao seu tesouro léxico persoal. A palabra, cun sólido fundamento histórico, foi nestes últimos meses gañando posicións no espazo da fala e o léxico vivo.

Orixe e evolución do termo
Afouteza vén definida no Dicionario en dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos ou á seguridade que demostra unha persoa en si mesma. Os dous significados están moi vinculados, é evidente, pero conservan un valor semántico específico e esta é a razón pola que se propoñen para cada un deles voces diferentes como sinónimos; para a "disposición do ánimo", poden ser equivalentes animosidade, audacia, denodo, ousadía e valor. Para a segunda acepción, a do "carácter firme e seguro", os que se propoñen como termos relacionados, non estritamente sinónimos, son decisión e enerxía.

A orixe de afouteza atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado "favorecer ou "protexer", e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais. De favere e do seu supino fautum chegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que "ten ou amosa afouteza". Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e mais o verbo afoutar (que pode ser tamén pronominal, afoutarse), cando lle damos ánimos ou valor a alguén para realizar algo ou encetar unha empresa.

Afouteza está na lingua practicamente desde os inicios, como indica a súa presenza en documentos do século XIV. A primeira recollida lexicográfica fíxoa Juan Sobreira a fins do XVIII, na súa colección de termos. Di o padre Sobreira que "afouta" é a "persoa dilixente e activa nun traballo, manifestándose confiada no logro" e insiste "o que non desmaia, ou non manifesta desconfianza no que emprende" (adaptación da definición orixinal do frade bieito Sobreira, na súa colección lexicográfica de 1787-1805). Desde esa primeira notación, a palabra afouteza (ou no seu caso o adxectivo afouto-a) estivo presente sen interrupción nos dicionarios e glosarios históricos, incluída a primeira entrega do Dicionario da Academia (1913-1928), onde figuran tamén as variantes afoto –a e afoutado –a.

Mais a afouteza non é só unha palabra de dicionarios e dicionaristas, xa que apareceu con certa regularidade en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX, entre outras. Neste espazo comunicativo, volve brillar na segunda decena do século XXI.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 19 de xaneiro de 2018 / 19:30 h
Celebración dos 40 anos da revista 'Encrucillada'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar