“Toda Rosalía está nos seus versos publicados. Nese sentido, a destrución das súas cartas por Murguía foi inútil”

Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) ingresou hoxe na Real Academia Galega como académica de honra cun discurso no que ofreceu unha nova visión sobre os motivos que levaron a Manuel Murguía a destruír as cartas de Rosalía de Castro. Se hai 48 anos escribira "dun modo contundente e pouco matizado" que o fixera para protexer a súa propia imaxe, a escritora e investigadora considera agora que "a intención fundamental non foi protexerse a si mesmo senón protexer ante a posteridade a imaxe da súa muller", procurando unha mellor acollida da súa obra. E o xesto foi só "un máis dunha longa cadea de actuacións no mesmo sentido", entre elas, animala a escribir e combater o "desánimo ante a súa propia obra" e a tendencia a rachar os seus textos.
Marina Mayoral nun momento do seu discurso. Fonte: Xosé Castro / RAG


"Murguía construíra a imaxe dunha Rosalía mártir, que se compadecía da dor allea e que mantivo sempre unha actitude digna e nobre ante a propia dor. Para completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe", explica Marina Mayoral, que profunda en distintas accións do autor no "proceso de mitificación de Rosalía".

A nova académica de honra, que desde os 19 anos reside en Madrid, rematou a intervención recordando escenarios importantes na súa vida, todos eles galegos: a casa de Ramón Piñeiro na rúa Xelmírez de Santiago, "para min un verdadeiro fogar"; a Universidade de Santiago de Compostela, onde comezou os estudos superiores e imparten docencia "amigos moi queridos e admirados"; a casa familiar de Mondoñedo, onde viviu cos pais e a avoa –"a onde quer que eu vaia, van comigo"-; ou as páxinas do xornal no que colabora desde hai tres décadas, "onde puiden dicir sempre o que penso e o que sinto, que era o que Rosalía quería para as mulleres", asegurou. Por último agradeceu á RAG o nomeamento: "Desde hoxe, teño un lazo máis con Galicia, esta casa, que respecto e admiro".

Xosé Luís Franco Grande foi o encargado de darlle resposta en nome da Academia a quen é "unha personalidade literaria xa de proxección internacional", creadora dunha obra X. L. Franco Grande: "Hoxe recibimos como académica de honra unha personalidade literaria xa de proxección internacional (...), autora duha obra narrativa moi rica, por veces de moita ousadía expositiva, moi madurecida nas técnicas expresivas e sempre suxestiva, suxerente e ben construída" narrativa "moi rica, por veces de moita ousadía expositiva, moi madurecida nas técnicas expresivas e sempre suxestiva, suxerente e ben construída". O académico, amigo de Marina Mayoral desde que ambos se coñeceron estudando na Compostela de finais dos anos 50, recordou tamén a traxectoria investigadora da catedrática da Universidade Complutense de Madrid, na que destacan, entre outros, os traballos rosalianos e sobre Emilia Pardo Bazán. De feito, salientou, Marina Mayoral "levou o nome e a obra de Rosalía, e de Galicia polo tanto", a unha morea de tribunas académicas internacionais onde exerceu como conferenciante ou profesora convidada, como as universidades de Harvard, Berkeley ou La Sapienza de Roma.

O presidente da RAG agradeceu a Marina Mayoral en nome de toda a Academia o seu discurso e deulle a benvida á institución como membro de honra. "Hoxe súmase á nómina de personalidades que nos honran coa súa incorporación a esta casa", expresou Víctor F. Freixanes, que gabou o seu discurso e lembrou que Emilia Pardo Bazán, cuxa casa acolle a sede da RAG na que se desenvolveu o acto, foi recoñecida con este mesmo nomeamento en 1906. "A condición humana e os desencontros afectivos" de Rosalía, Murguía ou a propia Pardo Bazán reflectidos no discurso, engadiu, fan "que mesmo as grandes figuras da nosa historia sexan de carne, óso e sentimentos".

A construción da "Rosalía mártir" e inmortal
"Dise moi correntemente que o meu marido traballa sen cesar para facerme inmortal". Con estas palabras da propia Rosalía no artigo "Las literatas. Carta a Eduarda" empezaron un día as dúbidas de Marina Mayoral arredor do tema analizado na cerimonia de entrada na RAG. "Quizá as murmuracións das que se queixa teñan un fondo de verdade e sexa certo que Murguía traballa para facela inmortal, non escribindo as súas obras, pero si corrixíndoas, proporcionándolle lecturas, facendo críticas laudatorias, buscando o apoio de personaxes famosos ou relevantes para que prologuen as súas obras, e tamén ocultando todo dato biográfico que puidese prexudicala. Esta última idea non é miña: Xosé Ramón Barreiro na súa monumental e creo que definitiva biografía de Murguía conta que Vicente Risco en 1922 solicita por carta a Murguía 'detallados datos biográficos de Rosalía' para traballar sobre a súa obra. Barreiro comenta que mal coñecía o gran mestre, porque este ‘pasou toda a vida ocultando eses datos', e non só os referidos a Rosalía senón tamén a el mesmo", apunta Marina Mayoral no arranque do discurso.

A académica de honra considera preciso englobar a pregunta inicial, por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía?, noutra máis ampla: Como foron as relacións da parella? "Comprometida cuestión, pois as opinións ao longo de máis de cento cincuenta anos foron diversas e contraditorias. E as investigacións desta última década sobre as biografías de Rosalía e Murguía engadiron complexidade á posible resposta", reflexiona. Tras unha análise detallada de diversas fontes e textos, Marina Mayoral conclúe que Murguía construíra "a imaxe dunha Rosalía mártir" e que para "completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe. (…). Murguía pensou, e deixou escrito, que esa Rosalía íntima só debía coñecela a familia".

Pero o acto de Murguía de acabar coa correspondencia que conservaba dela foi en van porque todas as facianas da autora fundacional das letras galegas contemporáneas están na obra que deixou publicada e que chegou aos nosos días, salienta: "Destruíunas [as cartas] crendo que Marina Mayoral: "Murguía destruíu as cartas crendo que destruía unha imaxe de Rosalía que só el debía coñecer. Pero niso equivocouse: toda Rosalía está nos seus versos publicados se se saben ler con atención e sen prexuízos. Neste sentido, a destrución de Murguía foi inútil. Pero non o foi o seu labor de protección e de defensa da imaxe da súa muller" destruía unha imaxe de Rosalía que só el debía coñecer. Pero niso equivocouse: toda Rosalía está nos seus versos publicados: está o odio, pero tamén a piedade e a compaixón (…). Todo está nos seus versos, se se saben ler con atención e sen prexuízos. Neste sentido, a destrución de Murguía foi inútil. Pero non o foi o seu labor de protección e de defensa da imaxe da súa muller ao longo de toda a súa vida".

Hoxe Rosalía "é máis que unha grande escritora" e Murguía contribuíu dalgún xeito a que así sexa, remata o discurso. "Algúns escritores conseguen coa súa obra converterse en símbolos dun país. Rosalía encarna a voz do pobo galego, é a súa alma mater, a gran Nai que reflectiu mellor que ninguén a psicoloxía, os problemas e as penas do seu pobo, a voz que denunciou as inxustizas e reivindicou os seus dereitos. Como dixo don Américo Castro, Italia ten a Dante, Alemaña a Goethe; Inglaterra, Shakespeare; España, Cervantes, e Francia, helas!, ten a Víctor Hugo. A esa pequena lista hai que engadir que Galicia ten a Rosalía. E hoxe penso que Manuel Murguía contribuíu decisivamente a iso", subliña.

Da crítica de 'La flor' ao prólogo de 'Follas novas' e a resposta a Pardo Bazán
Para Marina Mayoral, Murguía iniciou ese camiño coa súa crítica de La flor (1957) na que, malia dicir que o libro ten moitos defectos, presenta a autora como un talento emerxente e augúralle un brillante porvir. O intelectual aseguraba entón que non a coñecía, pero tal e como suxerira no seu día Ricardo Carballo Calero e como indican investigacións recentes, xa se coñeceran antes de que ela marchase a Madrid. "A min paréceme que a explicación é sinxela: mentiu para que ninguén dubidase dos méritos daquela moza descoñecida á que el eloxia, e unha vez feito, non quedaba máis remedio que mantelo cantas veces fose necesario, so pena de perder credibilidade como historiador e como crítico. Así empezou a traballar na inmortalidade de Rosalía", indica.

"Tras este primeiro paso, o segundo para puír o diamante foi casar con ela e empezar a proporcionarlle lecturas, que Rosalía debeu de ler con avidez e das que deixou constancia nas citas ao comezo de cada capítulo de La hija del mar. O terceiro paso foi empuxala, case obrigala, a escribir porque Rosalía resultou ser unha persoa máis complicada do que a primeira vista parecía: cuestionouse toda a súa vida o feito de escribir e deixou múltiples exemplos na súa obra (...). Cuestionaba o escribir e, o que é peor, tendía a romper o que saía da súa pluma. Non só ao sentirse morrer mandou destruír os seus inéditos. A cousa empezou moito antes, temos testemuños desta actitude que case roza o patolóxico", prosegue.

O ensaio analiza as inseguridades de Rosalía de Castro e o papel de Murguía bebendo de diversos documentos e estudos propios e de distintos autores e autoras, avanzando no tempo a través das publicacións de varias obras. Entre outros escritos, detense na carta na que ela mesma lle confesa a Eduardo Pondal, un ano despois da publicación de Cantares gallegos (1863), que rachou o último que escribiu; ou no episodio arredor do exemplar deste libro que lle dedicou a Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero), seguramente unha estratexia, fracasada, para dar a coñecer o libro fóra de Galicia.

O discurso profunda tamén no prólogo de Follas novas que asinou a propia Rosalía, "Dúas palabras da autora", pero que recolle ideas e palabras de Murguía sobre as supostas limitacións intelectuais da muller, sostén Marina Mayoral. " Follas novas tivo que representar un gran problema para Murguía porque rompe todos os canons, todas as "Non podo crer que Rosalía crea o que di no prólogo de 'Follas novas' [sobre a muller] porque o contradí inmediatamente nos primeiros poemas do libro" regras que limitaban a literatura escrita por mulleres (...). Non podo crer que Rosalía crea o que di no prólogo porque o contradí inmediatamente nos primeiros poemas do libro. Ela sabe que non está a facer literatura feminina: Daquelas que cantan as pombas i as frores / todos din que teñen alma de muller, / pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma, / ¡ai!, de que a terei?". Pero por que Rosalía consentiría asinar ese prólogo? "Porque non quere contrariar a persoa que máis ama no mundo -como lle di a Murguía nunha carta- e porque está enferma e cansa, e porque sabe que o seu libro non vai gustar na sociedade de 1880. E porque Murguía a convenceu de que aquilo era unha captatio benevolentiae: a artimaña coa que pretende protexer, ao seu modo, a Rosalía. Só así se pode entender ese prólogo. A idea que quere transmitir nel é: a muller que escribe estes terribles poemas non pretende defender ideas de igualdade, como outras fan", propón.

Por último, olla o prólogo da segunda edición de En las orillas del Sar e Los Precursores, onde Murguía insiste na imaxe de Rosalía como mártir, así como os artigos "Cuentas ajustadas, medio cobradas", que este publicou anos despois da súa morte en La Voz de Galicia. Estes artigos son -apunta- unha nova lanza na súa defensa. Neles revela os ataques que sufrira por parte de Emilia Pardo Bazán e insiste no retrato edulcorado da súa dona. "Esa imaxe que dá de Rosalía, que hoxe nos parece mal, sen dúbida contou con moitos simpatizantes no seu momento (…). Vai camiño de converterse na ‘Santiña'. Está a consolidarse o proceso de mitificación de Rosalía".

Marina Mayoral, experta tamén na obra de Emilia Pardo Bazán e admiradora da escritora coruñesa, recoñece que a súa actitude cara a Rosalía non foi a correcta. "Nunca a eloxiou como merecía nin recoñeceu publicamente o seu talento. Hai que dicir no seu descargo que estaba sinceramente convencida de que escribir en galego ou catalán rebaixaba automaticamente o valor do escrito", contextualiza.

Xosé Luís Franco Grande lendo o discurso de resposta. Fonte: RAG

 

Foto de grupo de Marina Mayoral e membros de número da Real Academia Galega. Fonte: RAG


Pode descargar o discurso de ingreso na Academia de Marina Mayoral NESTA LIGAZÓN.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar