“A Irmandade propagará por todos os medios o emprego do noso idioma”

A Real Academia Galega celebra esta tarde, da man do Concello da Coruña, un acto musical e literario no teatro Rosalía de Castro co que conmemorará o centenario das Irmandades da Fala. A súa fundación aconteceu tal día coma hoxe, o 18 de maio de 1916, nunha xuntanza na que se constituíu a primeira agrupación, a coruñesa. Nacía así un movemento esencial para a para a dignificación do idioma e a renovación cultural galega. Para celebrar esta efeméride, a RAG está tamén a dixitalizar e pendurar na súa web, entre outros documentos históricos, o regulamento publicado en 1918 pola Irmandade da Fala da Coruña.

"Esta sociedade ten por obxecto o engrandecemento da nosa terra en todas as ordes. Por iso o seu lema ha de ser: TODO POR GALICIA E PARA GALICIA". Con esta declaración de intencións arrinca o regulamento publicado dous anos despois da fundación da primeira irmandade, ao que se pode acceder desde a sección As Irmandades da Fala nos Fondos da Academia. Poucas liñas despois, no terceiro artigo, queda patente tamén a importancia central que os irmáns lle concedían á lingua neste propósito: "Por ser a fala o elemento que máis distingue os pobos e mais fixa o seu carácter, e polo tanto, neste caso, o mellor para a formación dun común espírito galeguista, a IRMANDADE propagará por todos os medios o emprego do noso idioma. Por isos se chama IRMANDADE DA FALA: Por ser o da Fala o primeiro problema que nos presenta a realidade".

Na mesma sección, que seguirá nutríndose con fondos custodiados pola RAG ata maio de 2017, pode accederse tamén á primeira edición de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional. Neste folleto Antón Villar Ponte recolleu ideas que xa difundira na prensa e defendía, dous meses antes do nacemento das Irmandades, a constitución dunha "Liga de Amigos del Idioma". Unha carta de Florencio Vaamonde na que lle transmite a Villar Ponte o seu apoio a esta iniciativa é outro dos documentos históricos dispoñibles polo momento.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar