Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
introductoria titulada ?Noticia de Avilés de Taramancos?. Outra achega de Avilés, na prensa galega, atopámola en La Voz de Galicia (11 de xullo de 1974) co ?Pranto por Urbano Lugrís?, un emocionado poema de despedida, un canto elexíaco diante do amigo morto no que o poeta sincera a súa palabra: ?Asisto cun ferro atravesado nas virillas / ó enterro da miña mocedade?. Antón Avilés, lonxe da patria coma Ulises, só arela unha cousa: ?Hoxe desexo, tanto coma Ulises, atopar unha barca que me leve / ás costas de Galicia. Son prisioneiro dunha forza estraña?. De regreso, o poeta de Taramancos, continuou o labor literario sen esquecer aquela dimensión da escrita e que aquí nos ocupa: a creación e participación nas publicacións periódicas galegas, utilizando con frecuencia pseudónimos, mesmo diriamos heterónimos como Ulises Fingal ou Hércules Poirot. Así, na década dos anos 80, atoparemos a súa sinatura en publicacións moi diversas entre as que destacamos: Dorna, nos números 6 (1983) e 9 (1985). No número 1 (maio de 1984) de Cen augas (cadernos de poesía), edición ó coidado de Miguel Anxo FernánVello, Roxélio Martínez e Francisco Pillado Mayor. Neste caderno publicáronse os seguintes textos, ?do libro inédito Cantos Caucanos?: ?Primeiro canto? (catro partes), ?Elexía de Popaián? (3 partes) e ?Canto de Noralba Tombacoi ?Hino órfico? (tres partes). Nese mesmo ano (23 de xuño) publica en A Nosa Terra ?A escada de Daniel?, e nos anos seguintes na revista Agália, (uns ?Poemas? no número 7, outono de 1986, reproducidos en As torres no ar), no Programa de Festas de Noia do ano 1987 (?A espada florecida? incluída en ?Poetas de Noia?) e na revista de Galiza Nova (especial Mocidade) de Nadal do ano 1991 onde aparece o ben coñecido ?Non é Galiza, non? á beira doutros poetas como Lino Braxe, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Bernardino Graña, Margarita Ledo? Tamén Luzes de Galiza, a revista coa que colaborara dedicará un número especial e monográfico (número 21 de febreiro de 1993) dedicado á vida e obra de Avilés, logo do seu pasamento, onde confluíron numerosos escritores e artistas amigos como Álvarez Torneiro, Luz Pozo, Alfonso Costa, Uxío Novoneyra? Pola súa significación, capítulo á parte merecen outras dúas importantes publicacións periódicas: o Boletín Galego de Literatura e o xornal Barbanza. No número 3 (maio de 1990) do Boletín Galego de Literatura, dirixido polo profesor Anxo Tarrío Varela, e dentro do capítulo dedicado á ?Creación?, publicouse unha Autopoética de Antón Avilés acompañada de oito poemas, datados entre o 19 e o 21 de febreiro dese ano, baixo o título de ?Obra inmisericorde?, poemas dos que se nos dá algunha aclaración nunha nota que di: ?Urxido polo Consello de Redacción do Boletín Galego de Literatura, Avilés de Taramancos escribiu en tempo record os poemas que agora saen á luz por primeira vez e que forman parte dun proxecto máis longo que el rematará cando lle volvan á memoria tódalas Obras de Misericordia que ensinaba o Catecismo do Padre Astete?. Oito poemas nos que a voz do poeta se fai clara e irónica á vez que homenaxea a clásicos da lírica galega como Ramón Cabanillas e Eduardo Pondal.
163 Nº 364