BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Desde o cabo da Vela e Rioacha até a illa da Margarita o mar é verde, terso. Unha esmeralda imensa é a auga do mar. Aquela primeira visión de Xoán de Noia pudo ser a do cego que se atopa coa luz. Logo a aventura, as pérolas, o ouro e a tumbaga dos pixaos.39
Como non podía ser menos, tamén aparece incluído nesta relación de nautas das descubertas Antón de Noia, o grumete da ?Trinidad? de Fernando de Magalhães na volta ao mundo e ao que xa lle dedicara un poema en 1952, merecedor dun accésit no concurso literario organizado polo Círculo de Recreación de Noia, que tivera a Otero Pedrayo como mantedor:
Habería que ver o entusiasmo deste rapaz da Fanequeira de poder participar na primeira viaxe arredor dun mundo descoñecido. É como ser hoxe aprendiz de astronauta. Eu véxoo medindo a infinitude do mar cos seus ollos asombrados, ir descubrindo as costas de Brasil, do Plata, cruzar o mar bravío do Estreito de Todos os Santos e atoparse co outro mar imenso nunca de antes navegado. Enxergar no horizonte as illas, eses edéns que aínda agora nos redimen e atraen, fuxir das illas dos Ladróns, e entrar no mes de abril en Cebu co velame zoando nun vento de ámbar e morrer despois tan mozo nas selvas do Mactán cumprindo o seu destinode herói e deixandolle a Noia o seu pergamiño de valentia. Eran tempos nos que un rapaz podia interpretar os seus proprios soños.40
Estes textos de Avilés de Taramancos serían obxecto de comentarios e rectificacións nas páxinas de Barbanza a cargo do historiador que asinaba co pseudónimo de ?Guana Gunare? nas columnas ?Recanto da historia? e ?Homes para a historia?. Como é lóxico nun primeiro libro pertencente a un xénero diferente ao cultivado desde a adolescencia, Nova crónica das Indias non acada a altura estética dos seus poemarios, non obstante o interese que ofrece desde un punto de vista autobiográfico e no que se refire á tematización da realidade americana. A dicir verdade, a dicción poética pesa en exceso sobre a estratexia narrativa nos máis dos textos; non sempre presentan unha adecuada dosificación da información para atraer a atención do lector nin logra ás veces construír personaxes coa necesaria profundidade psicolóxica. Ao seu favor exhibe unha exuberancia verbal tal que é capaz de asimilar os americanismos máis diversos e converterse no instrumento lingüístico máis acaído para plasmar a paisaxe do trópico, carente coma quen di de tradición na literatura galega. Pola súa maior complexidade lingüística, os americanismos que toman carta de natureza en Nova crónica das Indias tamén son máis numerosos que os presentes en Cantos caucanos. A apropiación lingüística da realidade diferencial de América chega a converterse en motivo temático dun relato. Así, no monólogo interior do capitán Pedro de Añasco podemos ler esta confesión que sen dúbida asinaría o propio autor:
Os meus oídos foron recollendo día a día o voso falar, os nomes repetidos das cousas, os nomes das armas e do pan de comer, e xa coñezo os froitos e as aves polo seu nome verdadeiro, coñezo as persoas que te seguen, as ferramentas, as árbores. Sei do que me falas, Gaitana, o rancor deixa fluír as verbas a modiño, e a cegueira avívame os oídos
Nº 364
58