BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
de Buenaventura?89. De todos os xeitos, con independencia da base real, no poema acaba adquirindo un valor arquetípico da muller do trópico que destaca pola beleza, a sensualidade e o sentido do ritmo. A composición ábrese cunha alusión histórica á fundación da cidade de Cali por parte de Sebastián de Belalcázar: o 25 de xullo de 1536 cambioulle o emprazamento e substituíulle o nome á vila de Ampudia polo de Santiago de Cali. Esta referencia non sorprende, pois no barrio Arboleda érguese o Monumento a Sebastián de Belalcázar, obra do escultor español Victorio Macho; sen embargo, nun poeta da ideoloxía de Avilés de Taramancos non cabía unha mención ao conquistador sen a conseguinte réplica en forma de alusión á poboación precolombina existente no val do Cauca para reforzar a dimensión telúrica da personaxe feminina. No val do río Calima encóntrase un dos centros arqueolóxicos máis importantes de toda Colombia, que destacou polos obxectos de ouro que nel se atoparon; a poboación indíxena dese val pertencente ao departamente de Valle del Cauca coñeceu no seu florecemento no século VIII e destacaba tanto na fundición de obxectos de ouro como no cultivo do millo:
Cando fundaron a cidade de Santiago de Cali no ano de mil e cincocentos trinta e seis (Benalcázar entraba dacabalo do vento) Noralba estaba no ar, era o miudo corazón da bris a foula traslucente do río Lili, a flor do lirolai. Encontramonos séculos despois na beira do amor: os seus ollos tiñan esa antiga dozura, e o bronce quente da súa pel deixabame ébrio coma un deus (os calimas tecían a muller de lava de vulcán e caraveis). (25)
Avilés de Taramancos elabora un retrato feminino fascinante acumulando imaxes visionarias de elementos primordiais, pero onde sorprende pola súa orixinalidade estilística é no peche da primeira unidade ao unir directamente o sentimento da saudade ou perda que vive no presente coa expresión do erotismo pleno do pasado:
Noralba era algo así: un elixir no medio da agonía unha música que entraba pola raíz do sangue e invadía o extenso territorio da alma. Era leda, terrena, de barro humano coma unha casa chea de paxaros ou o bosque da infancia onde un se quer perder. ¡Necesitaba tanto da carícia! Unha vez entre a cana de azucre fixemos o amor, voaban unhas bolboretas fantásticas imensas como anxos, e os seus peitos tan xustos que collían na man deixaranme ese oco permanente, esa saudade. (2526)
Nº 364 104