BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Dimpois, xa ben adiantado iste traballo, os meus nobres e xenerosos amigos don vitoriano Santamariña ?recentemente morto, o seu irmán don Francisco, dona Consuelo Gallego de Seoane, o escultor don Xesús Picón Rodríguez, o poeta don Xosé Avilés de Taramancos e don Fuco G. Gómez ?iste dende Cuba, todos galegos, déronme a ler algúns libros de gramática e de boa literatura dos modernos escritores daquelas terras.11
Pola súa parte, Avilés de Taramancos, no seu artigo en forma de carta póstuma a Arce y Valladares, lembra os faladoiros na embaixada de Guatemala cando el era mordomo do embaixador de Brasil na capital colombiana, Álvaro Teijeira Soares:
Podo participar de memória nas antigas tertúlias do salón da sua embaixada, saudar a Don Andrés Largaespada, embaixador de Nicaragua, ao embaixador de Paraguai, dobremente irmán, pois como colombianos temos a dupla nacionalidade por ser os únicos en os respaldar na guerra da Triple Alianza. A Monseñor Giuseppe Pappini, Núncio Apostólico da Sua Santidade, que facia trampas nas cartas, e o poeta amigo Rogélio Echevarria, que poñía sempre un grao de lirismo na conversa e mais no xogo. Era eu ainda novo, como quen di, pero xa batido do mar e da diáspora, e a sua man acolleume sempre coa galanura da xente desas terras e a discreción de diplomata oficial. Pese á raiba do Sr. Sánchez Bella, embaixador de España, que non via con bos ollos que un 'roxo' andase misturado co Corpo Diplomático acreditado no país. Naturalmente que vostede era un poeta e media as cousas desde outra dimensión e sobre todo desde a dimensión da liberdade que el nunca puido entender. Nen puido entender tampouco que vostede se empeñara en adeprender o galego. Que grato nos era a Xesús Picón e máis a min conversar dia a dia na sua casa para que fora collendo as palabras, a entoación, mesmo as formas coloquiais que despois lle serviron para poemas tan fermosos como os que publicou no seu libro Desdo fondo canta o río, que editara Galaxia anos despois.12
A temática hispanista dos poemas de Los argonautas que vuelven tiña a súa correspondencia cos autorretratos que encabezan este volume e a conferencia El arte de la caricatura (Tunja,1963), pois semellaba talmente un escritor evadido do 'Siglo de Oro' castelán. No texto de Avilés, a evocación da figura do seu amigo dá paso a un desabafo antiimperialista por medio da referencia ao seu antepasado Manuel José Arce, o político liberal salvadoreño que participou nas conspiracións para obter a independencia e logo foi o primeiro presidente da Federación Centroamericana entre 1825 e 1830:
Estouno a ver alto, esguio case, coa sua barba Richelieu, as súas antiparras de Quevedo e a sua fala doce e repousada, pero cunha forza tan vital como a do seu avó que fora capaz de unir por unha soa vez todas as Repúblicas de América Central. Con iso soño ás veces. E vexoo cabalgado ao par de Morazán unificando outra vez os pobos e botando fóra a tanto gringo espoliador desde o Darién a Tapachula. Outros son os tempos, vello amigo. Daquela un poema de Rubén freou a invasión de Nicaragua: 'Es con voz de la Biblia, o verso de Walt Whitman, que habría que llegar hasta ti, cazador...' Hoxe os poetas andamos desacreditados para a loita. Temos que andar cunha man no bolígrafo e outra man na espada para que entendan a nosa voz. Pasou o seu país por desgracias, fanatismos e terremotos. Máis de douscentos mil desaparecidos animan co seu sangue o ar de revolución. No meu país desaparecen só
Nº 364
46