BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
tos), nas dúas últimas publicacións mercé á súa amizade con Manuel Fabeiro Gómez e Uxío Carré Alvarellos, respectivamente. Tampouco falta algún poema ou artigo seu nas páxinas do xornal que serviu de principal plataforma de lanzamento aos seus coetáneos, como foi o vespertino La Noche, de Santiago de Compostela; sen embargo, as colaboracións na prensa durante a primeira etapa foron de carácter literario en sentido estricto. Na década dos oitenta, pola contra, ao tempo que envía poemas a revistas (Luzes de Galiza, Dorna, Agália), vai desenvolver unha nova faceta de publicista que será recompilada parcialmente na escolma póstuma Obra viva. Como non podía deixar de suceder nun nacionalista de esquerdas tan definido, o poeta de Noia coincide con outros intelectuais da súa xeración na análise, e conseguinte condena, da prensa burguesa de Galicia por considerárena, con razón, como unha das forzas máis activas e teimudas na desgaleguización do país. Os primeiros xuízos críticos atopámolos no texto que le en Ribeira en outubro de 1986 na constitución da Mesa pola normalización lingüística:
Non hai prensa galega agás A Nosa Terra, e o seu comportamento é neste intre de provocación e de desafio, non só non publican en galego senón que as mesmas frases que alguén manifesta sobre calquer acontecemento relevante, son traducidas para abondar aínda máis na sua estratéxia de impor outro idioma ou de defenderse do noso, como se o verdugo protestara porque a vítima berra moito na hora da agonia. Non son válidos os pequenos retouzos folclóricos que poñen de vez en cando, cando lle sobra un recanto, despois de expoñer extensamente ao mellor duas páxinas sobre o cine húngaro ou a moda de inverno en SaintTropez. A prensa escrita é certamente unha das lacras que temos de enxofrar, é un dos enemigos máis constantes e feros da nosa cultura e da nosa identidade como povo, que é quen a sostén economicamente e que non se ve reflexado nela coa dignidade correspondente.9
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas de 1988, o semanario A Nosa Terra publica un ?Inquérito? dirixido a varios intelectuais (Alexandre Cribeiro, Xulián Maure, Manuel Lourenzo, Alfredo Conde, Lois Diéguez, Víctor F. Freixanes e Avilés de Taramancos) sobre o recoñecemento da pluralidade nacional do Estado en ?meios de comunicación do estado, editoriais, premios, subvencións, tratamento en xeral?. A intervención do poeta de Noia, breve pero inequívoca no rexeitamento da Transición política, denuncia o comportamento dos medios de comunicación:
O estado segue a ter as mesmas estruturas culturais, sociais e políticas que serviron e serven á colonización das nacións da Ibéria sometidas en tantos séculos. Para facer unha orde nova hai que derrubar as vellas estruturas e erguer outras, e iso só o pode facer a Revolución e ninguén parece estar matinando na Revolución, alomenos o partido no poder perdeu a memória e esqueceu todos os pontos de Suresnes. Os meios de comunicación e os outros forman parte desas estruturas que hai que derrubar; é un traballo a longo tempo, quizá, pero ineludíbel. Hai que queimar as rozas para que naza o trigo novo.10
Sobre a prensa diaria o xornalista e escritor Gustavo Luca de Tena publica neste semanario nacionalista (6IV1989) o informe ?Sete familias exercen domínio sobre os
Nº 364 44