Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
narración da execución de Walter Raleigh na Torre de Londres, escrita en terceira persoa. De todos os relatos de tema histórico contidos en Nova crónica de Indias, o que ten por protagonista ao mariño de Pontevedra é, sen ningunha dúbida, onde Avilés de Taramancos deixa voar con máis liberdade a imaxinación creadora. Sarmiento de Gamboa, ao ser capturado por corsarios ingleses en 1585 cando regresaba a España nunha carabela portuguesa desde Brasil, coñeceu en Londres a Walter Raleigh (ca.15521618). Este mariño, explorador e escritor inglés presentoulle en Windsor á propia raíña Sabela, quen falou co navegador galego en latín durante hora e media e encomendoulle unha misión diplomática perante Felipe II. A partir dese simple feito real, Avilés de Taramancos imaxina ao futuro almirante namorado platonicamente da propia Raíña Virxe. O noso escritor sitúa o personaxe en plena viaxe de regreso a América, en misión de rescate dos poboadores que deixara no Estreito de Magalhaes, catro anos despois da fundación da colonia, destinada a impedir o paso de piratas ingleses:
A viaxe de agora é a viaxe do desespero. Catro anos despois de estar abandonados vou ao rescate dos compañeiros que deixei en Mae de Deus, no estreito final do mundo. Os ventos son, Milady, escuros e furiosos, as súas raxeiras levan as ondas a esnaquizar as naus, pero o meu ímpetu é preciso e a miña misión irrevocábel. É asunto de camaradería. Teño de chegar á terra dos xigantes, indios de sete varas que chaman Onas e que atacan con moita barudeza as fortificacións que erguemos naquela terra bravía. (p. 95)
Esta mesma situación narrativa xa é un bo indicio da diverxencia coa realidade histórica, pois, aínda que el teimou en embarcar para socorrer ao fato de colonizadores de Ciudad de don Felipe, fundada en maio de 1584, Felipe II nomeouno almirante dunha armada de dezaseis naves para que protexese a flota de Indias cargada de ouro. Morreu o 17 de xuño de 1592 en pleno océano, aos dezanove días de saír do porto de Cádiz56 . Aínda así, nas escasas catro páxinas de que consta o ?soliloquio? de Sarmiento de Gamboa, Avilés de Taramancos confecciona unha semblanza do protagonista mediante o esparexamento de alusións aos feitos salientes da súa biografía. Esa é a razón de que xa case no comezo aluda ao feito que lle deu fama en vida e o conveteu nun dos grandes persoeiros do período das descubertas, como foi o cruzamento do estreito de Oeste a Leste e 1580, do que deixou unha pormenorizada crónica titulada Relación y derrotero del viaje del estrecho de la Madre de Dios, antes llamado de Magallanes:
Curtido do salitre do mar do Sur, besgos os ollos por mor do sol que se deita na auga neste recanto último do universo, que eu cruzo á inversa de por onde don Fernán de Magalhaes entrara, posto no alto das fortificacións, que eu erguería para Vós a un só asentimento do voso ollar e se non deixarades repousar na vosas almofadas a cabeza do azor que eu aborrezo. (p. 91)
Obviamente, tampouco non falta unha alusión á viaxe de 1567 con Álvaro de Mendaña ao Mar do Sur, na que descubriron as illas Salomón:
73 Nº 364