BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
titulada As moradías do vento que era o seu primeiro libriño. Está composto por sete poemas numerados con romanos e acompañados dun sinxelo debuxo do escritor e que, no ano 1982, foi incorporado ó volume O tempo no espello (Edicións do Castro). O poeta mozo salienta os elementos do mundo natural que lle son próximos á sensibilidade creativa; o vento, versátil no ir e vir, comparte os segredos das súas ?moradías? co poeta mozo que asenta estas liñas poéticas en dous piares ben diferentes, mais complementarios, como son a terra e o mar, unha dualidade que desde aquela será motivo de recorrencia lírica. A terceira vez que Antón Avilés colabora na publicación coruñesa será no derradeiro número 13, a propósito do especial que Atlántida dedica a ValleInclán coincidindo co vixésimo aniversario da súa morte. Unha nota sobre o autor de Divinas palabras que di así:
Con ar de vello trasgo, con ollada profunda de silandeira nebra, curazón de Galiza, valvor de antergo rito, iestadea xigante, vai tecendo misterios, vai tecendo esperpentos nunha roca de tebra e maxinando loitas ?rodela e lanza forte de cabaleiro andante. ¡Qué múseca de choivas, de carballo na noite, de curuza carpindo! Lizgaira carantoña da lúa moneando. Ecoar de campán. Romarías, antroidos, no solpor acougado con un lecer infindo camiña a sonma ergueita de DON RAMÓN MARÍA DEL VALLE INCLÁN.
Coincidindo co cumprimento do servicio militar en Ferrol (19561957), Avilés de Taramancos contacta co grupo editor da revista Aturuxo, (Ferrol, 19521960), dirixida por Tomás Barros e Miguel C. Vidal, que no ano 1956 celebra unha Festa da Poesía no Casino da cidade, onde se lerán poemas de Avilés, que xa se atopa integrado naquel circuíto cultural. Precisamente nesta publicación, no número nove do ano 1958, temos un poema seu titulado ?Balada do barqueiro mozo? que comeza con estes versos:
Ergue a vela, que trema lixeiramente o vento. A nebra perguiceira no curruncho do val Desenvólvese leda. ¡Ergue a vela, barqueiro!
Esta publicación ferrolá (con extraordinaria proxección en Galicia e América) foi esencialmente poética e definiuse pola seriedade e rigor á hora de seleccionar os traballos que se publicaban, unha esixencia que deixou fóra das súas páxinas a amigos da dirección. Dos máis de setenta colaboradores dos once números tirados (os orixinais do número doce estaban nas mans de Miguel C. Vidal, mais nunca vería a luz), máis da metade son galegos e entre eles houbo diferente sorte literaria, se temos en conta que moitos só dedicarían á poesía ámbitos privados e circunstanciais e outros tan só eventuais e efémeras colaboracións en revistas e xornais. Pola contra, outro grupo de escritores (onde concorren creadores de diferentes etapas, promocións e idades) si traballaron o eido da lírica, con diferente proxección, dentro do diverso abano literario que construíron ó longo das súas vidas: Ricardo Carballo Calero, Eduardo Moreiras, Celso
Nº 364 160