Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
e houbo un grande interese por manter importantes achegas no terreo das ilustracións, onde Urbano Lugrís, tamén colaborador literario, animador da publicación e grande amigo de Antón Avilés, brillaba con luz propia. Así o confirma a profesora Dolores Arxóns Álvarez no estudio do perfil biográfico, incluído en A frauta io garamelo (Follas Novas edicións, 2000):
A unión de Avilés con Urbano Lugrís, ó que admira profundamente, chega a ser tal que, despois da morte do pintor, en 1973, o poeta de Taramancos adopta como propio o pseudónimo empregado polo amigo para asinar os seus poemas na revista ?Atlántida?: Ulises Fingal. Sería unha homenaxe ó amigo e un recoñecemento explícito da moitísima influencia que recibiu do malogrado artista.
No número oito (marzoabril de 1955) de Atlántida temos unha achega de Antón Avilés; trátase dun breve texto teatral titulado Sede. Poema louro de amor, protagonizado polos namorados Nubeloiro e Aurea mentres ?O coro de Avelaíñas canta as ledizas dos amantes? e mesmo ?canta a Alborada de Veiga?. No inicio, o poeta, sitúanos na acción cunha coordenada espacial: ?A escea é na veiramar. Aurea, a nena mariñeira, vai a carón das ondas recollendo a pregaria lírica do mariñeiro, que trai a vos do Atlante. A lúa xoga ao materile de acabalo do mar?. Son dúas ?esceas? nas que acontece o encontro dos amantes (?Bícame, meu amor, levo nos beizos a dozura de todolos abrentes?) e da súa paixón no marco da ?Natureza?, testemuña de versos delicados, líricos e amorosos:
Rapaza que vas a fonte traime auga do teu amor que a quero beber na cunca das túas mans, corazón?
A segunda colaboración en ?Atlántida?, resulta enormemente interesante. No número dobre 1112 do ano 1955 incluíuse unha separata de poemas do creador de Taramancos. Debemos lembrar que estamos a falar dun momento moi complexo e delicado para a publicación de libros, feito que, de seguro, influíu no nacemento de numerosas publicacións periódicas nas que as colaboracións tiveron diferente sorte e fortuna posterior. Así, a obra literaria de moitos escritores, incluída nas páxinas destas revistas, xornais, etc., incorporaríase tempo despois ós seus libros, mais noutros moitos casos ese labor creativo permaneceu esquecido nesas publicacións periódicas de escasa difusión e pequena tiraxe que provocou, ademais, a imposibilidade de achegarse a elas e difundilas. Neste panorama, ideouse dentro dalgunhas publicacións, unha fórmula que deu extraordinarias posibilidades e bos resultados que foi a das ?separatas? que, en certa medida, paliaron a erma perspectiva da difusión do libro en galego, especialmente da lírica. Atlántida incorporou este recurso nalgún dos seus números de xeito que Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Luz Pozo Garza e Avilés de Taramancos viron unha pequena e representativa parte dos seus quefaceres poéticos proxectados desde a revista. Así, como xa se apuntou anteriormente, o número 1112 de Atlántida acolleu unha separata de Avilés
159 Nº 364