BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Unha criatura xelada controla a caixa negra do destino, e a súa man de cera, a súa man de ferro podre determina deshabitar a rosa. Traza o teu nome Noralba Timbacoi e un verme invisíbel morde a túa corola. (27)
Na última unidade Avilés cambia bruscamente de rexistro. Abandona o canto celebratorio da muller a prol dun ton meditativo e converte os dez versos finais nun dos fragmentos de maior intensidade lírica de todo o volume gracias á profusión de símbolos e referencias mitolóxicas. O elemento máis orixinal é, sen dúbida, a fusión de elementos cristiáns con motivos do mito de Orfeo e Eurídice. Do mesmo xeito que Orfeo descendeu ao Hades na procura da súa muller, á que acaba perdendo por infrinxir a interdicción de ollala antes de traspasar os lindes das rexións infernais, segundo o relato do libro IV das Xeórxicas de Virxilio, o suxeito lírico fica convertido en estatua de sal coma no episodio bíblico da muller de Lot por intentar salvala do esquecemento ?cos cantos do rescate?. Para favorecer a correspondencia entre a parella mítica e os amantes, o autor desprega unha escenografía mitolóxica con referencias ás bocas do inferno e á barca de Caronte. A escuridade da porta infernal contrasta vivamente co brillo do tesouro que representa a inocencia da moza desaparecida, sublimada espiritualmente en forma de árbore:
Rompo o lacre do libro dos desígnios e asentome impávido nas escadas do tempo. Agardo a resurreición da túa carne. A mellor hora do noso amor está de xoenllos diante da porta escura increpando ao remeiro xordo, e reloce no fondo das tebras a túa inocencia coma unha árbore de ouro. E aquí me tés, amor, cos cantos do resgate, cravado como unha estatua de sal entre as ruinas da miña mocedade. É o compromiso ineluctábel da nosa danza nupcial. (2728)
Desde os anos setenta ata a fin dos seus días, Avilés de Taramacos foi desenvolvendo unha moi orixinal fusión mítica coa figura de Ulises, pola condición de emigranteexiliado que desexa regresar á súa patria orixinaria. Agora asistimos a outra mitificación moi reveladora da súa altísima autoconciencia poética. Se Noralba Timbacoi se identifica con Eurídice, quen a rescata do esquecemento por medio da palabra queda equiparado automaticamente a Orfeo, isto é, ao cantor por antonomasia, poeta e músico90. Deste xeito, soamente ao remate do poema adquire sentido pleno a caracterización de ?hino órfico? que lle serve de subtítulo. 4.2.4. ?Chachauí? O primeiro poema de Cantos caucanos que versa sobre un territorio non pertencente ao Valle del Cauca é se cadra unha das composicións de tema paisaxístico máis logradas da sección. Convén advertirmos que o nome auténtico da localidade colombiana canNº 364 106