Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
A fins de 1586, logo de visitar París, Sarmiento de Gamboa foi detido polos hugonotes en Baiona, cando xa se dirixía á fronteira española, e permaneceu detido en condicións moi duras durante máis de tres anos, ata que Felipe II pagou por el un forte rescate. O escritor galego faille xurdir en prisión o amor pola raíña de Inglaterra, que no fondo non é senón unha forma de oposición aos piratas que contaron coa protección sabelina:
Pois foi nas ergástulas de Francia, cando eu volvía co Voso aroma aínda fresco no labio, co afán de procurar navíos para rescatar aos meus compañeiros abandonados no Estreito do Fin do Mundo, foi nos calabouzos do rei herexe, onde me floreceu o frenesí que agora sinto e cando pronunciei mil veces o Voso nome, Elizabeth, e soñei ser capitán na Orinoquia para levar as flores da selva aos Vosos pés, como levou Sir Francis e logo levou Sir Walter con doada fortuna que me fai pestanexar de odio polas reverencias melífluas con que se adorna para chegar ao Voso corazón, que están de máis nun home afeito ás tempestades e a que se escoite a súa voz de mando de proa a popa dos navíos. (p. 92)
A rivalidade de Sarmiento con Walter Raleigh culmina no esconxuro en verso con que remata o seu soliloquio, composto para que ?leve a Sir Walterio a se esnafrar na morte? (p. 96). Sen ningunha transición, o narrador en terceira persoa describe a execución de Walter Raleigh na Torre de Londres, que tivo lugar o 29 de outubro de 1618. Como no texto narrativo de Avilés non figura ningunha data, o lector inxenuo ten a impresión de que as palabras do almirante pontevedrés foran as causantes da decapitación do outrora todopoderoso favorito da raíña: Post hoc, ergo propter hoc. O certo fora que Raleigh, que deixara de contar co favor da raíña un ano despois da entrevista con Sarmiento, caera en completa desgracia ao ascender ao trono Xacobe I, e o embaixador español, conde de Gondomar, logrou que o executasen por atacar as posesións españolas, en tempos de paz entre Inglaterra e España: en 1617 asaltara Santo Tomé, capital da Güiana. O anacronismo máis rechamante deste fragmento narrativo xorde coa referencia ao ?delegado da raíña? que asiste á execución, e coa expresión final do seu amor pola soberana: ?A cabeza caeu no cabaz ensanguentado, dicindo Elizabeth en vez de dicir Ave María. Os poetas daquel tempo sabían morrer con serenidade e con respeto, como é debido morrer? (p. 97). 3.5. ?NARIÑO? Tan só un relato histórico de Nova crónica das Indias aparece ambientado na época contemporánea, ?Nariño?, que ten por protagonista nada menos que ao precursor da independencia de Colombia, Antonio Nariño y Álvarez (17651823), fillo do acomodado compostelán Vicente Nariño58. Significativamente, con este personaxe Avilés de Taramancos non se permite ningunha liberdade imaxinativa, pois todos os episodios biográficos evocados deste destacado político e publicista corresponden fielmente á realidade histórica. Ás veces o personaxe mesmo parece servir de simple fío de engarce de referencias a personaxes claves na guerra da independencia de Colombia. Para xustificar a evocación de episodios fun75 Nº 364