BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
abre o poema facéndose eco dos rinchos das eguas dos conquistadores e, como en ?Os arrieiros de Antioquia...?, válese do presente histórico para narrarnos a destrución dun ámbito autenticamente paradisíaco. Ao servicio deste cadro histórico pon o seu gran dominio verbal, como se aprecia na utilización de aliteracións de oclusivas bilabiais xordas, vibrantes e fricativas labiodentais para suxerir a violencia da chegada dos soldados de a cabalo. A construción da cidade, simbolizada polas torres que aínda enxerga na chaira no presente, queda suxerida coa mención de tres materiais básicos: cal, adobe e madeira. Na segunda unidade estrófica, a denuncia da violencia dos conquistadores faise explícita. O soldado armado aparece representado por sinécdoque pola súa espada. Deste xeito, a pureza do proxecto da nova cidade nunha paisaxe inédita vese luxada pola cobiza de riquezas que move os conquistadores e o sangue que derraman os indíxenas. Deixando á parte a imaxe visionaria con que remata a composición, un dos mellores acertos estilísticos de ?Anserma? na descrición da violencia da conquista tal vez sexa a coordinación de elementos disímiles que supoñen unha ruptura semántica: ?Entre a poeira e o mencer?, ?pisado de furor e de ferro?, ?amasase na carne e na cobiza?. O segundo texto, ?Tecer o vento. Ver correr cabalos?, consiste nunha estampa descritiva dunha festa popular nos Llanos Orientales. O poema está construído por vinte hendecasílabos brancos sometidos a unha mínima estrutura circular, que vén dada pola reiteración do sintagma ?Tecer o vento? ao comezo e ao remate do verso antepenúltimo. A extraordinaria maleabilidade que adquire o galego nas mans de Avilés de Taramancos ponse de novo de relevo na utilización de recursos de carácter fónico. Se a presencia do motivo do vento ao comezo da composición se acompaña de harmonías vocálicas con es e os, a aliteración de as xorde para materializar as suxestións da inmensidade da chaira, pero tampouco hai que esquecer a presencia de vibrantes e oclusivas velares xordas para reforzar o motivo da música das arpas e o galope dos cabalos:
Tecer o vento. Ver correr cavalos na beira do solpor, ceibes as crinas nun ar de bálsamos, e a chaira longuísima estendendose ao infinito. E rompe a danza: o galerón llanero como outrora na Ática danzaban a corpo nu meniñas tremerosas. Mais aqui non, o vendaval cinguiunos e colle os vans como unha lanza ergueita, o botín negro do varón, o pé descalzo da rapaciña núbil do Vichada: e a planura é un cantar. Rompen harpas ao son das grandes árvores vermellas, de ocelotes en cio e xacarés, e vén o son do antigo, desde as illas onde Ulises amou perdidamente até este inmenso canaval fresquísimo
Nº 364
124