BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
habrán de estar de espaldas, con las piernas abiertas, riéndose, mientras resuellan las carretas, sonando cerro abajo y un capataz apalea a una patagua, creyéndola su mujer querida y arriba de la gran ramada de quillayes o maitenes grita un chorro de vino, que anda por bajo debajo de los subterráneos, gritando, grita, como un animal muerto, grita mostrándole a la inmortalidad su verga de toro.101
4.2.12. ?Crónica de Bernaldo Fros? En tres dos seis poemas que constitúen a Crónica de Bernaldo Fros102 está presente de novo a realidade americana, pero agora completamente esquematizada ou estilizada nun plano mítico. Ao tratarse dunha serie integrada nunha parte titulada ?Crónicas?, cabe concibirmos as diferentes composicións como capítulos ou etapas dunha viaxe por mar de carácter simbólico que se arrandea entre o universo mítico de Ulises e a paisaxe americana. Esta non xorde ata o poema III, que ofrece a singularidade de presentar cinco variantnes ordenadas de menor a maior número de sílabas e de maior a menor número de versos. O lector ten a sensación de asistir ao mesmo acto creador porque as cinco versións van aumentando a súa complexidade sintáctica e os pormenores descritivos. A destrución do paraíso que ocasionan coas súas armas os invasores vén reforzada con aliteracións de vibrantes e oclusivas xordas. Importa salientar tamén que o autor opta por un suxeito lírico plural para facer máis viva a crítica da violencia desencadeada polos conquistadores españois:
Criaturas formosas relocían na aurora baixo da luz do sol, como reloce un dia a flor descoñecida que nace na alborada: mansa era a ollada desde o seu amor que flúe do equilibrio do sol e da cantárida A ferro aberto e sangue, a odio penetramos: Un novo cataclismo estremecera agora a linde que conforma a brancura da rosa. (54)
Avilés de Taramancos concibe a irrupción dos conquistadores no continente americano como un cataclismo que destrúe o paraíso de equilibrio entre o home e a natureza. A dicir verdade, a chegada dos españois a América supuxo unha hecatombe demográfica e un etnocidio de dimensións nunca coñecidas, pois en século e medio desapareceron nove décimas partes da poboación autóctona por causa da violencia armada, das novas enfermidades levadas polos brancos e da destrucción das sociedades autóctonas que ata 1492 ían coñecendo un aumento da poboación. Na composición IV asistimos á descuberta da illa no medio do océano, que supón o acceso a unha dimensión case paradisíaca e a conseguinte transformación existencial do suxeito lírico. Non é totalmente ilóxico recoñecermos no ?manancial da vida? final un eco do mito da fonte da eterna mocidade que procuraban no Caribe os descubridores do século XVI:
Nº 364 120