Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
¿E quen non ama as illas?¿Quen non soña, na travesía máxica dos mares, ver na liña do horizonte ese verdor, oír o chío madrugador das aves, ir acercándose despois de duras horas de temporal e lóstregos, cara a esa calma maina que se ve dende lonxe coma un berce florido, mergullándose no mar e ofrecéndose? Aí a illa, e no maxín tecéndose a súa brisa, o burbullar das fontes, o acedo celme dos seus froitos, a xente amiga e núa ?sempre inocente que fai grilandas brancas da flor descoñecida. (5556)
Nesta prosa singular, o escritor galego desenvolve un lugar común do universo poético de Cantos caucanos: a natureza americana presentaba caracteres paradisíacos pero foi destruída pola violencia que exerceron os conquistadores:
O buscador de illas chegara de Bonaire e ía anotando no seu senso cada dato, cada palabra, cada xesto que o home repetía na salmodia interminábel da súa crónica. ¿Onde iría agora? A Margarita ou ao Darien, á rota brava do mar de Roncador, aquela illa triste de areal sen palmeiras ou seguiría ao norte ás illas da Princesa ou á grande illa branca onde Caonabo, grande señor das penas entintadas, lle ofrecera ouro e malvasía. Agora sabe que a illa existe, que non é só un soño, que acaso sexa a illa que muda de lugar como contan as lendas dos nativos. Fonseca.¿O propio nome logo non é certo? ¿Quen bautizou no mar aquela terra que agora anda perdida no balbordo do mundo recén feito? Porque é entrar no día da creación, cando aínda a árbore, a criatura e o volcán están non violados, revestidos da súa mansedume, que o ferro embiste e a ambición corrompe. Desde a fructífera singradura de Xoán de Noia e Afonso Niño a Cumaná e á boca do Mar de Maracaibo, desde a grande ceifa de pérolas como ollos de boi, desde o alxófar relucente que foi pasmo das donas principais e dos duros siareiros xudeos da Dominica, ¿quen non procura a illa de Fonseca? (5657)
A vontade de denuncia da violencia contra os indíxenas que percorre todo o volume exemplifícase nesta prosa na figura de Caonabo, cacique de Maguana, na metade occidental da Española. Caonabo, a quen menciona xa Cristovo Colón no Memorial da segunda viaxe, foi o primeiro cacique eliminado; capturouno cunha argallada en 1494 Alonso de Hojeda e permaneceu agrilloado na casa do Almirante para morrer dous anos máis tarde67. O máis interesado en explorar as illas pequenas do Caribe sería o pescador de perlas, desde Mari Galante a Bonaire ou Margarita. Asumindo o punto de vista deste personaxe, o autor incorpora novas descricións da paisaxe das illas tropicais, das que practicamente está ausente o home para privilexiar a natureza virxe, de acordo coa visión arquetípica da illa:
El coñecera a illa, ergueita en augas verdes de transparencia non tocada. As grandes buguinas de nácar arroladas na praia, o palmeiral de cocos, o miar do puma no lusco e fusco, o sabor agre da mazá silvestre que envelena os sentidos, as xaradas de pomba torcaz e o canto do turpial que se debulla manseliño na noite para embebedar ao visitante. O voo maxestoso do arau daba esa paz que sempre se revive como o límite exacto da añoranza. (56)
Aínda que preto de Porto Rico existe certamente unha Santa Isabel, todo parece indicar que a illa en que se atopa o narrador non ten existencia real. Así, este espacio
81 Nº 364