BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
O chiminango estaba florecido, e o río Amaime, que nace no teu colo, cantaba nese día como nunca hase de ouvir xa cantar. Son intres que o corazón mantén intactos. (A ave negra, aquela que sempre presentías, era naquel momento luminoso a sombra da saudade que me fai imortal e desvalidado.) Desde a túa solaina, o Val do Cauca aparecía como recén feito na luz tenue e na calma, protexido polo fanal do teu amor da túa ternura implacábel: esa pomba que atravesou de morte a túa entraña e vive. (34)
Importa salientar como Avilés se apodera dun símbolo de María, como é ?El ave negra? do capítulo XLVII para cambiarlle de función no poema. Se na novela simboliza a enfermidade fatal que vai impedir que as relacións idílicas dos mozos protagonistas teñan un final feliz, no poema representa a saudade nas súas dimensións positiva e negativa. 4.2.7. ?Nereo a cabalo? Como personaxe representativo da rexión dos Llanos Orientales de Colombia, Avilés insire en Cantos caucanos a estampa descritiva ?Nereo a cabalo?. O protagonista é o vaqueano que servirá de guía ao narrador protagonista en varios relatos de Nova crónica das Indias. O poema está constituído por cinco unidades estróficas de versos libres que oscilan entre as 22 e as 4 sílabas. A unidade quinta remata nun octosílabo, que facilita a incorporación da copla popular que, como ben advertiu Maximino Cacheiro95, resulta ser unha mera variante da que utilizou Celso Emilio Ferreiro como broche final do romance ?A Sabana? de Terra de ningures (1969); nós sospeitamos que nesta ocasión a Avilés o puido traizoar a memoria, pois na versión desta copla que reproduce Germán Arciniegas na súa breve obra de divulgación titulada Colombia tampouco figura a palabra pampa. Para a descrición do personaxe sérvese Avilés dun leve fío narrativo, pois o poema comeza ?na derradeira luz do día?, cando Nereo anda a recoller o gando na chaira, e remata ?Cando o aroma do café invade a noite? e el rompe a cantar a copla popular. Da atención extrema que lle presta o poeta noiés aos elementos fónicos do verso son un bo exemplo as aliteracións consonánticas e as harmonías vocálicas cos es e os contidos no propio nome de Nereo, cando este personaxe entra en escena aproximándose coma nun zoom cinematográfico:
Un ponto negro que atravesa a planura na derradeira luz do día. Unha xarada de garzas revoa ao seu redor. Vén como o vento recollendo a vacada.
Nº 364
112