BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
recebe máis que afrentas e desprécio. Refocilase na sua própria deslealdade. A tribu dos 'bastards' de África do Sul é moito mais racista que os próprios afrikaners. Nos barcos negreiros habia sempre un capataz preto, como habia en Treblinka un capataz xudeu. Destino aciago e triste que ten de sofrer o escravo de xente da sua mesma escravitude que lle fai a existéncia ainda mais humillante e desoladora. Galicia tamén correu ese destino. Parte da sua xente volveulle as costas e imitou nos seus xestos, na roupaxe, na lingua, ao seu amo e ao seu señor. Quezais a parte máis preparada para rexir os destinos do país pasouse ao inimigo con mesa camilla e todo. É unha constante que se vén repetindo e que temos que esconxurar. Un povo espiritualmente inerme, ten que ter unha bagaxe moi fonda para aguantar e conservarse no seu. Se somos algo debemosllo aos máis sinxelos. Mais a ferida é tan profunda que acaso divideu para sempre á nosa nación e ainda agora mesmo estamos a padecer as consecuéncias, os enfrontamentos e mais esa condición de mestizaxe mental de non saber se subimos ou baixamos.94
4.2.6. ?María? Tres son as novelas colombianas que coroan outras tantas épocas da literatura latinoamericana e acadan sona mundial: Cien años de soledad (1967), La vorágine (1924) e María (1867). Se as obras de García Márquez e José Eustasio Rivera deviron as máis representativas do boom e do naturalismo, respectivamente, a novela de Jorge Isaacs (18371895) converteuse no texto paradigmático do romanticismo sentimental en Latinoamérica, que padece un considerable desfasamento, pois unha das obras que máis inflúen nela é Paul et Virgine de Bernardin de SaintPierre, publicada en 1787. As 50 edicións que coñeceu María antes de 1900 dan boa conta da extraordinaria popularidade da que gozou aos poucos anos de ver a luz. Para explicarmos que Avilés de Taramancos convertese a novela en materia poética non abonda con coñecer a condición caleña do autor e que a acción transcorre no Valle del Cauca. Tampouco se ha de ignorar que o escritor Jorge Isaacs e María son de obrigada referencia na historia cultural da cidade de Cali. Co nome do novelista, por exemplo, está bautizado o teatro, construído nos anos trinta e declarado monumento nacional. Como homenaxe a Jorge Isaacs erixiuse no Paseo Bolívar un grupo escultórico en mármore que representa a 'Efraín y María', os protagonistas da novela. Nas proximidades da vila de El Cerrito, a uns 40 km de Cali, consérvase como lugar da memoria a facenda 'El Paraíso', recreada en María por ser propiedade dos pais do escritor. O poema divídese en dúas unidades de enfoque e temática diferentes. Mentres a segunda se presenta como un apóstrofo lírico dirixido á protagonista feminina, a primeira supón unha visión irónica da novela. O distanciamento iníciase xa na adopción dunha segunda persoa como procedemento amortecedor da subxectividade do poeta e continúa na descrición do xardín como espacio tópico de efusión amorosa, que ten varias representacións na novela desde o capítulo IV da novela:
Abres o libro e un perfume de xardín silvestre
Nº 364 110