BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
pola beira do mar. E en Guacarí bebese o sal do mango biche en Guacarí. Pero de súpeto o paxaro prismacolor ouvea como unha torre solitaria e quixera estender o sangue ao vento nas caneiras do Cauca. (18)
A expresión do amor pola realidade colombiana, concretada en cidades, manxares típicos ou os muíños de cana de azucre, non reviste carácter intelectual senón que é unha paixón tan elemental coma o instinto dos seres da natureza. A presencia do tigre para simbolizar esa forza plena e primitiva se cadra non é máis ca un eco das súas lecturas de Vicente Aleixandre: o tigre figura cinco veces en La destrucción o el amor e tres en Sombra del paraíso, pero non convén descartarmos tampouco o poema amoroso ?El tigre? de Los versos del Capitán de Pablo Neruda. En virtude desta elementalidade asociada á natureza, a inocencia da protagonista feminina de María aparece ligada á torcaza e no inicio da parte II complétase coa actitude amorosa que descobre en grandes depredadores, sexan enxebres ou exóticos, no remate da III:
Ai como amo Tuluá onde os cóndores esfollaron un día margaridas. E amo o sancocho, miña nai, e amo os trapiches coa ternura elemental do tigre.(18)
Na unidade IV substitúe como receptor interno da mensaxe a nai pola avoa, a quen se dirixiría no poema ?Adicatoria? de Os poemas da ausencia II. Agora non se trata dun canto á realidade colombiana, senón dunha confesión intimista que ten moito de declaración autopoética. O poeta nega a posibilidade dun auténtico regreso porque o home que retorna fisicamente á súa patria non é o mesmo espiritualmente que o que partira debido á experiencia acumulada durante a viaxe, como ben ensinou Kavafis no seu célebre poema ?Itaka?. Deste xeito, a auga da avoa non é quen de apagar a sede da saudade da outra patria perdida, ?a saudade revertida?. Á fin do poema Avilés acaba por entregar unha nova versión do mito odiseico. O seu sentimento non acouga no mar en calma da vila natal, como en De catro a catro, senón que o orienta cara ás augas do Cauca. O río xorde así asociado ao rito relixioso do bautismo, polo que dá a entender simbolicamente a asunción dunha nova identidade desde o inicio do volume:
Non hai regreso, avoa nunca regresa o mesmo home ao mesmo sitio.
Nº 364
100