BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
propio Añasco, non perde verosimilitude literaria porque non se mostra arrepentido do sadismo exhibido. A política terrorista despregada polos conquistadores estaba destinada, de feito, a someter unha poboación infinitamente máis numerosa aínda que inferior no desenvolvemento cultural. A violencia das forzas armadas tamén se dirixiu contra as propias autoridades españolas cando intentaban coutar os excesos dos capitáns convertidos en encomendeiros; nos anos trinta Pedro de Añasco liderou unha rebelión deste tipo na rexión de Timaná:
Era eu valente. Era de temer. Sabíao. ¿Quen non era valente nesta terra de homes apacibeis? Non era máis que ferrar, violentar. Eu era un deus. Eramos deuses. Medraba a nosa ambición así como se inclinaba a vosa humildade. Fun o rei de min mesmo e non tiña de render contas a ninguén. Conquistei a miña facenda e ferrei os meus escravos. Tiven a miña encomenda por dereito de guerra, e cando o Adiantado Benalcázar quixo reducir as miñas lindes, que eu dicía fronteiras, púxenlle o aceiro da espada na noz de goixa e non valeron as súas ameazas nin a súa legalidade para impedir os meus desexos. Eu era o Capitán Pedro de Añasco, e ninguén pronunciaba o meu nome sen sentir un tremor no corazón. Asináronse as cédulas e a miña fe de vasalo foi máis un acto de rebeldía.¿Sabía El Rei ou o Consello das Indias onde quedaba Timaná? Eu fun a forca e o coitelo? (pp. 2223)
Non podía faltar tampouco a referencia ao episodio concreto que desencadeou a rebelión dos ialcóns e paeces; ao optar o autor por unha narración en primeira persoa intenta reforzar a denuncia do terror exercido polo capitán Pedro de Añasco:
eu, o animal despiadado e asasino, o que fixo queimar aos teus fillos vivos, que eran lizgairos coma o vento, nunha fogueira aterrecedora que agora me queima a min mesmo no sangue enfebrecido cando me chega do fondo dos pulmóns o cheiro churruscante da súa carne a arder e o seu brado chamándote. (p.22)
A oración que abre o relato xa dá conta da mutilización a que sometera a cacica a Pedro de Añasco: ?Arrincáchesme os ollos, Gaitana? (p.14); de aí que se para evocar as escenas do pasado ao protagonista lle quedan ?só os ollos da memoria? (p.14), á hora de describir as que ocorren no período en que permanece atado válese do oído. Deste xeito, a partir de determinados ruídos intúe a preparación dunha expedición dos homes de Gaitana contra os españois:
Escoito o barullo da tribu, a cantarea guerreira que pide a túa presencia, o choro dos meniños pedindo o seu bocado, e chégame o arrecendo das olas de guarapo ou de millo a cocer, o arranxo das armas no runxerunxe das canas e os abelorios dos teus homes a tintinar; unha feroz algarabía que é preludio da loita. Sei agora que vas defender o teu pan, o teu fogar, a túa terra violada. (p.20)
Noutro momento, ao oír de novo palabras en castelán decátase de que os ialcóns capturaran novos prisioneiros:
Coñezo a túa lingua e sei que outra vez vas cazar os homes e queimar os casais. Presinto o teu corpo a ferver na emoción represada que se dá denantes do combate. Procuras sempre o inimigo descoidado no medio dos campos anovados. (p.24)
Nº 364
64