Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Cómpre advertirmos que a Cueva de Morgan constitúe unha das atraccións turísticas máis importantes que ofrece a illa de San Andrés. Avilés declara que escoitaran el e os demais membros do grupo ?as lendas de Morgan aínda frescas? (65). Non deron, abofé, co tesouro do pirata e tivéronse que conformar con gañar ?algúns pesos? (66) nas apostas na carreira de cabalos. Se a illa de Providencia aparece descrita por Avilés como un centro autenticamente paradisíaco e dá a entender que mantiña boas relacións cos poetas da nova xeración de Colombia, o noso escritor procura deixar constancia que retornara a Galicia arrastrado polo ?fío da saudade?, que é ?máis forte e sutil que o fío mesmo do destino? (66). 3.9. [?BICHO RARO?] O feito de que o narrador abandone a civilización e se interne nun espacio incógnito como é o da selva, fai que varios textos narrativos de Nova crónica das Indias se correspondan fielmente coa estética da novela de aventuras. De feito, ao formular unha tipoloxía temática das novelas de aventuras, un estudioso deste subxénero novelesco como José M. Bardavío establece un grupo dedicado ás novelas da selva68. Curiosamente, a pesar do forte pulo mitizante que exhibe na súa obra poética Avilés de Taramancos, nestes relatos non se rexistran motivos característicos de relatos iniciáticos. En ningún caso estamos en presencia da transformación interior do heroe, senón ante simples excursións a espacios exóticos. Se na parte central de Nova crónica das Indias procuraba ofrecernos diversas imaxes da realidade nacional colombiana, non pode estrañar que nesa obra figuren varios relatos ambientados na selva, pois nada menos que un cuarto do territorio está cuberto por ela: os departamentos do Amazonas, Vaupés, Caquetá, Putumayo e Guaianía. Para a elaboración dos tres relatos situados na selva, Avilés de Taramancos, serviuse das experiencias vitais de dúas viaxes, pero non resulta doado agora distinguirmos o que pertence á realidade do que corresponde á ficción pura e simple. Unha viaxe á selva levouna a cabo contra 1962, en compaña do xornalista Miguel de la Quadra Salcedo, e outra, a comezos dos anos setenta, cando xa estaba instalado na cidade de Cali. Antes de levar estas aventuras ao papel, ?contáballas ós seus familiares e amigos nas asiduas conversas das que tomaba parte na Tasca Típica, local que rexentou en Noia dende a súa volta a Galicia?69. Foron, sen dúbida, estas viaxes ao interior da selva o que máis contribuíu a formar a lenda sobre a personalidade do poeta emigrado ao longo dos anos setenta en Galicia. Algo lóxico se temos en conta as grandes diferencias que mantivo cos outros membros da súa xeración literaria no que se refire á procedencia de clase e á formación intelectual. O espacio en que se desenvolve o relato innominado que comeza co sintagma ?Bicho raro? é o val do río Caquetá, que percorre 1.200 km antes de desembocar no Amazonas, xa en territorio do Brasil. Son os mesmos escenarios que plasmou en La vorágine o escritor José Eustasio Rivera anos despois de padecer esa zona a febre do caucho, de aí que se
83 Nº 364