BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
ficcional entraría en correlación co espacio fabuloso de Fonseca evocado no texto, no que interesa menos a descrición paisaxística que o inventario de mitos e tradicións dos mariñeiros do Caribe. O protagonista declara que conversou ?en papiamento? (p. 57) cos ?torvos mariñeiros doutras eras? (p. 57). Máis adiante fai mención das diferentes linguas mixtas de que se serviron as xentes do mar no Caribe cando salienta o seu sentido da camaradería:
Ábrese o corazón de amigo a amigo coma se o fugaz coñecemento viñera desde sempre. Así é a xente do mar. Camaradas do instante que obran como vellos amigos, por posuír, quizais, as mesmas rotas, ver as mesmas estrelas, dicir as mesmas verbas en calquera das linguas ?crioulo, papiamento, holandés arubano ou portugués mandingo e sentirse remeiros ao mesmo compás na nau encantada da imaxinación que arría áncora en cada porto que eles aman. (58)
A ?saudade de fragatas? (58) lévao a suspirar pola beleza das antigas naves que cruzaban o Caribe, do mesmo xeito que noutro texto do volume sentirá nostalxia dos veleiros que entraban na ría de Noia; neste caso a saudade é de tipo histórico: ?non se ve no horizonte o airoso velame ?rosas brancas despregadas no mar dos navíos de antano? (p. 58). E acaba o texto retomando o motivo da illa de Fonseca como cristalización dos anhelos da poboación mariñeira e a figura do buscador de illas. 3.8. [?NUNCA SE SABE QUE TRAE O FÍO DO DESTINO?] A illa de Fonseca volve aparecer, agora como simple motivo, no texto en que Avilés describe a viaxe ao arquipélago de San Andrés e Providencia, as illas de Colombia que son coñecidas neste país como o seu ?paraíso do Caribe?. O noiés confesa ao remate do texto que realizara esa viaxe acompañado, entre outros, polos poetas Gonzalo Arango, J. Mario Arbeláez e Jaime Jaramillo Escobar. Destas illas situadas á fronte das costas de Nicaragua apoderáranse piratas, e os ingleses permaneceron en Providencia entre 1631 e 1641. Loxicamente, o autor asocia esta illa á figura do filibusteiro galés Henry Morgan (16351688), que saqueara Cuba, Maracaibo, Panamá e se apoderara de Portobelo. Lémbrese que o célebre cronista dos piratas Alexander Oliver Exquemelin dedica as partes segunda e terceira de Piratas de América ás malfeitorías de Morgan. As lendas relativas aos tesouros do pirata agochados en Providencia adquiren gran relevo ao inicio deste texto paisaxístico:
A fragata do bucaneiro fondeou en Providencia despois da queima de Portobelo, e o capitán fixo da illa base e porto seguro. Illa fantasma que daquela non figuraba nas cartas de marear nada acaso, doutro soño como a illa de Fonseca, da que aínda hoxe se fala e nunca apareceu. Lendas vellas do mar. Cen cofres de ouro de México, prata do Perú, pérolas de Margarita, esmeraldas de Muzo, pedraría de Panamá enterrara Morgan nas furnas de Providencia. E o noso corazón de xente moza deixouse levar polas urdimes do segredo, do misterio, da aventura que tece o seu tear. (64)
Nº 364
82