Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Da admiración que sentía Avilés de Taramancos pola poesía deste singularísimo autor quédannos dous testemuños inequívocos. Por unha parte, trátase do único poeta colombiano do que traduce uns versos ao galego para utilizalos como epígrafe e un motivo poético seu figura a carón do de García Márquez no artigo de exaltación da literatura latinoamericana titulado ?De Bolombolo a Macondo?. Os versos do epígrafe non son outros que os catro que encabezan e serven de estribillo na composición ?Fanfarria en sol mayor (odecilla estival)?, que asina León de Greiff en 1926 en San Xoaquín de Bolombolo, cando traballaba como administrador na construción do ferrocarril de Bolombolo a La Pintada:
Oh Bolombolo, país exótico y no nada utópico en absoluto! Enjalbegado de trópico hasta donde no más! Oh Bolombolo de cacofónico o de ecolálico nombre onomatopéyico y suave y retumbante, oh Bolombolo.18
A León de Greiff tamén lle dedica o antepenúltimo artigo de ?A Contraluz?, inexplicablemente non recompilado en Obra viva. Despois de referirse á súa condición de antioqueño e á súa ascendencia escandinava, alemana e española, Avilés exalta sen reservas esta figura singularísima da poesía latinoamericana presentándoa, ante todo, como un meigo da palabra:
Ninguén, ningún poeta, fixo do Verbo un estoupido, como cando o carozo dun foguete arreventa en luceria infinda e nos dá a cor e o son multiplicados. Así foi León de Greiff, meu vello amigo (así o é na sua obra que perdura) un dos grandes poetas do universo, por dicer universo cando o mundo é pequeno, que fixo da palabra un talismán secreto que se facía e desfacía en mil significados. Coñecía os idiomas enteiramente, desde o fondo ate a cúpula, desde a orixe de séculos até o modismo incipiente. Era un prestidixitador. Era un poeta de ubérrimas frescuras, ainda traendo un arcaísmo que el sabia dispor e darlle vida.19
Ao describir a súa obra, como non podía ser doutro modo, Avilés de Taramancos alude ao papel preponderante da música no universo poético de León de Greiff, non en van dirixira en 1941 Música, a revista da Orquesta Sinfónica Nacional, e entre 1946 e 1950 traballou como profesor de Historia da Música no Conservatorio da Universidade Nacional:
León de Greiff, barbizaheño, chapela vascongada, xesto adusto, paipa fuida no café da tarde, no bairro da Santa Fe colonial que eu tanto amo, é unha figura primordial que me acompaña na saudade. Coñecedor de música até a última estrofa, o tempus do poema ía labrandose acompasado, tenue ás veces como un rio na calma ou elevado como un temporal. Centos de versos e de ritmos, centos de formas e de rimas, sonetos, sonetillos, baladas e cantatas, nenias, arietas, favilas, canzonetas; adaxio meditativo un pouco andante, danzas litúrxicas ou impertinentes, o vello León de Greiff, Aco de Gris, Gaspar de Aldecoa, Serxio Stepansky ou Veremundo o Lelo, fixo da poesía un xogo, un show e unha materia tan delicada e fina que estremece na alma. Un xeito de beleza incoñecida. Agora que xa na luz da tarde daquel tempo, non o vexo pasar coa sua paipa ao vento ?vello fauno despistado e glorioso quixera repetir algún poema que me cai na memória.
49 Nº 364