DA SAUDADE REVERTIDA: A REALIDADE AMERICANA NA OBRA DE AVILÉS DE TARAMANCOS
Para Antón Garazo
Antón Capelán
1. INTRODUCCIÓN Parece fóra de dúbida que coa publicación dos volumes Jorge Manrique, o tradición y originalidad e La poesía de Rubén Darío Pedro Salinas se converteu nun dos máis importantes e profundos estudiosos da poesía en castelán; na obra ensaística deste destacadísimo poeta non faltan reflexións metodolóxicas de notable finura e fecundidade. Así, na conferencia titulada ?Mundo real y mundo poético? que o autor madrileño leu en varias cidades españolas en 1930 e que está na orixe do seu volume Reality and The Poet in Spanish Poetry (1940), afirma resoltamente que para el ?el valor de un poeta está en razón directa de su capacidad para crear un mundo suyo, un mundo poético nuevo?1. De aí que, ao acometer o estudio da obra poética do autor de Prosas profanas en 1948, comece reflexionando sobre ?El tema del poeta?, entendéndoo como aquel que ?desde los adentros preside misteriosamente sobre los otros temas, los literarios. Se presenta en la vida espiritual del autor con más persistencia que los demás. Y con mayor frecuencia que los demás se representa en su obra, a la que sirve de activo, para sus varias creaciones?2. Para Salinas o escritor ?vacuo, trivial o anodino? é aquel que carece dun tema vital que serve de núcleo xerador das súas obras, mentres que explica a esterilidade dun autor como un esgotamento da ?actividade impulsora? do seu tema vital, que pode adoptar diferentes versións e reversións nas obras concretas. Segundo o escritor da Xeración do 27, a centralidade que asume na obra dun poeta o seu tema vital por proceder da súa personalidade como creador, permite diferencialo dos secundarios ou subtemas. Esa é a razón de que acabe o capítulo coas seguintes prescricións:
Se me figura la función más deseable del estudio de un poeta la delicada discriminación de su tema, su cuidadosa separación de los temas segundos, o subtemas; el precisar el curso que sigue, a través de la la obra, resolver las contradicciones aparentes que velan su presencia, llegando por fin a la visión del creador entero y verdadero, salvado de mutilaciones y limpia de desenfoques.3
Deixando á parte agora o tema secundario da produción poética amorosa, a traxectoria lírica de Avilés de Taramancos pode ser vista como un desenvolvemento progresivo dun tema vital que se identificaría co mito do paraíso perdido e a súa recuperación mediante a palabra poética. Ao redor dese centro xirarían a saudade do emigrante, a descrición da paisaxe natural en relación coa figura feminina (avoa, nai), o mito odiseico,
41 Nº 364