BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
altos cómaros, aloumiño os teus pés, sinto bulir o palpito da vida a través dos poros e do alento, e así, neste leito como se for de rosas pálidas e silvestres, escoito o sangue enteiro que no tempo foi artellando as cúpulas, os fondos albergues que a túa carne aniña; vexo arquitectos construíndo células, tecendo frebas, nervios, atadaduras. O teu corpo emerxendo a través dos séculos, novo e ardente no crisol, para que eu agora teña esta ventura, esta copa de ouro do teu ventre, este sabor de anémonas salvaxes. (pp. 6667)
O autor utiliza unha simple variante estilística deste parágrafo como peche final, co que pretende darlle unha estrutura circular. Entre a situación inicial e a final non se rexistra ningún cambio na situación do personaxe, senón soamente a solución ás cuestións formuladas ao inicio, relativas aos diferentes compoñentes que entrarían no cruxol étnico ata conformar o tipo de Colombia actual:
¿De que barro e ambrosía, de que cal vivo e de que firmamento se foi compondo a arteria e o cabelo, a man como torcaza desprendida, o leve seo que se di tenrura, o van, o pozo mesmo que é unha colmea onde zugar a vida? (p. 67)
Antes de proceder á enumeración deses compoñentes étnicos, o autor xa denuncia a violencia histórica que a través dos séculos acabou xerando o tipo actual da muller colombiana:
Veñen desde o principio martelando os ourives sagrados, os bordadores de acibeche, pero tamén o sufrimento, a anguria, a desesperación aterradora dos grillos, o laño do vergallo e o martirio. (p. 67)
Os tres compoñentes básicos que selecciona son, por esta orde, o afrocolombiano, o indíxena e o español, pero non ten en conta nin o hibridismo de mestizos, mulatos e zambos nin, sobre todo, as tensións sociais orixinadas pola caste ao longo da historia de Latinoamérica, de aí que o texto estea pexado por un grave idealismo. Lémbrese que os colombianos brancos se sentiron fortemente agraviados polas palabras dun discurso que leu en 1964 Charles De Gaulle: ?Enfin me voici parmi le grand peuple indien de la cordillére des Andes?60. O primeiro grupo racial en aparecer é o dos negros do oeste de África no intre en que se inicia a trata cara a América:
Vén de repente o estoupar da pólvora. O cañón da galera rompe os vidros do aire e o lóstrego do medo cega os ollos da xente. Vai o teu pobo, meu amor, fuxindo. Arremuíñase no fondo do arboredo, voga espantado polo río, corre espavorido nas gándaras salvaxes ata que a pouta do negreiro lle cae no lombo, somételle a cerviz, aferróalle os xeonllos. Fai o longo camiño desde o monte á ribeira atado ao xugo, ferido de aguillón e de asombro, abrindo os brancos ollos na busca da esperanza. (pp. 6768)
A incorporación dos escravos africanos en Nueva Granada iniciouse contra o ano 1570 para substituír a poboación indíxena no traballo forzado nas minas, nun momento en que a despoboación autóctona coincide coa maior demanda de ouro, aínda que tamén serían utilizados nas plantacións costeiras e na boga fluvial61.
Nº 364 78