Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
cos que emprega nesta ocasión Avilés de Taramancos están ben representados na obra do autor chileno. O versículo no escritor noiés non é tan fluente como en Pablo de Rokha e mesmo altera a súa disposición na páxina á hora de traducilo ao galego. As reiteracións morfosintácticas con finalidades rítmicas, as enumeracións caóticas e o irracionalismo poético que exhibe o noso poeta nas tres unidades orixinais son usados reiteradamente en ?Canto del macho anciano?, pero cómpre advertir que a principal transformacións a que someteu o texto de Pablo de Rokha foi o cambio da primeira á segunda persoa gramatical para adecualo á estética dun apóstrofo lírico. No texto orixinal Avilés comeza en terceira, pero logo bota man da segunda, máis acaída nun poema elexíaco. Aínda que acaba a composición coa tradución dun verso que se volvería profético ??e un revólver florido na cintura?, o poeta galego en ningún momento alude ao suicidio de Pablo de Rokha, pero a morte tráxica e as súas causas pairan en todo momento sobre a composición. Por medio de visións irracionais propias da escrita automática dos surrealistas, Avilés destaca a soidade radical en que se vira sumido Pablo de Rokha e como a natureza non se lle servía para amortecer a angustia existencial:
Sempre anda só e un alacrán dálle patadas na cabeza unha fermosa vaca de ébano pare na fosa común un neniño de vidro que se pon a chorar apovoradamente, e ponse a bramar como un outeiro coa lingua inmensa no intre en que lamben as aves decapitadas o farol do mundo e o seu fume arrecendente; Así forzado, encadeado, agrilloado, presidiario da dor acometendo, mordéndose, feríndose, coméndose as vísceras crúas e o alcohol do corazón, esa gran bandeira de barro, que espernexa nas violas, entre caras de loito e pirolas mortas dentes de can e queixo negro. Ai a palanca desamparada.
Entre imaxes apocalípticas e referencias ao mito de Promoteo, chama a atención sobre a falla de recoñecemento oficial da súa obra literaria en Chile ?só recibiu o Premio Nacional de Literatura en 1965, cando contaba con setenta e un anos, pero o ?exilio? e o nome que levan izado diversos grupos sociais parecen aludir directamente á marxinación literaria que padeceu no ámbito hispánico:
Unha imensa egua sofre no medio do mar e derrúbase o sol desesperado debaixo das cunetas a cincocentas leguas de ti mesmo criatura das carballeiras que nun país lonxano, nun país con pelexo de uva nun país fermoso e universal nun país con tantos paxaros como cánticos estás ti só saíndo de dentro daquelo que me define; Desde a túa morte, unha aguia, eu mesmo mordendo o teu cadavre brúo porque o teu nome levárono izado os avogados e os astrónomos os pederastas os fotógrafos e os boticarios os policías e os xuíces, os onanistas e os reis os vagamundos os presidiarios os presidentes
127
Nº 364