Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
afán de Avilés de acoutar con precisión a realidade enxalzada, os poemas de Cantos caucanos vense inzados de topónimos como xa advertira o poeta Xesús Rábade80: 6 textos acollen un topónimo no título e soamente 1 non o incorpora no interior do poema. As funcións estilísticas dos topónimos non sempre son idénticas, pois mentres en ?O piano? a contraposición EuropaAmérica se materializa en dúas series de topónimos (Viena, Bruxelas, Danubio, Budapest, París vs. Anserma, Nare, Buenaventura, Caldas), en ?Chachahuí? explota con habelencia a expresividade fónica do topónimo do título ata reiteralo no verso do retrouso. A segunda grande innovación temática de Cantos caucanos no universo poético de Avilés de Taramancos está representada pola saudade revertida, a saudade que sente polo territorio colombiano unha vez que regresa a Galicia. O poeta abordou esta dobre saudade nalgunha entrevista e chegou a facer unha breve disquisición ensaística sobre este sentimento nun apartado de ?Galicia no diván? que se converte nunha especie de autopoética. Certamente, 'Unha filosofía da saudade' remite directamente á coñecida obra de Ramón Piñeiro, con quen mantivera a comezos dos anos sesenta unha breve relación epistolar, coma tantos outros membros da súa mesma xeración. Sen embargo, Avilés desentendeuse por completo da peculiar interpretación metafísica do director de Galaxia para retornar á concepción clásica de Teixeira de Pascoaes, que introduciran contra 1918 en Galicia Vicente Risco e Ramón Cabanillas e que deu orixe na poesía galega a unha liña saudosista aínda non analizada como cómpre, pero que cultivaron Noriega Varela, Cabanillas, Eladio Rodríguez, Victoriano Taibo, BlancoAmor, Augusto M.ª Casas e Aquilino Iglesia Alvariño. Evidentemente, Risco utilizaba a saudade como un elemento máis para lograr a ?Soberanía estética da nazón galega? que proclamara na Asemblea Nazonalista de Lugo, mentres que Avilés de Taramancos integra a vivencia da saudade no seu tema principal da perda do paraíso:
Cando se rompe o cordón umbilical, cando se perde o paraíso, as partes desmembradas crían outros mecanismos de defensa e indisolubilidade con fíos moi sutís que se atan no fondo do sentimento e que tenden, cunha forza non de antes coñecida, a unir o que se rompeu. Chegase desde a raíz do ensoño a unha perfeita comunión co ben perdido. Hai unha ánsia permanente de fundirse, de ser un só, e desa ánsia sempre en vilo, nunca cumprida no seu desexo, nace a saudade, que é unha melancolía crónica mais que é tamén un estado de felicidade porque perfila un sentimento, unha ferida na que un se goza, que cauteriza o sentido de culpa ao mesmo tempo que serve de espora e aguillón para ter sempre presente aquelo que se ama na memoria.81
Fronte á saudade Avilés mostra unha posición moi matizada, pois se ben recoñece que é ?unha eiva para poder lanzar o voo definitivamente e nos atranca na empresa de ser ceibes da memória?, tamén advertía que daba ?ese pracer infinito que sela un pacto cósmico entre o home e a súa orixe?. Como podemos observar nas citas precedentes, Avilés de Taramancos, que non deixa de recoñecer o carácter bifronte da saudade, estima este sentimento no que ten de resorte
95 Nº 364