Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Sempre que escoito o son da súa cana rústica vaime entrando no corpo a comunión pagá do verde mar, das illas, da terra aberta que conforma un mundo e o seu confín, onde a mocidade me fixo medrar ás para despois queimalas na luz do ocaso e da lembranza. (91)
4. A POESÍA DE TEMA AMERICANO 4.1. O TEMPO NO ESPELLO En novembro de 1979, probablemente cando xa tiña decidido regresar a Galicia, Avilés de Taramancos asina na cidade de Cali un breve texto que fai as veces de prólogo á poesía eleborada en Colombia. Esas palabras liminares ofrecen a particularidade de explicar as razóns sociais e biográficas da escasa produción literaria desa segunda etapa. O oficio de vivir non lle deixaba tempo de vagar para exercer o oficio de escribir:
Vivir ?sobrevivir vólvese a razón primaria do emigrado. Non hai tempo para gaitas nin para poemas. Erguer un fogar en terra allea, asimilar outra cultura e outra paisaxe, construír inconscientemente outra patria é unha tarefa na que a poesía se vai afogando pouco a pouco no silencio.74
Non chama a atención, logo, que dos dez textos de que consta a primeira parte de Os poemas da ausencia, datados en Bogotá en 1963, tan só unha composición faga referencia explicitamente á realidade americana. El mesmo recoñece que precisou de tempo para apropiarse doutra cultura e lograr as claves literarias con que expresar unha nova paisaxe natural tan diferente á dos seus eidos noieses como privada de tradición nas letras galegas. Nun poema amoroso en hendecasílabos brancos contrapón a primavera de Noia coas condicións inclementes en que vive, só soportables polo amor da súa muller. A ?camponesa de Cáqueza? á que se refire o poema trátase, obviamente, da propia dona do escritor, dona Sofía Baquero, que era ?natural de Santa Ana, Cáqueza?75, no departamento de Cundinamarca, e procedía dunha familia campesiña. Xa atopamos nesta composición un dos tópicos máis reiterados da súa lírica intimista, como é a identificación cun animal para salientar o seu desespero sobrehumano:
Hoxe amiga quero soñarte núa, núa coma un cristal na escuridade. É primavera en Noia, e a noite será unha longa mina de diamantes. Ando lonxe e senlleiro triste e lonxe, como unha besta acoitelada brúo e arrepíanse os Andes ó meu paso. Camponesa de Cáqueza, ferida quixera verte hoxe nos meus brazos eivada como un anxo en rebeldía, entón sería o meu amor a furna da túa fronte aterecida e pálida. E sería o meu nome a túa patria.
91
Nº 364